I. ANTECEDENTES
O día 30 de xaneiro de 2007 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros colaboradores e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
A Dirección Xeral de Formación e Colocación ten asumidas as funcións de intermediación no mercado de traballo e, en concreto, as relativas á inscrición e rexistro de demandantes de emprego e das ofertas de traballo, rexistro de contratos, autorización de axencias de colocación e Rede Eures.
Estas funcións propias do Servizo Público de Emprego desenvolvénse cara ao público baixo a denominación Servizo Galego de Colocación, que presta parte dos seus servizos apoiándose nunha rede de centros colaboradores que complementan e reforzan as funcións das súas propias oficinas de emprego.
O proxecto normativo que se somete a ditame ten como obxectivo regular o funcionamento destes centros colaboradores na súa tarefa de apoio á intermediación no mercado de traballo, así como aprobar as bases e a convocatoria para a concesión de subvencións polas accións que realicen no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servizo Galego de Colocación, relativas á información, captación de ofertas de traballo e accións complementarias ao tratamento desas ofertas.
Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de maio de 2006, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións formuladas por este Comité Delegado no ditame 23/06.
O novo proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto ao borrador de orde do exercicio de 2006:
A denominación de centros asociados substitúese pola de centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación.
As axudas consisten en subvencións e non en compensacións económicas polas accións realizadas (artigo 1º).
A captación das ofertas de traballo concrétase nunhas accións recollidas no artigo 4º, consistentes na posta en contacto co empregador e a remisión do impreso de captación de oferta (recollendo o perfil profesional da vacante a cubrir) á oficina de emprego correspondente, a cal rematará a tramitación de dita oferta.
Deixan de recoñecerse como centros colaboradores as entidades públicas ou privadas constituídas baixo calquera forma xurídica. O novo proxecto normativo recoñece dita condición exclusivamente ás entidades sen ánimo de lucro (artigo 7º).
Suprímense algúns dos requisitos esixidos para ser recoñecido como centro colaborador (os relativos á obriga de dispoñer dunha conexión coa Rede Corporativa da Xunta de Galicia).
Inclúese o traballo social como nueva titulación preferente (artigo 8º).
Establécese unha puntuación para os criterios de adxudicación que se relacionan no artigo 10º.
A resolución da convocatoria de axudas realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva (artigo 11º).
As subvencións poden chegar como máximo a 9.960 euros ao ano (artigo 13º), cuantificándose os pagamentos tendo en conta o número de ofertas captadas e debidamente tramitadas ao mes perante a oficina de emprego correspondente (artigo 15º).
Enténdese por oferta debidamente tramitada, aquela oferta de traballo que unha vez captada polo centro e remitida á oficina de emprego correspondente para a súa xestión, se peche co resultado de contratación por parte da empresa oferente (artigo 15º).
Por último, respecto das entidades recoñecidas no exercicio anterior como centros asociados ao Servizo Galego de Colocación e que non podan continuar con dita condición ao non cumprir os requisitos establecidos no artigo 7º, o proxecto normativo establece, nas súas disposicións transitorias, que se procederá a efectuarlles a correspondente liquidación económica e a dalas de baixa como centros colaboradores, tendo as referidas entidades o prazo dun mes para rematar coa tramitación das ofertas de traballo que se atopen en vigor.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se regula o funcionamento dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros colaboradores consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e dous artigos, cinco disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.
O día 9 de febreiro reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e catro consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).
DITAME 7/07
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros colaboradores, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2007, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de febreiro de 2007, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Este Comité Delegado propón que se revise a redacción do proxecto normativo para adaptala á normativa vixente para a escrita da lingua galega.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:
Primeira.- Artigo 6º. Usuarios dos centros colaboradores.
As organizacións sindicais e empresariais observan que a redacción do apartado 1 é incorrecta, debendo ser a seguinte: Poden ser usuarios dos centros colaboradores do Servizo Galego de Colocación tanto as persoas demandantes como os ofertantes de emprego, ben sexan dirixidos polo Servizo Galego de Colocación a través dos seus servizos centrais ou das súas oficinas de emprego, ou ben o sexan por propia iniciativa .
Segunda.- Artigo 8º. Solicitude.
Este Comité propón que, no apartado 2, letra c) deste artigo, sexa incluida tamén como preferente a titulación en relacións laborais.
Respecto do establecido na letra j), este Comité propón a substitución do termo Declaración xurada polo representante legal da entidade polo de Declaración formal asinada polo representante legal da entidade, ao igual que no anexo I do proxecto normativo.
Finalmente, tendo en conta que a letra j é impropia da lingua galega, este Comité Delegado suxire que nos apartados 2 e 3 deste artigo sexa substituida pola seguinte que corresponda.
Terceira.- Artigo 11º. Tramitación e resolución.
No apartado 3 deste artigo establécese que A resolución motivada dos expedientes
seralles notificada aos interesados.
Este Comité Delegado propón o seguinte:
a) Engadir neste apartado 3 todo o que figura no apartado 5, modificándose o prazo para ditar resolución, propoñéndose o de tres meses contados desde o día do peche do prazo de presentación de solicitudes no correspondente rexistro.
b) Suprimir, en consecuencia co anterior, o apartado 5 deste artigo 11º.
Cuarta.- Artigo 12º. Obrigas dos centros asociados.
Este Comité Delegado considera que as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan, por ser estas impropias da lingua galega.
Quinta.- Artigo 13º. Polas accións de captación de oferta.
Este Comité observa que, por erro, omitiuse no proxecto normativo o título deste artigo.
Por outra parte, este Comité propón substiuir o termo captador por entidade, por consideralo máis apropiado.
Sexta.- Artigo 22º. Participación institucional.
Este Comité Delegado considera que debe engadirse que a participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Galego de Colocación efectuarase tamén, ademáis do Comité Autonómico de Emprego, a través dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que as cuestións relativas á intermediación laboral deben ser competencia exclusiva das Oficinas de Emprego. Neste sentido procedería a supresión dos importes das partidas especificadas nesta Orde e a súa inclusión no capítulo I do orzamento da Consellería, incrementando a dotación de persoal da Rede de Oficinas de Emprego.
Polo tanto, suxírese o incremento do capítulo I da Consellería no importe correspondente ao consignado para estas axudas nas aplicacións 16.03.323V.461.0 e 16.03.323VB.481.3, co fin de dotar de técnicos de emprego a rede pública de Oficinas de Emprego.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.
Consideramos que non debe haber ningunha compensación económica polas accións realizadas polos centros colaboradores.
Segunda.- Artigo 2º. Accións.
Consideramos que se debe plantexar unha única acción que é Captación das ofertas de traballo.
Terceira.- Artigo 3º. Información.
Considérase que debe suprimirse este artigo. A información deberase dar polas oficinas de emprego. Así debese indicar que ante a solicitude de información ou a comprobación da carencia dela, remitirase á oficina de emprego correspondente.
Cuarta.- Artigo 12º. Obrigas dos centros asociados.
Considérase que o disposto na letra e) debe modificarse, posto que as organizacións sindicais son contrarias a que se realice unha xestión privada das ofertas de emprego.
Na letra f) establécese a obriga de Manter á disposición do Servizo Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante e, se é o caso, pola entidade autorizada para realizar o proceso de selección, mentres non este pechada a oferta e despois, enviala dentro dos quince días seguintes ao seu peche á Oficina de Emprego que lle corresponda.
Consideramos que esta obriga debe suprimirse, tendo en conta o disposto no artigo 4º do proxecto normativo (o centro colaborador non vai realizar máis que a captación da oferta).
Así mesmo, e pola mesma razón exposta, debería suprimirse o disposto na letra p), ou, subsidiariamente, substituir o termo expedientes vixentes por expedientes pendentes.
Quinta.- CAPÍTULO III: Subvencións.
Proponse suprimir todo este capítulo, xa que entendemos que a tarefa de intermediación no mercado de traballo forma parte duna intervención integral das políticas activas de emprego, que non debe descansar, en ningún caso, en entidades que non desenvolvan o conxunto do itinerario de inserción.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. Artigo 4º.- Captación de ofertas.
Novidade xa plasmada no proxecto de orde que regulará as actividades de información, orientación e busca de emprego é a relativa á xestión das ofertas de emprego, en especial, a súa fase final de remisión á oficina de emprego correspondente.
Como xa incidimos no seu momento, entendemos que isto redundará nunha dilación importante do proceso e xerará confusión aos empregadores, posto que a solicitude é presentada ante unha entidade que non se ocupará da súa xestión directa e serán varios os seus interlocutores.
Polo exposto, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería incluirse no proxecto normativo a posibilidade do tratamento das ofertas por parte dos centros colaboradores, tal e como recollía a anterior Orde de convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia o 16 de maio de 2005.
Segunda.- Artigo 7º. Definición e requisitos.
A Confederación de Empresarios de Galicia expresa o seu total desacordo coa falta de compensación económica polas ofertas captadas aos centros con recoñecemento para accións de información, orientación e busca de emprego.
Entende a CEG que a captación de ofertas, a axuda á empresa para unha correcta definición do posto de traballo ofertado e dos perfís profesionais necesarios para a súa cobertura, o seu seguimento e posterior peche cos resultados oportunos, sempre realizado por parte de profesionais suficientemente capacitados para dito asesoramento, tal e como establece a Orde, implica un gasto e unha especialización do persoal sen contraprestación económica. Polo tanto, lonxe de fomentar a consecución dun servizo profesionalizado integramente tramitado a través do Servizo Galego de Colocación, parécenos que esta medida potencia o contrario.
Por outra parte, deixan de recoñocerse como centros colaboradores ás entidades públicas ou privadas constituídas baixo calquera forma xurídica.
Con carácter subsidiario e tendo en conta outras consideracións que se manifestan sobre a necesidade de subvencionar as ofertas tramitadas e non pechadas e que as entidades colaboradoras podan facer tramitación, para o suposto de manterse o criterio de subvencionar exclusivamente as ofertas pechadas e de que as entidades non fagan tramitación habería que valorar a posibilidade de colaboración das entidades privadas tal e como se recollía na orde de convocatoria anterior, pois isto favorecería un aumento da porcentaxe de intermediación do Servizo Galego de Colocación e con as suficientes garantías na tramitación da oferta.
Así mesmo, proponse modificar o apartado a) detallando que se entende por profesional suficientemente capacitado. Neste senso, debe establecerse que o citado profesional cumpla os seguintes requisitos:
Estar en posesión dunha titulación media ou superior relacionada cos procesos de selección (psicoloxía, relacións laborais, orientación, etc.).
Ter unha experiencia demostrable en selección de persoal ou noutros aspectos como orientación profesional, motivación cara o emprego, recursos humanos, xestión de bolsas de traballo ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.
Terceira.- Artigo 13º. Polas accións de captación de oferta.
No artigo 13º non se inclúe a compensación polas accións complementarias ao tratamento de ofertas de traballo. A Confederación de Empresarios de Galicia entende que a realización destas tarefas debe incrementar a contía máxima total subvencionada pola Administración.
Cuarta.- Artigo 15º. Forma de pagamento.
Neste artigo cuantíficanse os pagamentos das ofertas captadas e debidamente tramitadas, baseando este último aspecto en que a oferta sexa pechada con contratación por parte da empresa oferente. Así mesmo, establécense tramos cuantitativos para cifrar a subvención a percibir.
Sobre este particular, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que, de manterse a redacción actual do borrador da orde, que exclúe a posibilidade de tramitación das ofertas, non parece xusta a medida de que toda oferta, para ser valorada económicamente, teña que pecharse con contratación laboral tendo en conta que por parte da entidade realizouse exclusivamente o traballo de contactar co empregador e cumplimentar os impresos adecuadamente.