I. ANTECEDENTES
O día 30 de outubro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.
Segundo a exposición de motivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para dar cumprimento a ese mandato legal, implementa para o ano 2018 un programa dirixido a fomentar a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, mediante a contratación subvencionada de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral e/ou en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de integración social de Galicia.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 22 de maio de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 11 de abril de 2017 (Ditame 13/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto normativo parece non presentar modificacións respecto do texto da mesma Orde para o exercicio de 2017.
Cómpre sinalar que, aínda que a dotación orzamentaria que fixa este proxecto de orde é a mesma prevista na Orde anterior, os créditos previstos para 2017 foron ampliados en 2.683.122,49 euros pola Orde do 7 de agosto de 2017 (DOG do 17 de agosto de 2017).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, 17 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 9 de novembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestada polas organizacións sindicais.
DITAME 35/2017
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2018, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de outubro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de novembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
O financiamento destas axudas no exercicio de 2015 era de 10.000.000€.
Este Comité non ve xustificada a minoración do crédito efectuada desde o exercicio 2016, que pasou a ser de 5.698.398€, contía que se mantén para os últimos dous exercicios.
Segunda.
O Comité entende que o obxecto e finalidade destes programas fan aconsellable que non se circunscriban exclusivamente ás entidades locais e se permita a participación neles das entidades sen ánimo de lucro, especialmente as que teñen, entre as súas finalidades, a persecución dun interese social.
Terceira.
Este Comité solicita que se facilite a folla de datos estatísticos do exercicio 2017 que debe acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Cuarta.
Este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso do uso das barras, por exemplo, nos artigos 12.e) “beneficiarios/as” e 16.c) “contratados/as”, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Hai que ter en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.Exposición de motivos.
A redacción do sétimo parágrafo da Exposición de Motivos é excesivamente complexa, como tamén o é a do número 3 do artigo 2, polo que este Comité propón que se simplifique a súa redacción e que se prime, na fórmula de reparto, o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada provincia.
Segunda. Artigo 2.- Financiamento.
Este Comité considera que debería substituírse o baremo que figura no número 4 deste artigo polo establecemento dunha porcentaxe igual sobre o número de persoas preceptoras da Risga en cada concello.
Terceira. Artigo 4.- Contía da subvención.
No apartado 3 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización.
Cuarta. Artigo 11. Resolución.
O número 2 deste artigo prevé un prazo de resolución de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude.
Este Comité entende que, dado que a finalidade desta convocatoria é atender a persoas en situación delicada e urxente, o dito prazo debería reducirse a un mes.
Quinta. Artigo 11. Resolución.
O apartado 2 deste precepto prevé que o prazo de resolución e notificación se compute desde a finalización do prazo de presentación da solicitude cando, ao non existir concorrencia competitiva, o prazo debería computarse a partir da presentación da solicitude.
Sexta. Artigo 12. Requisitos da contratación.
Na letra d) deste artigo disponse que terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral e os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.
Este Comité entende que, de cara a non discriminar a outros colectivos beneficiarios, a redacción debería ser: “terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral”, polo que se propón a supresión do resto do parágrafo.
Sétima. Artigo 12. Requisitos da contratación.
No apartado e) deste precepto establécese o requisito de solicitar as persoas demandantes non ocupadas mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiaras RISGA, nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, engadindo que, excepcionalmente, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.
Este Comité considera que deberían constar expresamente na orde cales son as referidas situacións excepcionais.
Oitava. Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité observa que o disposto na letra h) deste artigo non garda relación co obxecto desta orde, polo que debería suprimirse.
Novena. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Décima. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.
ANEXO
CONSIDERACIÓN E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.
Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.