I. ANTECEDENTES
O día 28 de marzo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, o emprendemento é un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sostible e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.
O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.
A opción de calquera persoa que desexe poñer en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración Pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 31 de xullo de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 19 de xuño de 2017 (Ditame 23/2017), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Na orde anterior recollíase unha única liña de axuda á contratación de servizos de profesionalización e desenvolvemento estratéxico, así como outros servizos ou actividades dirixidos a mellorar a competitividade. O novo proxecto relaciona unha serie de servizos especializados para a elaboración de plans e estudos e, ademais, engade unha segunda liña destinada á mellora da competitividade a través do investimento nos negocios (exposición de motivos e artigo 7).
Segundo o artigo 7, a contía da subvención será do 80% da actividade a subvencionar cun límite máximo de 3.000 euros. Na orde para o exercicio pasado simplemente se fixaba unha subvención de ata 3.000 euros.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, catro disposicións adicionais, unha derrogatoria e dúas disposicións finais.
O día 9 de abril de 2018 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha xeral e unha específica manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 13/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de marzo de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de abril de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
Este Comité observa que neste proxecto normativo existen algúns erros de redacción, particularmente no que respecta ao emprego do masculino xenérico, por exemplo “os autónomos” nos artigos 5 e 6.2.d), “o autónomo” (artigo 7), “os traballadores” no artigo 6.2.b) ou “os beneficiarios” no artigo 18.b), que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.
Proponse, polo tanto, a súa revisión.
Segunda.
Obsérvase que este proxecto de orde impón a presentación das solicitudes, e a realización dos demais trámites administrativos posteriores, a través de medios electrónicos.
Na medida en que esta norma vai dirixida a persoas autónomas, este Comité considera que debería respectarse a posibilidade de realizar calquera trámite presencialmente, por aquelas persoas autónomas que non teñan persoas traballadoras contratadas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo esixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional superior a tres anos e medio (42 meses).
Este Comité propón que o dito prazo se reduza sensiblemente en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela.
Segunda. – Artigo 7. Subvención do bono do autónomo [sic].
Segundo o quinto parágrafo do apartado 2 deste artigo: “Na solicitude de axudas as liñas un e dúas non son excluínte nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran”
Obsérvanse os seguintes erros de redacción no dito parágrafo:
-Debería engadirse unha coma despois da palabra “axudas”.
-Obsérvase unha falta de concordancia de xénero en “as liñas un e dúas” que procede substituír por “as liñas unha e dúas”.
-Así mesmo, prodúcese unha discordancia de número en “as liñas (...) non son excluínte” xa que o correcto sería “as liñas (...) non son excluíntes”.
Terceira. – Artigo 7. Subvención do bono do autónomo [sic].
O sexto parágrafo do apartado 2 deste precepto establece que: “a axuda para a compra de equipos informáticos outorgarase unicamente a persoas traballadoras autónomas con código de actividade CNAE 62, 631, 69, 702, 71, 72 e 741”.
Este Comité propón que se amplíe o acceso ao financiamento de equipos informáticos a todas as actividades.
Cuarta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
Este artigo fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde.
Este Comité entende que, ao non tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, o prazo debería permanecer aberto ata o esgotamento dos créditos asignados.
Quinta.- Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar,
a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.
Sexta.- Artigo 12. Consentimentos e autorizacións.
Segundo o apartado 4 deste precepto, debe publicarse a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, así como, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.
Este Comité considera que debería especificarse, no texto do proxecto normativo, que as ditas sancións deben ser firmes.
Sétima. - Artigo 17. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución.
Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.
Oitava. - Artigo 19. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste precepto non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter algunha débeda pendente de pagamento, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 21.e), 23.2 e 24.e).
Novena. - Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado g) deste artigo establece a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
Este Comité considera que se debería concretar o prazo que abrangue esta obriga.
Décima. - Artigo 24. Exclusións.
O apartado 1.f) deste artigo exclúe, como persoas beneficiarias das axudas, a aquelas que teñan a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.
Dada a obriga que impón o artigo 6.1 de que as persoas autónomas solicitantes teñan o domicilio fiscal en Galicia como condición sine qua non para poder ser beneficiarias, este Comité considera que o devandito apartado f) carece de sentido e propón que se elimine.
Décimo primeira. - Artigo 26. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as empresas que realicen actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, da Orde de 1 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, que fala de empresas en lugar de sectores.
Décimo segunda. - Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Décimo terceira. - Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Artigo 24.-Exclusións.
O apartado 1.d) deste artigo establece, como causa de exclusión para poder acceder ás axudas recollidas neste proxecto de orde, “estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.”
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que deberían eliminarse as referencias ás persoas administradoras das sociedades mercantís e a aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, xa que non poden ser beneficiarias das axudas.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideración xeral:
A CEG propón que se amplíe a dotación orzamentaria desta orde en atención ao número de solicitudes presentadas no exercicio anterior.
Consideración específica:
Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Respecto das persoas que poden ser beneficiarias das axudas recollidas nesta orde, a CEG considera que deben incluírse expresamente dentro das persoas beneficiarias as persoas socias ou membros de órganos de administración de sociedades, incluídas as mercantís, que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos ou, no seu defecto, que se cubran as mesmas actuacións e conceptos financiables que os incluídos neste borrador para as axudas específicas de entidades mercantiles.