I. ANTECEDENTES
O día 3 de marzo de 2008 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde de desenvolvemento do decreto 251/2007 polo que se regula o recoñecemento de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas e a creación do rexistro administrativo, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O día 18 de xuño de 2007 foi obxecto de ditame por este Comité (Ditame 25/07) o Decreto 251/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o recoñecemento de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas e a creación do rexistro administrativo, que se publicou no DOG con data 8 de xaneiro de 2008.
Na disposición adicional deste decreto dispónse que, para os efectos de regular o procedemento de captación de ofertas que van a ser desenvoltas pola entidades inscritas no rexistro, publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde de desenvolvemento, que é o proxecto normativo que agora se somete a este ditame.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Disponse no artigo 1º que a solicitude de inscrición no rexistro, por parte das entidades que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 251/2007, poderá presentarse en calquera momento a partir da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, participando neste momento a súa vontade de colaborar co Servizo Público de Emprego de Galicia nas tarefas de captación de ofertas.
No artigo 2º establécese que o prazo para executar as accións será dun ano, prorrogable, fixándose o importe da compensación económica pola captación de ofertas en 50 euros por oferta captada e debidamente tramitada, que se pagará trimestralmente, logo da presentación da correspondente factura pola entidade colaboradora.
A disposición adicional segunda establece o financiamento das accións incluídas nesta orde, que ascende a 500.000 euros.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado orde de desenvolvemento do decreto 251/2007 polo que se regula o recoñecemento de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas e a creación do rexistro administrativo consta de: Exposición de motivos, dous artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O día 10 de marzo de 2008 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e catro específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
DITAME 13/08
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde de desenvolvemento do decreto 251/2007 polo que se regula o recoñecemento de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas e a creación do rexistro administrativo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de marzo de 2008, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de marzo de 2008, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:
Primeira.
Este Comité reitera todas as consideracións manifestadas no Ditame 25/07, do 18 de xuño de 2007, emitido en relación co proxecto do Decreto 251/2007 do 13 de decembro polo que se regula o recoñecemento da condición de entidade colaboradora en captación de ofertas do servizo público de emprego de Galicia e a creación do rexistro administrativo, que o presente proxecto normativo desenvolve.
Segunda.
Este Comité propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a utilizar unha redacción que respecte a neutralidade de xénero nos cargos públicos.
Terceira.
Este Comité considera que o texto debe adaptarse á normativa oficial vixente para a escrita do idioma galego.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:
Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité chama a atención sobre a ausencia dunha mención na exposición de motivos á preceptiva consulta ao Consello Galego de Relacións Laborais, propoñendo a súa inclusión.
Segunda.- Artigo 1º. Prazo de presentación da solicitude de inscrición no rexistro.
O primeiro parágrafo deste artigo establece que as solicitudes de inscrición poderán presentarse en calquera momento a partir da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.
Este Comité entende que existe unha contradición entre este precepto e o disposto na disposición derradeira segunda, polo que propón unha nova redacción do artigo 1º na que figure que as solicitudes podan presentarse a partir da entrada en vigor da orde.
Terceira.- Disposición adicional segunda.
Este Comité suxire se suprima, por ser redundante, o termo orzamentarias, quedando a redacción desta disposición como segue: as accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo ás consignacións que figuran nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2008: (...).
Cuarta.- Disposición derradeira primeira.
Esta disposición faculta á persoa titular da Dirección Xeral de Formación e Colocación para ditar resolucións e aclaracións para o desenvolvemento e cumprimento da orde.
Este Comité suxire que o termo aclaracións sexa substituido polo de instrucións.