Pasar al contenido principal

Ditame 44/17

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de novembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, estes programas tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional desde a dobre perspectiva de servir de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles, e de dinamizar e xerar novas actividades no medio local e rural.

O obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade das persoas traballadoras desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas de menor poboación e con menos oportunidades laborais que perden veciños ano tras ano. A Axenda 20 para o emprego contén, entre as medidas en materia de emprego de calidade, as dirixidas á contratación de determinados colectivos a través do Programa APROL, entre eles, o medio rural co programa APROL RURAL.

A través desta orde realízase unha adxudicación en réxime de concorrencia non competetiva, garantindo un mínimo de dous contratos aos concellos rurais que se adhiran ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Busines [sic] Galicia”, asinado con data 10 de outubro de 2017.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2016 (publicado no DOG o día 8 de setembro de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 27 de xullo de 2017 (Ditame 30/2017), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Na exposición de motivos introdúcese un novo requisito aos concellos rurais para que poidan ser beneficiarios das axudas que recolle este proxecto: deben adherirse ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Busines [sic] Galicia”, asinado con data 10 de outubro de 2017.

En consecuencia, entre a documentación que o artigo 8 esixe presentar xunto coa solicitude, inclúese agora a acreditación da FEGAMP de que o concello se atopa acollido á dita iniciativa con anterioridade á data de presentación da solicitude.

Tal e como se establece na exposición de motivos, garántense un mínimo de dous contratos a cada concello, cando na orde para o exercicio 2017 soamente era un contrato.

Os programas que se recollen neste proxecto de orde financiaranse cun crédito de 7.000.000 euros, o que supón un aumento de 2.000.000 euros respecto do previsto na Orde para o exercicio anterior (artigo 2).

Na orde para o ano 2017 establecíase a imposibilidade de contratar, con cargo a estas subvencións, ás persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo a certas axudas concedidas no exercicio anterior pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Neste novo proxecto o devandito período de seis meses pasa a ser de 9 (artigo 14).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 14 de decembro de 2017 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais.

DITAME 44/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (APROL rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de novembro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de decembro de 2017, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Segunda.
Obsérvanse algúns erros de carácter lingüístico en materia de xénero no proxecto normativo como o uso das barras no artigo 14 (polos/as traballadores/as) ou no artigo 18 (secretario/a) ou o emprego do masculino xenérico no artigo 14.4 “novos candidatos”.

Igualmente, obsérvase o emprego da letra j na clasificación do artigo 21, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Finalmente, no título do artigo 14 emprégase “das as traballadoras” en lugar “das traballadoras”.

Por todo isto, proponse a revisión do texto do proxecto normativo sometido a ditame.
Terceira.
Este Comité solicita que se faciliten a folla de datos estatísticos do exercicio 2017 que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 5. Subvención: Contía.
O apartado 2 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionable por existir instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda máis, ao tratarse dunha indemnización, como tamén o son a bolsa de vacacións e o plus de distancia, que son subvencionables ao non estar excluídos na norma.

Segunda.- Artigo 14. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
O último parágrafo do apartado 5 deste precepto establece que se terá en conta o menor nivel de protección por desemprego das persoas posibles beneficiarias.

Este Comité entende que se debería concretar o alcance do citado “menor nivel de protección”.
Terceira.- Artigo 17. Substitución de traballadores e traballadoras.
Este Comité considera que debería suprimirse a referencia que se fai á maternidade por considerala superflua e propón a seguinte redacción:

“2. No suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días, a substitución so será posible previa autorización expresa da xefatura territorial correspondente a solicitude fundamentada da entidade contratante”.

Cuarta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto neste artigo, no podería realizarse o pagamento da subvención se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, ten calquera débeda pendente coa administración ou se é debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Quinta.- Artigo 20. Seguimento.
No apartado 2.b) deste artigo establécese a obriga das entidades beneficiarias de “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto para aportar seguridade xurídica. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o cal se deben conservar os documentos.


ANEXO

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.
Consideración xeral:
A exposición de motivos deste proxecto esixe que os concellos, para poder ser beneficiarios das axudas aquí recollidas, deben adherirse ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa “Concellos Doing Busines [sic] Galicia”.

Ademais, o artigo 8 esixe presentar a acreditación da FEGAMP de que o concello se atopa acollido á dita iniciativa con anterioridade á data de presentación da solicitude.

As organizacións sindicais consideran esta esixencia fóra de lugar ao non gardar relación algunha coa finalidade deste proxecto de orde que, segundo o seu artigo 1, é a de financiar “accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de tarefas de silvicultura, biomasa, limpeza de montes ou outras tarefas de valorización forestal, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral”.

Consideración específica:

Exposición de motivos.
En relación co que figura no segundo parágrafo da exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame, que contén a referencia ao “eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”, as organizacións sindicais consideran que non ten base material, polo que debería eliminarse.

Igualmente, proponse a eliminación da frase que figura na disposición adicional segunda, “as que poidan emanar do diálogo social e institucional de Galicia”, por entender que é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.

Número ditame
44