Pasar al contenido principal

Ditame 47/17

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de decembro de 2017 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Orientación Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a finalidade do programa que recolle este proxecto é a mellora da empregabilidade e a cualificación das persoas desempregadas mediante a información, o diagnóstico individual, o asesoramento, a motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais.

Os elementos que caracterizan a este Programa de orientación laboral concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego. Configúrase, así, un programa autonómico nesta materia.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017, publicado no DOG o día 23 de marzo de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 30 de decembro de 2016 (Ditame 30/2016), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto ao financiamento das axudas (artigo 1º), obsérvase un incremento de 730.387 euros no importe total dos créditos asignados.

No artigo 4 engádese un novo apartado segundo o cal en ningún caso se subvencionarán servizos que supoñan contratacións a tempo parcial con xornadas inferiores ao 50% da xornada laboral a tempo completo.

No artigo 10.1 increméntanse as cifras mínimas esixidas, que pasan a ser de 120 citas por cada servizo de orientación (na orde anterior esixíanse 90 servizos de orientación prestados) ou 65 citas no caso de entidades sen ánimo de lucro que atendan a persoas con discapacidade (na orde anterior esixíanse 40 servizos ).

Tamén se incrementa, no apartado 2 deste artigo 10, o número mínimo de servizos de orientación laboral prestados, que pasa a ser de 250 ou 350 segundo a entidade (na orde anterior fixábase este mínimo en 200 e 300, respectivamente).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2018” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 18 de decembro de 2017 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén cinco consideracións xerais de carácter unánime, así como dezanove consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia (Anexo I) ; unha específica manifestada pola organización sindical UGT-Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II), cinco específicas manifestadas pola CEG (Anexo III) e unha específica manifestada pola CIG e pola CEG (Anexo IV).

DITAME 47/2017

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2018, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de decembro de 2017, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de decembro de 2017 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira.
Este Comité reitérase na súa avaliación negativa, expresada en ditames anteriores, respecto da limitación das actividades a desenvolver ao abeiro deste proxecto normativo.

Na Exposición de motivos establécese que “os elementos que caracterizan ao Programa de orientación laboral que prestarán as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego”.

Segundo o artigo 7 do dito Real Decreto, son servizos incluídos na Carteira Común:
a)Servizo de orientación profesional.
b)Servizo de colocación e de asesoramento a empresas.
c)Servizo de colocación e cualificación para o emprego.
d)Servizo de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento.

O artigo 9 da mesma norma establece que a xestión de ofertas e demandas de emprego comprenderá, en particular, a prospección e identificación de ofertas de emprego potenciais e de necesidades de persoal por parte dos empregadores.

De acordo con esta previsión legal, este Comité considera que debería recuperarse a actividade de prospección de emprego na Orde para o exercicio de 2018.

Por outra banda, este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a diferenza da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segue a financiar ao persoal de apoio, tal e como se establece na Resolución do 8 de marzo de 2016, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se actualizan para o ano 2016 e sucesivos as contías máximas constitutivas do importe das subvencións para a realización das accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego a entidades colaboradoras sen ánimo de lucro, cando establece no seu apartado primeiro que: “as contías máximas coas que o Servizo Público de Emprego Estatal subvencionará as retribucións totais e a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos do persoal necesario para a execución das accións” e prevé ata 24.438,50 euros por ano para o persoal de apoio.

Segunda.
Este Comité considera que se debería seguir a avanzar na concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas técnicas, tanto nas accións individuais como, especialmente, nas colectivas (por exemplo: desenvolver instrucións, formularios para rexistro ...).

Terceira.
Este Comité considera que se deberían achegar os anexos xunto co proxecto de orde para o seu ditame, para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

Cuarta.
En relación co sinalado na consideración específica unánime quinta, este Comité manifesta a súa contrariedade xa que a Xunta, lonxe de seguir o criterio recomendado polo Comité, incrementa considerablemente para este exercicio os baremos mínimos.

Quinta.
Nos artigos 4 e 10 do texto normativo faise referencia aos termos “discapacitados” e “persoas discapacitadas” mentres que, no resto do proxecto, a referencia faise a “persoas con discapacidade”.

Este Comité propón que se empregue, en todo caso, o termo “persoas con discapacidade”, por ser máis axeitado.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 3. Actividades so servizo de orientación laboral.
En relación co disposto no apartado 3.3 deste precepto, este Comité propón que se concrete o límite de idade, xa que “persoas mozas” é unha referencia xenérica.

Segunda. – Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar e se establecen as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4 que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aqueloutras que poidan esixirse legalmente.

Subsidiariamente proponse que, cando menos, as ditas contías sexan actualizadas conforme ao IPC.

Terceira.- Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado co texto que figuraba na orde para o exercicio do ano 2011: “Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Cuarta.- Artigo 6. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que as solicite no seu nome.

Quinta.- Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
Respecto aos apartados 1 e 2 deste artigo, que establecen un corte previo de acceso ás axudas así como de asignación de financiamento en función do número de servizos prestados, este Comité considera que se trata dun criterio inaceptable, xa que o servizo de orientación ben marcado pola axenda establecida polo Servizo Público de Emprego e non depende, polo tanto, da entidade prestadora do servizo.

Deste xeito, pode haber localidades grandes cun elevado número de servizos e outras localidades pequenas con poucos, o que non é representativo nin da calidade nin do bo servizo prestado.

En consecuencia, este Comité propón que se elimine ese criterio ou que se substitúa por outro máis xusto no que se valore a porcentaxe de incidencias respecto dos servizos prestados ou da calidade destes.

Séxta.- Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, no seu apartado 3.A, inclúe como criterios de valoración a posta a disposición por parte da entidade de recursos técnicos e materiais (apartado c) e a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas de aquela (apartado d).

Este Comité propón que se supriman estes dous apartados por tratarse dun Servizo Público. Subsidiariamente, e respecto do apartado d), proponse que non se eleve a puntuación outorgada en contra deste criterio e que se recupere a baremación establecida no exercicio de 2016.

Sétima.- Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
Da clasificación que recolle o apartado 3.B parece deducirse que ás solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local non se lles vai esixir condicións nin requisitos, polo que este Comité considera que debería clarificarse que todas as vías de solicitude estarán suxeitas ao mesmo condicionado.

Oitava.- Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
No proxecto de orde do exercicio 2013 figuraba no apartado h), entre os criterios de valoración: “Emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, debidamente declarado pola persoa representante da entidade: 5 puntos”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na realización das accións valórase como criterio auxiliar, para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena.- Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, polo que se propón a súa equiparación coa actual valoración e que a mínima sexa do 25%.

Décima.- Artigo 11. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No apartado 2 deste artigo, referido ao baremo de “outros méritos”, dentro dos requisitos de selección elimínase, con respecto da orde do exercicio 2013, a posesión do CELGA 3 ou equivalente debidamente homologado (0,15 puntos).

Este Comité propón que se manteña este mérito para o exercicio 2018.

Décimo primeira.- Artigo 11. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No último parágrafo do apartado 2 deste artigo establécese que “O establecido neste apartado non será de aplicación para o persoal técnico que xa fose baremado positivamente ao abeiro dos programas de orientación laboral en exercicios anteriores”.

Este Comité considera que a inaplicación do baremo debe estenderse ao todo o persoal técnico que xa fose baremado en exercicios anteriores, non só ao abeiro dos programas de orientación laboral senón tamén ao abeiro dos programas de información e prospección de emprego.

Décimo segunda.- Artigo 11. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No primeiro parágrafo do punto 3 deste artigo establécese que “En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos de orientación laboral”.

Este Comité considera que debería suprimirse o antedito parágrafo polos conflitos legais que pode supoñer a modificación do contrato de traballo entre as entidades empregadoras e as persoas empregadas para adecualos á prestación deste servizo.

Décimo terceira.- Artigo 12.- Pagamento da subvención
O apartado 1.c) deste artigo esixe a todas as entidades beneficiarias a presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa localización.

Este Comité considera excesiva a necesidade de achegar novamente esa documentación, que soamente sería precisa no caso de novas contratacións ou novas ubicacións.

Décimo cuarta.- Artigo 12.- Pagamento da subvención
No apartado 1.d), ítem 1º, establécese que debe presentarse copia dos contratos de traballo do persoal contratado e comunicación dos mesmos a través de Contrat@.

Na orde para o exercicio 2016 soamente se esixía isto respecto das novas contratacións, polo que se propón que se substitúa, na redacción, “persoal contratado” por “persoal de nova contratación”.

Décimo quinta.- Artigo 12.- Pagamento da subvención
O apartado 1, letra e) deste precepto, no seu segundo ítem, recolle a obriga de indicar o despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de orientación laboral.

O artigo 2, apartado 2, letra a) fixa como requisito das entidades solicitantes o dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para a atención individual aos demandantes de emprego. Este Comité considera que o cumprimento do dito requisito non esixe que necesariamente se teña que dispoñer de tantos despachos individuais como persoas se dediquen a estas accións.

Décimo sexta.- Artigo 14.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que neste artigo existe un apartado 2, pero non un apartado 1, polo que se propón a corrección deste erro.

Décimo sétima.- Artigo 14.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Aínda que este Comité valora positivamente que se elimine, na numeración deste precepto, o recurso á letra “j”, considera que a súa substitución pola letra “k” é igualmente errónea, xa que tamén é impropia do alfabeto galego, polo que se propón a súa substitución pola seguinte que corresponda.

Décimo oitava.- Artigo 14.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.

Décimo novena.- Artigo 14.- Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2.II.a) establécese que as entidades beneficiarias deben manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada respecto de certas operacións.

Este Comité propón a eliminación do sistema de contabilidade separada, por considerar que é suficiente coa codificación contable.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

Consideración xeral:

Aínda que se observa un aumento de, aproximadamente, un 10% no orzamento destinado a estas axudas no novo proxecto de orde, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comparten os enormes recortes impostos en anteriores convocatorias para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral.

En canto ao réxime de concorrencia competitiva, entendemos que tal réxime debería atemperarse con algún criterio avaliativo que teña en conta a representatividade social que ostentan as organizacións sinaladas na letra b) do apartado 1 do artigo 2, así como garantir que prime a obxectividade, en evitación de prácticas de discrecionalidade que se teñen observado na concesión das axudas.

Consideración específica:

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.
ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Exposición de Motivos.
No acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010 asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que debería adaptarse o financiamento que presenta este proxecto de orde ao acordado.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.
A CEG propón que, entre as actividades do servizo, se inclúa a prospección e captación de ofertas de emprego e se recupere a figura da persoa prospectora con financiamento específico previsto na orde do exercicio anterior, que recollía a xestión e cobertura de ofertas de emprego entre as funcións do persoal subvencionado.

Así mesmo, a prospección debe comprender tamén a asistencia ao autoemprego, dado que no artigo 1 deste proxecto figura como un dos seus obxectivos.

Segunda. - Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería recuperarse a posibilidade de incrementar a contía máxima do 15% que recollía a orde para o exercicio anterior, así como permitir que dita posibilidade sexa accesible a todas as entidades concorrentes.

Terceira. - Artigo 11. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
En relación co baremo recollido no apartado 2, a CEG considera excesiva e desproporcionada a puntuación asignada no apartado “titulación universitaria en enxeñería informática” (1 punto), dados os requirimentos e aptitudes que se precisan para o posto de persoa orientadora en relación coas TIC.

Cuarta. - Artigo 11. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No segundo parágrafo do apartado 4 faise referencia ao proceso de substitución no caso de baixas sucesivas.

A CEG propón que se aclare a redacción do devandito parágrafo para coñecer exactamente os prazos a que deben cinguirse as entidades, tanto máis cando existe a posibilidade de ser penalizadas, tal e como establece o artigo 15.

Quinta. - Artigo 15. Perda do dereito ó cobro e reintegro.
A CEG propón que, no apartado 1 c), se engada ao final a seguinte mención: “non procederá reintegro no caso das primeiras baixas de IT inferiores a un mes, nin no suposto de baixas por maternidade”, atendendo ás especiais circunstancias que derivan destas situacións.
ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 10. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 3.c.3 outorga 4 puntos polo feito de estar en posesión dunha certificación de calidade específica ou que inclúa expresamente os servizos de orientación da entidade.

A CIG e a CEG propoñen que se permita un sistema de calidade propio da entidade.

Número ditame
47