Pasar al contenido principal

Ditame 43/17

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES
O día 28 de novembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a Xunta está a implementar a Axenda 20 para o Emprego para impulsar o emprego estable e de calidade e acadar un novo modelo produtivo baseado no crecemento e no coñecemento. Centraríase en tres retos: fomentar o emprego de calidade, reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas. O Goberno galego buscaría reforzar unha atención especial aos colectivos con maiores dificultades de acceso a un posto laboral por medio de diversas medidas.

A Axenda destaca tamén a necesidade de contar cunha industria que se oriente á obtención dun maior valor engadido dos sectores tradicionais, ao tempo que saiba fomentar as actividades emerxentes ou de alto potencial de crecemento. Considérase a formación das persoas como un dos compoñentes necesarios do programa de reforzo das persoas e das organizacións, así como a necesidade de que o sistema formativo se oriente ás necesidades da industria, polo que cómpre que se impartan accións formativas vinculadas con certificados de profesionalidade.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame pero vén a recoller unhas axudas que xa se prevían en ordes distintas segundo o colectivo ao que se dirixen.

Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 1, as axudas reguladas neste proxecto de orde buscan facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo e favorecer o emprego estable, así como facilitar a empregabilidade e ocupabilidade. Para elo inclúen un bono de contratación e un bono de formación.
As solicitudes dos devanditos bonos deberán presentarse no prazo dun mes desde a data de formalización do contrato (artigo 7) e o prazo para resolver e notificar fíxase en tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación (artigo 13).

O bono de contratación subvenciona as contratacións indefinidas iniciais e as temporais cunha duración inicial mínima de doce meses, realizadas con persoas desempregadas de longa duración, con discapacidade, en risco ou situación de exclusión social, desempregadas que esgotaran as prestacións por desemprego ou con persoas traballadoras procedentes dun centro especial de emprego (artigo 21).

A contía deste bono de contratación será de 4.000 euros, incrementable nun 25% cando a persoa incorporada pertence a certos colectivos que relaciona o artigo 23.

Segundo o artigo 30, as empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas contratadas por medio do bono de contratación anteriormente referido. Dita formación incentívase cunha axuda de 1.000 euros por cada persoa contratada que a reciba na súa integridade (artigo 32).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, trinta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 14 de decembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: tres xerais e sete específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha xeral e dúas específicas manifestadas pola Confederación de empresarios de Galicia (Anexo II).

DITAME 43/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos á contratación na empresa ordinaria, e se procede a súa convocatoria para o ano 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de decembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Obsérvanse algúns erros de carácter lingüístico en materia de xénero no artigo 5 como o uso das barras (galego/a, vinculado/a entre outros) ou o emprego do masculino xenérico (emigrante retornado).

Igualmente, obsérvase o emprego da letra j na clasificación dos artigos 6 e 26, así como da letra k no artigo 26, que son impropias do alfabeto galego e deberían substituírse polas que correspondan.

Finalmente, na disposición derradeira primeira establécese que se “faculta á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditaren (...) as resolucións e instrucións necesarias (...). O termo en cursiva debería substituírse por “ditar”.

Segunda.
Este Comité solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2017, correspondentes ás tres ordes que se refunden neste proxecto, que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias.
No apartado c) deste artigo establécese como obriga das entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 27.4 e 33.4.

Segunda.- Artigo 20. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Terceira.- Artigo 26. Comprobación de datos.
En relación cos apartados 1 e 2, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar os datos e as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome esa documentación.

Cuarta.- Capítulo III. Bono de formación (opcional) para as accións formativas.
Este Comité propón suprimir o termo “opcional” do título do capítulo III por consideralo superfluo.

Quinta.- Artigo 31.Execución das accións formativas.
Segundo este precepto, “as entidades beneficiarias desenvolverán as accións formativas a través de medios propios ou por medio da súa contratación, podendo realizalas tanto nas súas instalacións como nas da entidade encargada da súa formación, dentro dos tres primeiros meses da formalización do contrato”.

Este Comité propón substituír a expresión do texto en cursiva polo seguinte: “entidade contratada para a formación”.

Sexta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Sétima.- Disposición adicional primeira.
No artigo 34 figura un segundo parágrafo que establece que “a BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación”.

O mesmo parágrafo aparece novamente reproducido ao remate da disposición adicional segunda.

Ese texto debe eliminarse das localizacións sinaladas e aparecer ao final da disposición adicional primeira.

Oitava.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
Respecto ao bono de formación para accións formativas regulado no capítulo III deste proxecto normativo, as organizacións sindicais consideran que calquera programa de formación subvencionado con fondos públicos debe formar parte do plan de formación da empresa e contar coa conformidade da representación legal das persoas traballadoras.

Terceira.
Xa que a finalidade da orde, segundo o seu artigo 1, é a de facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas que presentan desvantaxes e dificultades particulares para permanecer no mercado de traballo, e favorecer o emprego estable e facilitar a empregabilidade e ocupabilidade, as organizacións sindicais consideran que non se deberían xeralizar os contratos temporais, senón recorrer a eles unicamente como unha fórmula para ingresar no mercado de traballo no caso daqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais consideran que debería engadirse un apartado que especifique que non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención salvo nos seguintes casos:

a) Que tivesen un expediente de regulación de emprego derivado de forza maior nese período.

b) Se non teñen a súa sede social en Galicia, que non reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude nos seus centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que a contratación comprometida por esta axuda supoña a recuperación do nivel de emprego dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

Todo isto para garantir o mantemento do emprego.

Segunda.- Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste precepto establece que os beneficios á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial dunha anualidade correspondente ao contrato que se subvenciona.

As organizacións sindicais consideran que o custo máximo subvencionable debería ser o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 23.

Terceira.- Artigo 22. Requisitos.
Segundo o apartado 2 deste artigo: “como consecuencia da contratación inicial que se fomenta ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención”.

As organizacións sindicais consideran que ese período de referencia de tres meses debería elevarse a un ano.

Cuarta.- Artigo 22. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cálculo do incremento do cadro de persoal neto non se computarán ás persoas traballadoras fixas cuxas baixas se producisen por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Quinta.- Artigo 24. Exclusións.
O apartado b) recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Sexta.- Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo obriga á entidade beneficiara a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada durante un período mínimo dun ano, contado desde a data de realización da contratación.

As organización sindicais consideran que ese período mínimo debería incrementarse ata os cinco anos cando se trata de contratos indefinidos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Consideración xeral:

A CEG solicita que se recupere o programa de incentivos á transformación da contratación temporal en indefinida, ampliado a todo tipo de colectivos co obxeto de mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, aumentar a contratación de carácter estable e facilitar e incentivar ás empresas que fan un esforzo para dotar de estabilidade á súa plantilla.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e finalidade.
No apartado 2.a) deste artigo, establécese que a duración inicial mínima da contratación temporal é de 12 meses.

A organización empresarial que integra este Comité considera que a duración mínima do contrato de duración determinada debería ser de 6 meses e, en consecuencia, adaptar as contías estipuladas na orde a esta duración.

Segunda.- Artigo 22. Requisitos.
No apartado 2 deste artigo figura como requisito de acceso aos incentivos o de incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención. En opinión da CEG este requisito, no suposto de contratacións indefinidas, debera eliminarse pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores. A CEG considera suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.

Número ditame
43