Pasar al contenido principal

Ditame 12/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2018 e 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de marzo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2018 e 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, as empresas de economía social e, singularmente, as cooperativas teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

Na actualidade, o rural galego ofrece múltiples oportunidades para o impulso de modelos de negocio innovadores baseados na explotación dos recursos endóxenos existentes e a modernización dos proxectos máis tradicionais e demanda o impulso dun programa de identificación de oportunidades de negocio e a posterior posta en marcha e modernización de proxectos empresariais vinculados con sectores emerxentes en contornas rurais.

A través dos dous programas que regula, esta orde viría a complementar a fase inicial de formación e asesoramento prestada a través da Rede Eusumo, mediante apoio especializado na área de actividade de que se trate. Así mesmo, compleméntase a fase final de constitución da cooperativa ou sociedade laboral, apoiada a través do programa APROL economía social, mediante axudas ás empresas constituídas para os gastos de funcionamento iniciais, co que se consegue un impulso integral.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

O capítulo III deste proxecto de orde regula o Programa de fomento de laboratorios cooperativos no rural. Segundo o artigo 22, este programa ten por obxecto establecer subvencións para a dinamización da economía local mediante fórmulas de economía social, a través de entidades mentoras que identifiquen oportunidades de negocio no seu territorio e seleccionen un grupo de persoas interesadas en iniciar unha actividade económica nun determinado sector, ao que lle impartirán a formación específica necesaria nesa área de actividade así como asesoramento e acompañamento.

O fin último deste programa é que todas ou parte das persoas seleccionadas constitúan unha cooperativa ou sociedade laboral no rural de Galicia, aínda que este non é un requisito imprescindible para a obtención da axuda (artigo 23).

O segundo dos programas recollidos neste proxecto regúlase no capítulo IV. O Programa de impulso de proxectos empresariais colectivos ten como finalidade esencial fomentar e promover o emprendemento colectivo baixo fórmulas de economía social no ámbito da comunidade autónoma, concedendo axudas económicas que faciliten a posta en marcha dos proxectos empresariais resultantes dos laboratorios cooperativos no rural previstos no programa I (artigo 29).

O artigo 6 establece que entidades poderán ser beneficiarias das subvencións. Así, respecto do programa I poden optar ás axudas os concellos de Galicia, as áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e os consorcios locais; as asociacións de entidades de economía social; as asociacións e fundacións que teñan entre os seus fins a promoción do cooperativismo e da economía social, do emprendemento ou o desenvolvemento económico ou local; e as empresas privadas. Pola súa banda, as entidades que se poderán acoller ás axudas para o programa II son as cooperativas e sociedades laborais resultantes dos laboratorios cooperativos previstos nesta orde.

En canto ao financiamento, o orzamento total que fixa o artigo 39 para as axudas aquí reguladas ascende a 500.000 euros (200.000 para o programa I e 300.000 para o programa II).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2018 e 2019” consta de: Exposición de motivos, trinta e nove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 9 de abril de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e dezasete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, así mesmo, como anexos: 1 consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 12/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2018 e 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de marzo de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de abril de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que se deberían unificar todos os programas en materia de fomento do cooperativismo e da economía social

Segunda.
Este Comité non comparte que a formación para o emprego se desagregue en diferentes ordes e non responda a unha planificación global.
Terceira.
O décimo segundo parágrafo da exposición de motivos alude a que a entidade mentora recibirá unha subvención para buscar e seleccionar as persoas desempregadas que van participar no proceso.

Este Comité considera que esas persoas desempregadas deberían seleccionarse a proposta das Oficinas do Servizo Público de Emprego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo cuarto da exposición de motivos establécese que: “as empresas de economía social, e singularmente as cooperativas, teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade (...)”.

Este Comité propón que se substitúa esa redacción pola seguinte: “as empresas de economía social, e singularmente as cooperativas, teñen potencialidades para resistir ás crises, crear emprego estable e de calidade (...)”.

Segunda.- Artigo 8. Solicitudes.
No último parágrafo do apartado 2 deste artigo establécese que deberá presentarse unha solicitude por cada proxecto desenvolvido, cando debería dicir “por cada proxecto a desenvolver” xa que, no momento da presentación da solicitude, dito proxecto aínda non está desenvolvido.

Terceira.- Artigo 13. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste artigo fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a presentación da solicitude.

Este Comité considera que se trata dun prazo demasiado amplo e que debería reducirse sensiblemente.

Cuarta.- Artigo 14. Modificación da resolución de concesión.
No apartado 4 deste precepto debería fixarse o prazo do que dispón a Administración para resolver as solicitudes de modificación.

Quinta.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste artigo: “en ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado”.

Este Comité considera que a redacción correcta sería a que segue: “en ningún caso o custo de adquisición dos bens e servizos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado”.

Sexta.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
Este Comité propón que o segundo parágrafo do apartado 9 deste artigo se adapte á vixente normativa reguladora da contratación pública.

Sétima- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 13 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a entidade beneficiaria non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Oitava.- Artigo 17. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
O apartado 1.f) deste precepto obriga á entidade beneficiaria a adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Novena.- Artigo 19. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención.
Respecto dos apartados, subapartados e diferentes ítems en que se clasifica este artigo, este Comité propón que se organicen doutro xeito xa que o actual dá lugar a confusión.

Décima.- Artigo 23. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención a subvención.
Consonte o sostido na consideración unánime xeral segunda, este Comité propón que se elimine a referencia á formación sectorial específica que contén o apartado 3.a) deste artigo.

Décimo primeira.- Artigo 23. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención a subvención.
O apartado 3.c) deste precepto emprega a palabra “coaching”, un termo anglosaxón que debería ser traducido ao galego.


Décimo segunda.- Artigo 24. Gastos subvencionables.
Segundo o apartado 2 deste artigo: “para a subvención de custos de persoal asociados a calquera tipo de actividade só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou o posto de traballo, as pagas extraordinarias, as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF”.

Este Comité considera, en primeiro lugar, que debería aludirse ao convenio colectivo de aplicación; en segundo, se as cotizacións sociais que se mencionan son as que corresponden á entidade empregadora, así debería figurar expresamente; finalmente, debería eliminarse a referencia ás cantidades retidas en concepto de IRPF, por canto estas xa fan parte do salario bruto.

Décimo terceira.- Artigo 28. Documentación para a xustificación da subvención.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Décimo cuarta.- Artigo 36. Presentación de solicitudes.
Respecto do prazo de presentación de solicitudes regulado no apartado 2 deste precepto, este Comité considera que se debería establecer un prazo concreto contado a partir da publicación da Orde e que, ademais, ese prazo dun mes debería ampliarse sensiblemente.

Décimo quinta.- Artigo 37. Período de execución das accións.
Este Comité considera escaso o período de execución do programa I e, ademais, que debería haber coherencia entre o prazo inicial do programa II e o prazo final do programa I e, consecuentemente, adaptar o apartado 2 do artigo 38.

Décimo sexta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

Décimo sétima.- Disposicións derradeiras [sic]
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 1.a) deste precepto inclúe, entre as posibles entidades beneficiarias das subvencións para o programa I, as empresas privadas.

As organizacións sindicais propoñen suprimir esa previsión.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG considera que o programa I de fomento de laboratorios cooperativos no rural debería ser valorado a través do procedemento de concorrencia competitiva, establecendo un baremo que recolla criterios como a calidade e viabilidade dos proxectos a financiar en aras dunha maior eficiencia na asignación dos fondos.

Consideración específica:

Artigo 16. Réxime de compatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste precepto, respecto do programa I, vincula a compatibilidade ás persoas físicas mentres que o apartado 3, relativo ao programa II, vincula a compatibilidade ós conceptos subvencionables.

A CEG considera que se debería aclarar os termos da compatibilidade regulados no apartado 2 xa que non está claro a que persoas físicas se refire, se as que desenrolan o programa ou ás beneficiarias do mesmo.

Número ditame
12