Pasar al contenido principal

Ditame 41/17

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de novembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, con este proxecto de orde trátase de aunar a necesidade da empresa de contar con persoas traballadoras cualificadas e adaptadas as súas formas de produción, coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas. A empresa, por un lado, pode atender as súas necesidades máis inmediatas, determinadas pola ampliación da súa actividade ou a apertura de novas liñas de negocio, cubrindo esa ausencia de persoal o desempeño dun posto de traballo na empresa. Deste xeito, existe unha grande vinculación entre a formación e o emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017, publicado no DOG o día 22 de febreiro de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 11 de xaneiro de 2017 (Ditame 3/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Na orde anterior esixíase ás entidades, para poder ser beneficiarias, que empregaran a 50 ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados en Galicia, requisito que se suprime neste proxecto de orde (artigo 4).
No artigo 20 suprímese, como criterio de avaliación da solicitudes, o feito de que as accións formativas vaian dirixidas a colectivos de persoas traballadoras desempregadas con especiais dificultades de inserción que, na orde anterior, se avaliaba con 5 puntos.

O artigo 41 regula a figura das persoas destinatarias da formación. Na orde para o ano 2017 establecíase a preferencia de certos colectivos como as mulleres ou desempregados de longa duración, entre outros. No novo proxecto a preferencia outórgase ás persoas desempregadas que demanden emprego para postos de traballo semellantes ou análogos aos que se dirixe a formación obxecto de financiamento e, entre estas, ás que leven máis tempo sen participar en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego e máis tempo inscritas como demandantes de emprego.

Tanto respecto do programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (artigo 18) como do programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata (artigo 49), o compromiso de contratación debe superar o 40% do alumnado formado, porcentaxe que na orde para o exercicio anterior era do 60%.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación” consta de: Exposición de motivos, sesenta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 5 de decembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: tres consideracións xerais e dez específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e pola Confederación de empresarios de Galicia (Anexo II).

DITAME 41/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas e dos incentivos á contratación, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de decembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
A Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, establece no seu Artigo 1º que este organismo “constitúese como ente de diálogo institucional entre sindicatos e asociacións empresariais e como órgano consultivo e asesor da comunidade autónoma nas materias relativas á súa política laboral”, así como que o CGRRLL “conta con personalidade xurídica e patrimonio de seu e actúa con plena autonomía funcional para o cumprimento dos seus fins nos termos desta lei”.

Pola súa vez, o Artigo 3º, relativo ás súas funcións preceptúa que “No desenvolvemento das súas funcións, o Consello Galego de Relacións Laborais actúa con autonomía respecto da Xunta de Galicia e de calquera outra institución da Comunidade Autónoma de Galicia”, concretando a función de “Emitir ditames sobre os proxectos normativos dos organismos e departamentos da Administración autonómica e doutras institucións da Comunidade Autónoma en materia laboral, que lle serán solicitados preceptivamente”, establecendo a liña seguida que “O prazo para a emisión dos ditames será de trinta días hábiles cando se trate de borradores de anteproxectos de lei e de decretos, e de quince días hábiles cando se trate de normas regulamentarias de rango inferior. Para o efecto de cumprir axeitadamente os devanditos prazos constituirase un Comité Delegado do Pleno para a emisión de ditames, coas funcións, a composición e as características que se establezan por acordo do Pleno”.

Os prazos que a lei establece entendemos que veñen fundamentados na necesidade de que os ditames do Consello ofrezan á Administración Laboral a opinión consensuada, ou no seu caso de parte, das organizacións que formamos o organismo, o que require dun procedemento de estudo de cada proxecto normativo, consulta nas diferentes organizacións, preparación de propostas de consideracións e posta en común das diferentes aportacións, ademáis do traballo técnico previo e posterior do persoal ao servizo do Consello. Desenvolver todo este procedemento coa mínima calidade esixible require, efectivamente, dos prazos razonables que a Lei outorga, por máis que o froito do traballo do Comité de Ditames, á luz da experiencia, non ten toda a axeitada resposta que sería desexable por parte da autoridade laboral.

Cómpre lembrar que o Comité Delegado adoita emitir os seus ditames sen esgotar os prazos de emisión e atendendo en moitas ocasións os requirimentos da maior axilidade posible.

Débese ter tamén en conta algo obvio: as persoas que fan parte do Comité de Ditames en representación das organizacións non teñen adicación exclusiva ao servizo deste órgano colexiado. Compartimos o criterio de máxima urxencia cando a norma ven motivada por sucesos extraordinarios que reclamen unha áxil resposta, pero é difícil de entender cando, como é o caso, este proxecto (así o afirma a súa exposición de motivos) vense preparando dende a elaboración –fai máis de dous anos- das que a Consellería denomina “Axenda 20” ou “Plan estratéxico de Galicia 2015-2020”.

Pois ben e en concreto, este proxecto normativo tivo entrada no Consello o día 28 de novembro de 2017, tendo polo tanto un prazo de emisión que se estendería até o 21 de decembro de 2017. Sen embargo, por razóns de urxencia (que a Lei non prevé) se nos requiriu pola Consellería o seu despacho en escasos 5 días.

Cómprenos advertir que esta premura non pode redundar máis que nun tratamento insuficiente e superficial do proxecto de norma, cuestión que sen dúbida pode afectar seriamente o exercicio responsable da función consultiva que a Lei nos sinala.

Por todo iso, este Comité Delegado demanda encarecidamente da Administración laboral que a tramitación dos proxectos normativos se axuste aos preceptos legais.

Segunda
Este Comité propón que se teñan en conta as consideracións formuladas no ditame 1/2017 sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2017, que resulten de aplicación a este novo proxecto.

Terceira.
Este Comité observa que seguen a existir neste proxecto normativo erros de forma e de redacción, entre outros:
.O uso das barras, por exemplo nos artigos 25, 30 e 33.
.O emprego do masculino xenérico, por exemplo “alumnos” (artigo 48) ou “titor” (no artigo 27).
.O uso de letras impropias do alfabeto galego nas clasificacións: a letra j no artigo 4 e as letras j e k no artigo 24.
.O artigo 51.4 refírese, erroneamente, á contratación indefinida inicial a tempo parcial.
.Obsérvase un erro na numeración no artigo 22.c), xa que do subapartado b) pásase ao d).

Proponse, polo tanto, a corrección do texto do proxecto normativo.

Cuarta.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo faise referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é preciso facer referencia a estes últimos.

Quinta.
Nos artigos 12 e 24 establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria emendar a situación de ter “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

Sexta.
Este Comité solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2017, correspondentes ás dúas ordes que se refunden neste proxecto, que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 6. Solicitudes e prazo.
Segundo o apartado 6 deste precepto: “o prazo para a presentación das solicitudes das axudas establecidas no capítulo II virá determinado polo cronograma de procesos de selección que se establece no apartado 6 do artigo 20, de tal maneira que a data límite para a presentación de solicitudes no 2017 será o 31 de outubro.

Este Comité propón que se elimine a referencia ao cronograma, xa que eses prazos aluden á resolución das solicitudes e non á súa presentación, cuxa data límite figura xa a continuación.

Por outra banda, proponse que o prazo de presentación de solicitudes para o ano 2017 permaneza aberto todo o ano en concordancia cos prazos recollidos no baremo do artigo 20.6.


Segunda- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación cos apartados 1 e 3 deste artigo, este Comité continúa a aconsellar que se invirta a redacción destes preceptos, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Terceira.- Artigo 20. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
No apartado 7 o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Cuarta.- Artigo 53. Exclusións.
Tanto no apartado 3 deste precepto como no artigo 60.3, alúdese a persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa ou única empresa.

Este Comité considera que se debería redactar correctamente e incorporar o concepto de “única empresa” que establece o apartado 2 do artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Sexta.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
Entendemos que o obxectivo último e real deste proxecto normativo é a transferencia de recursos económicos do Erario a determinadas empresas, simplemente porque estas cumpran coa súa obriga legal de formar ao seu persoal no desempeño laboral que elas precisen, polo que se deturpa claramente a función legal de adicar os recursos públicos e as cotizacións para Formación Profesional das persoas traballadoras e do conxunto das empresas, ás súas finalidades naturais.

Débese ter presente que as empresas privadas xa teñen acceso á formación para o emprego nas súas diferentes convocatorias e ao traveso da formación bonificada para persoas ocupadas.

Por outro lado, resulta sorprendente a alta flexibilización dos criterios e requisitos de impartición, execución e xustificación para esta e outras liñas subvencionais dirixidas en exclusiva á empresa privada, con respecto a rixidez que se manifesta nas normas que regulan as convocatorias de accións formativas de alcance máis xeral.

Finalmente, consideramos que a regulación do “novo modelo de formación” que prevee legalmente a participación determinante dos interlocutores sociais máis representativos no deseño e a planificación da formación, non se está a respectar na tramitación deste proxecto normativo.

Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que habería que engadir e lembrar que o criterio unánime do Consello Galego de Relacións Laborais, segundo se fai constar na Consideración Xeral Primeira do seu ditame 18/2014 é que "non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral de Accións Formativas para persoas traballadoras desempregadas, como vía de programación específica".

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste precepto suprímese o requisito de que as empresas empreguen a cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, para poder ser beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

Así mesmo, suprímese o último parágrafo deste apartado 1, segundo o cal: “non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención”, salvo nunha serie de casos que se relacionaban a continuación.

As organizacións sindicais propoñen que se recuperen ambas previsións.

Segunda.- Artigo 18. Accións subvencionables e requisitos.
Segundo o apartado 1 deste artigo, serán subvencionables as accións formativas que reúnan unha serie de requisitos, entre outros, que as ditas accións inclúan o compromiso de contratación dun mínimo do 40% do alumnado formado.

As organizacións sindicais consideran que esa porcentaxe mínima debería manterse no 60% que esixía a orde para o ano 2017.

Terceira.- Artigo 20. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Na orde para o exercicio anterior outorgábanse 5 puntos no caso de que as accións formativas estiveran dirixidas a colectivos de persoas traballadoras desempregadas con especiais dificultades de inserción, previsión que se elimina no actual proxecto normativo.

As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar esa previsión, en congruencia co feito de que o programa II prevé incentivos específicos para a contratación de persoas pertencentes aos ditos colectivos.

Cuarta.- Artigo 20. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
En relación coa consideración específica terceira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Quinta.- Artigo 41. Persoas destinatarias da formación.
O último parágrafo deste artigo establece que: “terán preferencia para a participación nos cursos as persoas desempregadas que demanden emprego para postos de traballo semellantes ou análogos aos que se dirixe a formación obxecto de financiamento e entre estes os que leven máis tempo sen participar en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego e máis tempo inscritas como demandantes de emprego”.

As organizacións sindicais consideran que o previsto neste apartado é totalmente discrecional e que deberían fixarse uns criterios obxectivos para saber quen son as persoas destinatarias da formación.

Sexta.- Artigo 51. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Sétima.- Artigo 52. Contía dos incentivos.
O apartado 3 deste artigo establece que “os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 100% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona”.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado, debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Oitava.- Artigo 53. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Formúlase a mesma consideración respecto do apartado 4 do artigo 60.

Novena.- Artigo 56. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste precepto establece a obriga das entidades beneficiarias de manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que ese prazo debería ampliarse a 5 anos.

Décima.- Artigo 58. Requisitos.
A sección 3ª regula os incentivos á contratación temporal nos artigos 58 e seguintes.

As organizacións sindicais consideran que non se deberían incentivar os contratos temporais de persoas desempregadas, senón fomentar exclusivamente a súa contratación indefinida.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 28. Pagamento.
Os pagos regulados nos apartados 1 e 2 deste artigo deberían ser obxecto de concreción e calendarización por parte da Administración xa que, de xeito habitual, se veñen dilatando no tempo co consecuente prexuízo para as entidades executoras.

Por iso propóñense os seguintes prazos máximos para facer efectivos os pagos:
- O primeiro anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á emisión da resolución de concesión.
- O segundo anticipo debería facerse efectivo no prazo dos tres meses seguintes á acreditación do inicio da actividade formativa.
- O último pago debería facerse efectivo no prazo dos seis meses seguintes á finalización e xustificación da actividade formativa.

Número ditame
41