I. ANTECEDENTES
O día 7 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos, conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, pola que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego contempla a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.
O Real Decreto 34/2008, de 18 de xaneiro, polo que ser regulan os certificados de profesionalidade, ten por obxecto regular os certificados de profesionalidade, en varios aspectos esenciais.
O devandito Real Decreto é modificado polo Real Decreto 189/2013, do 15 de marzo. A teor desta modificación, o artigo 12.2 do Real Decreto 34/2008 establece que con independencia da formación para o emprego, financiada con fondos públicos que terá que estar garantida, as empresas e os centros de formación e os centros integrados de formación profesional de inciativa privada tamén poderán desenvolver accións formativas.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:
Segundo o artigo 2º, poderán solicitar a autorización regulada neste proxecto de orde aquelas empresas e centros de formación acreditados polo órgano competente de conformidade coa normativa vixente.
As solicitudes deben presentarse cunha antelación non inferior a 30 días á data de inicio prevista para a acción formativa (artigo 3º).
Unha vez que a Dirección Xeral de Emprego e Formación efectúe a comprobación dos requisitos esixidos , emitirá unha resolución autorizando ou denegando a realización de accións formativas ao abeiro deste proxecto normativo. O prazo para resolver e notifica será de tres meses a contar desde a presentación da solicitude, salvo períodos de suspensión destinados a completar a documentación requirida (artigo 4º).
De acordo co artigo 7º, durante a impartición de cada curso e á súa finalización, recabarase a opinión do alumnado sobre a docencia recibida, debendo a entidade colaboradora facilitar o acceso e a realización das probas oportunas.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado Orde pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos, conducentes á obtención de certificados de profesionalidade consta de: Exposición de motivos, nove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 25 de novembro de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.
Contén, así mesmo, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I).
DITAME 44/2013
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola pola que se regula o procedemento de autorización para a impartición de accións formativas non financiadas por fondos públicos, conducentes á obtención de certificados de profesionalidade, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de novembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, evitando a utilización do masculino xenérico (por exemplo, alumnos participantes no artigo 5º) e o abuso das barras (o/a director/a xeral no artigo 5º, alumnos/as no artigo 9º), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Segunda.
Este Comité considera que se debería axilizar o prazo máximo para resolver e notificar a resolución, de xeito que exista coherencia entre o prazo de presentación de solicitudes e o de resolución destas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité bota en falta, ao finalizar a exposición de motivos, a necesaria referencia á consulta feita ao Consello Galego de Relacións Laborais.
Segunda.- Artigo 3º. Presentación de solicitudes e documentación.
No segundo parágrafo deste artigo faise referencia a un formulario dispoñible vía web a través do cal se realizarán, preferentemente, as solicitudes.
Este Comité considera que ese formulario pode ter transcendencia, xa que pode conter elementos que non figuren no texto da orde e non é posible pronunciarse respecto del xa que non foi remitido xunto coa documentación enviada para ditame.
Terceira.- Artigo 4º. Procedemento de tramitación.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a comprobación por parte da Dirección Xeral de Emprego e Formación dos requisitos esixidos nesta orde, poderá incluír unha visita in situ.
Este Comité considera que se debería suprimir a expresión in situ da redacción do proxecto.
Cuarta.- Artigo 4º. Procedemento de tramitación.
No seu apartado 3, este artigo prevé que a resolución de autorización poida fixar as condicións, obrigación e determinación accesorias a que deba suxeitarse a entidade autorizada.
Este Comité considera que se debería aclarar que se entende por obrigación e determinación accesorias, tendo en conta que é requisito para a impartición das accións a inscrición dos centros e, polo tanto, o cumprimento dos requisitos establecidos para a súa homologación que xa figuran nos certificados de profesionalidade.
Quinta.- Artigo 4º. Procedemento de tramitación.
O apartado 4º deste artigo dispón que a persoa titular da dirección xeral competente en materia de formación profesional para o emprego, poderá acordar a publicación das entidades autorizadas para impartir accións formativas.
Este Comité entende que se debería substituír a expresión poderá acordar a publicación por acordará a publicación", xa que supón unha obriga e non unha opción para o órgano.
Sexta.- Artigo 5º. Obrigas das entidades autorizadas.
Neste precepto, particularmente no seu apartado 2, figuran obrigas de remisión de documentación sen establecer o prazo para o seu cumprimento.
Este Comité propón que se establezan prazos razoables para cada unha das obrigas de comunicación recollidas neste precepto.
Sétima.- Artigo 5º. Obrigas das entidades autorizadas.
O apartado 10º deste artigo inclúe, entre as obrigas das entidades autorizadas, a de desenvolver a formación con medios económicos propios e suficientes para o seu desenvolvemento.
Este Comité considera que se debería suprimir o inciso económicos propios e, xa que da a entender que eses medios deben proceder da propia entidade, cando o xeito de financiamento non é obxecto do proxecto normativo.
Oitava.- Artigo 6º. Obrigas do alumnado.
Obsérvase unha incorrección ortográfica no apartado 2º deste artigo, xa que figura a palabra obstaculación, que debería ser substituída por obstaculización.
Novena.- Artigo 6º. Obrigas do alumnado.
No mesmo apartado 2º, proponse que se suprima o inciso final co visto e prace do/a técnico/a de seguimento, xa que supón unha inxerencia impropia no funcionamento interno da entidade autorizada.
Décima.- Artigo 6º. Obrigas do alumnado.
De acordo co apartado 3º, Será causa de non superación do módulo formativo, a ausencia superior ao 25% do total de horas do mesmo.
Este Comité propón engadir, a continuación, ou a non superación das probas de avaliación pertinentes.
Décimo primeira.- Artigo 7º. Avaliación, seguimento e control da calidade da formación.
Este artigo prevé que se recabe a opinión do alumnado sobre a docencia recibida.
Este Comité entende que esa opinión debería recabarse sobre a formación recibida, e non tanto sobre a docencia que, se ben é unha parte importante da formación, non comprende todos os aspectos desta.
Décimo segunda.- Disposicións finais.
Obsérvase que baixo o epígrafe disposición final se agrupan dúas disposicións, polo que debería corrixirse o título e figurar como disposicións finais.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 6º. Obrigas do alumnado.
A Confederación de Empresarios de Galicia entende que, no que respecta ás obrigas do alumnado, deberían recollerse aspectos relacionados coa boa execución das accións e o máximo aproveitamento da formación, tales como o cumprimento horario, ausencias xustificadas ou as normas de conduta, aspectos que poden quedar recollidos nun regulamento de réxime interno que deba ser adxuntado á solicitude.
Así mesmo, é de importancia contemplar as causas obxectivas de exclusión do alumnado.