I. ANTECEDENTES
O día 19 de febreiro de 2010 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social.
Regúlanse, nesta orde, o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuír ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización da actividade proposta.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 9 de xaneiro de 2009 e tendo en conta o ditame 48/08, emitido polo Consello con data 12 de novembro de 2008, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Como principal novidade respecto da orde publicada no exercicio pasado, o novo proxecto normativo inclúe un novo obxecto de financiamento que son as oficinas de fomento cooperativo, co obxectivo de incentivar o emprendemento cooperativo e/ou a xeración de novos proxectos cooperativos, subvencionándose o aluguer de locais (ata 3.000) e os custos salariais do persoal asesor contratado polo concello e sempre que dedique un mínimo de 10 horas semanais para tal fin (artigo 3º), reservándose para tal finalidade un importe máximo de 100.000 do crédito total (artigo 1º).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación da orde no DOG (artigo 4º) e o órgano instrutor é a Subdirección xeral de Cooperativas e Economía Social (artigo 5º).
Neste proxecto a comisión de avaliación das solicitudes non presenta na súa composición a ningún membro da Federación Galega de Municipios e Provincias nin do Consello Galego de Cooperativas, existindo unicamente a obriga de poñer en coñecemento destes o resultado dos acordos (artigo 6º).
Introdúcense novos criterios de avaliación (artigo 7º), establecéndose a posibilidade de que a comisión aplique módulos máximos de investimentos nas distintas accións de promoción e fomento, os cales serán contrastados, fundamentados e obxecto de exposición pública na páxina web da consellería (artigo 6º).
Establécese a posibilidade de subcontratar, total ou parcialmente, as actividades subvencionadas, quedan fóra da subcontratación aqueles gastos nos cales teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actividade subvencionada (artigo 11º).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010 consta de: Exposición de motivos, trece artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.
O día 22 de marzo de 2010 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración preliminar, unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma e catro consideracións específicas, tamén de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 16/10
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2010, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de febreiro de 2010, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de marzo de 2010, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓN PRELIMINAR DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
O Comité delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames advirte que o motivo da emisión deste ditame fóra do prazo estipulado no artigo 3º.2.b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, obedece á saturación de traballo pola acumulación de proxectos normativos para ditaminar.
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que, respecto da neutralidade de xénero, o emprego das barras o/a non é a solución máis axeitada, suxerindo este Comité a utilización de expresións como: persoa titular de..., persoa traballadora, etc.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira. Artigo 3º.- Obxecto e contía das subvencións.
No apartado 2, segundo parágrafo deste artigo, establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.
Este Comité Delegado considera que neste parágrafo debe constar expresamente que procurarase a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademais das asociacións de cooperativas.
Segunda. Artigo 6º.- Avaliación de solicitudes.
Este Comité Delegado considera que no parágrafo 2 do apartado 2 deste artigo debe constar expresamente que dos resultados do exame dos expedientes pola comisión de avaliación darase conta ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas.
Terceira. Artigo 7º.- Criterios de avaliación.
Este Comité Delegado considera que existen evidentes contradicións entre os criterios de avaliación establecidos neste artigo 7º (apartado 2) e o disposto no apartado 1 do artigo 3º, primeiro parágrafo, nas actividades que figuran a título de exemplo, posto que estas xa son obxecto doutras vías de axuda da propia Consellería.
Cuarta. Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras, cando o certo é que non pode haber dúas derradeiras. Segundo establece o Dicionario da Real Academia Galega, derradeiro é último nunha serie.
Este Comité entende que onde pon Disposicións derradeiras debe dicir Disposicións Finais.
ANEXO
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvencións aos concellos ou mancomunidades de concellos de Galicia que as promovan.
A Confederación de empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían estenderse, non só aos concellos, senón a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 11º. Subcontratación.
A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que neste artigo se estableza a posibilidade de subcontratación por encima do 50%, segundo permite a Lei de subvencións de Galicia.