I. ANTECEDENTES
O día 8 de novembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e se convocan para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.
As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2017, publicada no DOG o día 16 de febreiro de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 28 de decembro de 2016 (ditame 27/2016), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
A primeira novidade afecta ao procedemento de concesión das axudas recollidas neste proxecto de orde, que pasa a ser o de concorrencia non competitiva (Exposición de motivos).
Elimínanse dous dos catro programas de axudas que se establecían para o exercicio anterior: o programa de impulso de proxectos empresariais colectivos e o programa de intercooperación e integración empresarial (artigo 1).
Respecto da contía dos incentivos, mantense a previsión dunha serie de supostos nos que a dita contía se ve incrementada nun 25% (artigos 24 e 30). Pero suprímese un suposto (o relativo ás persoas pertencentes a unha unidade familiar con todos os seus membros en situación de desemprego) e engádese un novo (que afecta ao colectivo das persoas maiores de 45 anos).
En canto ao financiamento, obsérvase unha diminución dos créditos asignados a cada un dos programas: así, o programa I pasa dunha contía de 1.458.828 euros a 1.000.000 e o programa II pasa dunha dotación de 900.000 euros a 800.000 (artigo 38).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e se convocan para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, trinta e nove artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.
O día 27 de novembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG (Anexo II).
DITAME 38/2017
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social), cofinanciadas parcialmente con cargo ao Programa Operativo do Fondo Social Europeo e se convocan para o ano 2018, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de novembro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de novembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité entende que se debería xustificar, na exposición de motivos do proxecto normativo, a razón da desaparición do programa de impulso de proxectos empresariais colectivos e do programa de intercooperación e integración empresarial.
Segunda.
Este Comité bota en falta, na folla de datos estatísticos do exercicio 2017 que acompaña ao proxecto de orde, o dato relativo ao número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.
Segunda.- Artigo 9. Emenda das solicitudes.
O terceiro parágrafo deste precepto establece que: “nos programas I e II deberá analizarse a viabilidade do proxecto empresarial ou plan de empresa con base na documentación presentada e, no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor proporá a desestimación da solicitude por esta causa”.
Este Comité entende que debería preverse unha audiencia da entidade solicitante con anterioridade á desestimación.
Terceira.- Artigo 10. Comprobación de datos.
En relación cos apartados 1 e 2 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, no apartado 1, a obriga da persoa interesada de aportar os documentos e, no apartado 2, a presunción de que autoriza expresamente ao órgano xestor para que consulte eses datos.
Cuarta.- Artigo 13. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo obsérvase o emprego do masculino xenérico cando alude á presentación da solicitude polo interesado, que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe en materia de xénero, polo que se propón que a expresión en cursiva sexa substituída por “presentación da solicitude pola persoa interesada”.
Quinta.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 9 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.
Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente neste caso, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social.
Séxta.- Artigo 17. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
No apartado 1.a) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).
Oitava.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Artigo 27. Obrigas das beneficiarias.
Os apartados 1 e 2 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 33, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.
As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 5. Definicións
Respecto ao concepto persoas desempregadas recollido neste precepto, a CEG considera que deberían incluírse aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego e que, polo tanto, necesitan mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego.
Pola mesma razón, a CEG propón que as devanditas persoas se inclúan entre os colectivos a subvencionar no artigo 6 deste proxecto.