I. ANTECEDENTES
O día 15 de xuño de 2009 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego das persoas traballadoras desempregadas, facilitando a realización dun traballo por conta propia ou a incorporación como socios e socias traballadores/as ou de traballo a unha cooperativa ou sociedade laboral.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 11 de setembro de 2008 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 17 de xuño de 2007 (Ditame 30/08), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións unánimes manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Este proxecto normativo presenta como novidades a aplicación do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei de subvencións de Galicia (Exposición de motivos) e o cambio na persoa que coñeza e resolva as solicitudes (os/as xefes/as territoriais) debido á aplicación do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (artigo 3º).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas consta de: Exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.
O día 1 de xullo de 2009 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 17/09
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede a convocatoria das correspondentes axudas, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de xuño de 2009, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de xullo de 2009, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Na exposición de motivos consta que foi consultado o Consello Galego de Cooperativas. Este Comité considera que a consulta a este organismo non é necesaria.
Así, de acordo coa normativa reguladora do citado organismo, concretamente o Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, é función propia do Consello Galego de Cooperativas (artigo 3º.d) emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos e disposicións legais e regulamentarias e demais normas que afecten directamente ás cooperativas ou ás súas organizacións .
A afectación directa á que se refire o texto do decreto supón que non todo tipo de normas poderían ser obxecto de ditame preceptivo polo Consello Galego de Cooperativas.
A orde obxecto de ditame ten como persoas beneficiarias traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo que o seu carácter xeral e non específico para os socios/as e traballadores/as de cooperativas exclúe a necesidade de consulta ao Consello Galego de Cooperativas, pois de entenderse de outra forma, toda medida de política activa de emprego debería pasar a consulta preceptiva do devandito organismo. Téñase en conta, ademais, que a propia Orde do 19 de maio de 2006 non foi obxecto do trámite de consulta do mencionado organismo. Polo tanto, debe rexer neste caso o aforismo Accesorium non ducit, sed sequitur suum principalei.
Pola contra, consideramos que debería incluírse a consulta do Comité Autonómico de Emprego, cuxos fins e funcións encaixan nunha consulta previa. Así, o Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico e os comités provinciais de emprego e seguimento da contratación laboral, establece como función deste participar e informar sobre as políticas activas de emprego e emitir informe sobre a programación das medidas das políticas activas de emprego .
Segunda.
Este Comité pon de manifesto que os anexos aos que fai referencia a orde no seu artigo 5º non se achegan xunto co proxecto normativo, polo que non poden ser obxecto de ditame.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, requisitos e principios de xestión.
O apartado c) deste artigo 1º esixe terse constituído como traballador ou traballadora autónomo/a sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.
Este Comité quere propoñer que se teña en conta o xa permitido na lexislación vixente, respecto aos traballadores/as que se teñan constituído como autónomos/as, establecéndose que poderán capitalizar a súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social.
É dicir, considérase que o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluír como persoa beneficiaria a calquera traballador ou traballadora autónomo/a e non soamente a aqueles ou aquelas que teñen discapacidade.
Así mesmo, no apartado 2. a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.
Este Comité considera que hai que engadir o principio de control público, como único garante de que as axudas e subvencións solicitadas cumpran a súa finalidade, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción para o referido apartado:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control público, igualdade e non discriminación.
Segunda.- Artigo 5º. Documentación.
As solicitudes deberán presentarse acompañadas da documentación requirida que deberá ser orixinal ou fotocopia compulsada da mesma.
Este Comité considera que a documentación esixida compre con ser orixinal ou fotocopia cotexada.
Terceira. - Artigo 7º. Resolución e recursos.
Neste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.
Este Comité propón que sexa de tres meses tal e como figuraba na Orde do exercicio de 2005.
Cuarta.- Artigo 9º. Incompatibilidades e concorrencia.
Na redacción deste artigo, ao igual que no artigo 11º, utilízase a expresión ...administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais....
Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo nacional ou nacionais debe substituírse por estatal ou estatais.
Quinta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Diccionario da Real Academia Galega, derradeiro é último nunha serie.
Este Comité considera que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.