Pasar al contenido principal

Ditame 34/17

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

I. ANTECEDENTES
O día 27 de outubro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, o recoñecemento de todas as formas da aprendizaxe (con especial atención ao recoñecemento da experiencia laboral) ocupa un lugar destacado dentro das políticas activas de emprego e formación da Unión Europea que buscan fomentar a aprendizaxe ao longo de toda a vida.

Isto plasmouse en 2004 cos Principios comúns europeos para a validación da aprendizaxe non formal e informal, no 2009 coas Directrices europeas para a validación da aprendizaxe non formal e informal e, finalmente, no 2015 a través do Ditame do Comité das Rexións co Recoñecemento de capacidades e competencias adquiridas a través dun aprendizaxe non formal e informal e, finalmente, na Nova Axenda das Competencias para Europa que recolle a crecente importancia da educación non formal e informal como un dos motores do cambio.

En consonancia, en España apróbase a lei Orgánica 5/2002 de 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, que ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Un dos fins deste Sistema Nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.
O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais. En Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017, publicada no DOG o día 19 de xaneiro de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 28 de decembro de 2016 (Ditame 29/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

A única modificación que presenta este proxecto normativo respecto da Orde para o exercicio 2017 é a relativa ao número das prazas existentes para cada unha das cualificacións profesionais, que varía respecto das que se establecían para o exercicio anterior (artigo 1).
Así mesmo, engádese unha nova cualificación profesional (confección e mantemento de artes e aparellos).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, unha disposición adicional e tres finais.

O día 9 de novembro de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello.

DITAME 34/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a convocatoria pública do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de outubro de 2017, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de novembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité observa algúns erros lingüísticos no texto deste proxecto de orde, como o mal uso das barras: desistido/a (artigo 13) ou asesor/a (artigo 18), entre outros, que se considera non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.
Respecto da cualificación profesional de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, este Comité propón que se convoque un procedemento de habilitación excepcional para as persoas maiores de 55 anos que acrediten ter unha experiencia de tres anos.

Estas habilitacións excepcionais prevense no Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, que modifica parcialmente o Acordo de 27 de novembro de 2008, sobre acreditación de centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (BOE do 16 de novembro de 2015).
Por outra banda, respecto das operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural, este Comité considera que se debería incrementar en maior medida o número de prazas convocadas nesta cualificación profesional para adaptarse á demanda existente tanto en lista de espera como de novas incorporacións.

Segunda.- Artigo 6. Puntos de información.
Na Resolución do 27 de novembro de 2014, pola que se regulaba ata agora a convocatoria deste procedemento de recoñecemento de competencias profesionais, esixíase que houbera, en cada punto de información, un profesional designado para as funcións de información.

Este Comité considera que se debería recuperar esa esixencia.

Terceira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

Cuarta.- Disposicións derradeiras [sic].
As disposicións non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Artigo 8. Solicitude e documentación xustificativa dos requisitos esixidos.
No apartado 4.f)1º,1.2 esíxese, ás persoas traballadoras asalariadas, fotocopia compulsada do contrato de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas.

Por outra banda, no apartado 4.f)2º, 2.2 esíxese, ás persoas traballadoras autónomas, unha descrición da actividade desenvolvida.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que, para equiparalas coas persoas autónomas, debería dárselle ás persoas traballadoras asalariadas a posibilidade de que, a falta da certificación esixida, poidan presentar unha declaración responsable na que describir as actividades que desenvolveron.

Número ditame
34