Pasar al contenido principal

Ditame 2/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, este proxecto de orde ten como finalidade facilitar a realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos, así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

As subvencións reguladas na referida orde son de dous tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das organizacións sindicais durante o ano 2018.
• Programa II: Axudas para a creación e/ou funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 10 de maio de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 14 de marzo de 2017 (Ditame 10/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais.

O novo proxecto normativo non presenta modificacións respecto da mesma orde para o exercicio anterior.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte e cinco artigos, unha disposición adicionais e tres disposicións finais.

O día 5 de febreiro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dous anexos coas consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:

• Anexo I, que contén catro consideracións xerais e trece específicas de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia.

• Anexo II, que contén unha consideración xeral de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 2/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás organizacións sindicais para o ano 2018, remitido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza que tivo lugar o día 5 de febreiro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Consideracións xerais:

Primeira.
No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, obsérvase un descenso continuado dos importes globais das axudas obxecto deste proxecto normativo, pois entre 2010 e 2017, a minoración das contías foi constante, se ben para o ano 2017 figuraba o mesmo importe que para 2015, importe que se mantén para 2018.

2010: 2.125.000 €
2011: 1.913.500 €
2012: 1.758.900 €
2013: 1.244.500 €
2014: 1.170.000 €
2015: 1.099.800 €
2016: 1.063.800 €
2017: 1.099.800 €
2018: 1.099.800 €

As organizacións sindicais queren facer fincapé no feito de que, a pesares do aumento no conxunto do orzamento, esta partida, adicada ás subvencións para as organizacións sindicais, permanece conxelada.

Segunda.
Este proxecto normativo, ao igual que nos cinco exercicios anteriores, suprime o programa II de axudas ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comprenden a desaparición das axudas a estes gabinetes, que poderían constituír un importante elemento anti-crise mediante o seu asesoramento en temas como, por exemplo, o autoemprego cooperativo.

Terceira.
En relación coa consideración xeral que expresa a CEG neste ditame, as organizacións sindicais consideran que a súa base argumental está certamente desenfocada e, ademais, lembran a existencia de múltiples partidas orzamentarias que se entregan en exclusiva ás organizacións empresariais, que suman un montante moi superior ao previsto nesta orde para as organizacións sindicais.

Cuarta.
As organizacións sindicais solicitan que as expresións “organizacións sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e “organizacións sindicais intersectoriais” que aparecen recollidas no texto do proxecto normativo, sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 9. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.
No primeiro parágrafo deste artigo segue sen aparecer a alusión á Lei 11/1985 referida á representatividade das centrais sindicais, recollida na orde do exercicio de 2011, que consideramos debería recuperarse.

Segunda.- Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
Proponse que se invirta a redacción dos apartados 1 e 3 deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Terceira.- Artigo 19. Xustificación da subvención.
No apartado 5, letra f) deste artigo esíxese xuntar copia compulsada do contrato de subcontratación.

Proponse que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Cuarta.- Artigo 19. Xustificación da subvención.
Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, considérase que se debería habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.

Quinta.- Artigo 19. Xustificación da subvención.
Neste artigo utilízanse na clasificación a letra j).

Considérase que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Sexta.- Artigo 19. Xustificación da subvención.
Na letra i) do apartado 5 deste artigo, recóllese no seu último punto que “deberán constar datas e lugares de realización así coma o contido das ditas actividades”.

Considérase que esta redacción adoece de indefinición, é imprecisa, confusa e mesmo podería resultar redundante, polo que se propón a súa supresión.

Sétima.- Artigo 19. Xustificación da subvención.
Na última frase do item 3º da letra j (sic) do apartado 5 deste artigo establécese que “no caso de plans de formación deberán achegarse os controis de asistencia de cada alumna ou alumno ás actividades fomativas”.

Proponse a supresión da dita frase posto que pode colisionar co dereito fundamental de liberdade sindical, protexido constitucionalmente, por canto ningunha persoa pode ser obrigada a expresar a súa afiliación a un sindicato determinado.

Oitava.- Artigo 18. Xustificación da subvención.
Segundo o apartado 9 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención se a central sindical beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintrego ou teña calquera débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Novena.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas ao funcionamento de gabinetes técnicos das organizacións sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2019 os xustificantes correspondentes ás cotizacións da Seguridade Social (RLC e RNT, Sistema de liquidación directa Proxecto Creta) onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2018 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2018.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 14 se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recollen os artigos 13 e 19).

Décima.- Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 4 deste artigo establécese a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos “en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control”.

Considérase que debería fixarse un prazo para o cumprimento da citada obriga.

Décimo primeira.- Disposición adicional primeira.
Considérase que o título debería ser “disposición adicional única”, posto que soamente hai unha.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que as tres disposicións derradeiras (sic) non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais”, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

A Confederación de Empresarios de Galicia reitera o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2018, tal e como viñamos poñendo de manifesto en convocatorias anteriores.

O proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outorgamento de subvencións ás centrais sindicais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia, para o desenvolvemento das súas actividades ordinarias durante o ano 2018, para a creación e/ou funcionamento dos seus gabinetes técnicos e para plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais en equilibrio coas organizacións sindicais, estanse a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse na sempre delicada composición de intereses que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como asociacións empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7 da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Neste sentido, tanto o carácter como a función que ás asociacións empresariais lles encomenda o artigo 7 da Constitución, leva a consideralas como asociacións de relevancia constitucional que cumpren unha función de importancia de acordo coa propia Constitución e como importantes pilares dentro do Estado social e democrático de Dereito.

Que no texto da Constitución se incluíra o dereito de asociación empresarial ao lado do dereito dos sindicatos de traballadores á defensa dos seus respectivos intereses, é un correlato lóxico de trasladar ao noso ordenamento os Convenios 87 e 98 da OIT, que se refiren indistintamente a ambos tipos de organizacións sindicais e empresariais. Así mesmo a Carta Social Europea do Consejo de Europa de 1961, no seu art. 5, define o Dereito Sindical como a liberdade dos traballadores e empregadores para constituír organizacións locais, nacionais ou internacionais para a protección dos seus intereses económicos e sociais, establecendo o compromiso de que a lexislación nacional non menoscabe esa liberdade nin se aplique de maneira que poda menoscabala.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Deste modo, se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.

Número ditame
2