I. ANTECEDENTES
O día 18 de novembro de 2011 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2012 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo nas entidades locais galegas, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, mediante a concesión de subvencións para o financiamento dos custos derivados da creación ou posta en marcha de oficinas de fomento cooperativo por parte de entidades locais ou agrupacións de concellos.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 21 de xaneiro de 2011 e tendo en conta o ditame 49/10, emitido polo Consello con data 17 de decembro de 2010, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Poderán ser entidades beneficiarias os concellos de Galicia a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local, suprimíndose a solicitude individualizada por parte dos concellos (artigo 2º.1).
No caso dos concellos que non constitúan mancomunidade e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, deberán agruparse un mínimo de catro (artigo 2º.2).
Ningún concello poderá figurar en máis dunha solicitude, sendo unicamente válida a solicitude rexistrada en primeiro lugar (artigo 2º.3).
Neste proxecto normativo o obxecto das subvencións consiste na creación e mantemento de Oficinas de Fomento Cooperativo que deberán integrarse na Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e desenvolver as súas actividades en colaboración coas entidades que forman parte dela (artigo 3º apartados 1 e 2).
Para a creación e mantemento destas oficinas, a contía das subvencións poderá ascender ata o 100% dos custos necesarios para un ano de funcionamento, indicándose os límites para o cálculo do investimento máximo auxiliable (artigo 3º.5).
No artigo 3º.6 contémplanse os límites de investimento para as accións de promoción e fomento do cooperativismo.
A contía máxima do investimento total auxiliable non poderá exceder de 30.000 por solicitude, incrementándose en 5.000 máis por cada concello adicional a partir de catro, ata un límite máximo total de 45.000 (artigo 3º.7).
As actividades subvencionadas poderán contar con outros financiamentos (artigo 3º.9).
Engádense novos criterios de avaliación das solicitudes (artigo 7º.2), establecéndose que, en caso de empate a puntos de baremación, priorizaranse aquelas solicitudes que teñan rexistro de entrada no Rexistro Xeral da Consellería de Traballo e Benestar con anterioridade (artigo 7º.3).
Poderase facer efectivo ata o 80% do total da contía da subvención en concepto de anticipo, unha vez acreditada a súa aceptación e previa solicitude do dito anticipo (artigo 9º.5).
No artigo 10 engádese a obriga da entidade beneficiaria de subscribir o convenio de colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar para a realización de servizos de asesoramento, información e formación e a utilización da oficina de fomento cooperativo como punto da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
Modifícase a contía do financiamento da primeira anualidade das axudas, establecéndose un crédito de 308.420 (artigo 18º), mentres que no exercicio pasado o crédito foi de 250.000 .
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2012 consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, dezanove artigos, unha única disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.
O día 28 de novembro de 2011 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.
DITAME 29/11
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de novembro de 2011, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de novembro de 2011, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, xa que se observan erros como, por exemplo, a utilización reiterada do masculino xenérico (art. 2: Beneficiarios) e do uso das barras (art. 6: xefe/a), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Segunda.
Este Comité propón unha revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, debido a existencia de erros; por exemplo, no artigo 3º.4 figura imbricación, cando o correcto é implicación.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 3º. Obxecto e contía das subvencións.
No segundo parágrafo do apartado 4 deste artigo establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.
Este Comité considera que neste parágrafo debería constar expresamente que se procurará a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademais das asociacións de cooperativas.
Segunda.- Artigo 6º. Avaliación das solicitudes.
Este Comité considera que debería establecerse -no parágrafo 2 do apartado 2 deste artigo- que dos resultados do exame dos expedientes pola comisión de avaliación darase conta ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas.
Terceira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais para non contradicir a definición que do termo derradeira fai a Real Academia Galega.
ANEXO
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvención aos concellos ou mancomunidades de concellos de Galicia que as promovan.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían estenderse non só aos concellos, senón tamén a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.