Pasar al contenido principal

Ditame 16/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de abril de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a presente regulación desenvolve unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego ao introducir unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade. Desta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2018.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 19 de xullo de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 7 de xuño de 2017 (Ditame 18/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

A contía total que financia estas axudas ascende a un total de 10.900.000 euros, o que supón un incremento de 1.397.500 euros respecto do previsto no exercicio anterior (exposición de motivos, artigo 2).

O artigo 3 engade un apartado no que relaciona os diferentes tipos de Programas integrados.

Este mesmo artigo establece que o número de persoas a atender será de 100 (15 máis que no exercicio anterior) e que o obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos do 35% (cando o ano anterior era de 30%).

O artigo 11 relaciona os criterios de valoración dos proxectos de obradoiros de emprego e presenta varias modificacións: engade novos criterios como a adhesión ao convenio Doing Business (valorado con vinte puntos) e tamén suprime algúns, como o emprego da lingua galega na realización de todas as accións do programa integrado que pasa a ser un criterio de desempate para o caso de que dúas ou máis solicitudes acaden a mesma puntuación.

Segundo o artigo 12, a contía máxima da subvención será de 3.000 euros por persoa desempregada participante (600 euros máis do que prevía a orde anterior). Engade a previsión da contía máxima por entidade, que será de 300.000 euros.

O artigo 15 prevé a posibilidade do pagamento dun anticipo de ata o 30% do importe total da subvención, mentres que na orde para o 2017 esa porcentaxe era do 40%.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 25 de abril de 2018 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén trinta consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: dúas específicas manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I), e unha xeral e dez específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 16/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2018”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de abril de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de abril de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
Segundo o parágrafo oitavo da exposición de motivos: “valorarase que os concellos se acollan á iniciativa “Doing Business Galicia”.

Este Comité entende que está totalmente fóra de lugar que sexa considerado criterio de valoración a “adhesión ao convenio Doing Business” xa que non ten relación material ningunha cos obxectivos desta orde.

Ademais, o artigo 11 outórgalle a este criterio 20 puntos, o que pode resultar discriminatorio con respecto ás entidades beneficiarias que non sexan entidades locais.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
Segundo o apartado 2 deste artigo, enténdense por programas integrados de emprego aqueles proxectos que desenvolvan con carácter obrigatorio as accións que se relacionan no dito apartado.

Este Comité propón que se recupere a redacción da orde anterior, que prevía esa relación de accións dun xeito meramente orientativo.

Terceira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
Chama a atención que, na numeración do apartado 1.B) deste artigo se suprimira a letra j pero segue a manterse a letra k, que é impropia do alfabeto galego e debería substituírse pola que corresponda.

Cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 1 deste artigo establécese que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35 por cento.

Este Comité segue a entender que o obxectivo de inserción laboral que se especifica neste artigo é excesivo debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para unha porcentaxe de inserción do 25%.

Quinta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 1 establece o número de persoas a atender en 100.

Este Comité considera que esa limitación pode inviabilizar a execución do programa en ámbitos determinados, polo que propón que se reduza a un número non fixo que, en todo caso, sexa inferior a 60.

Sexta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O segundo parágrafo do apartado 2 establece que as persoas finalmente seleccionadas serán identificadas polo Servizo Público de Emprego de Galicia e non poderán participar noutras medidas activas de emprego que se consideren incompatibles coa participación no programa integrado.

Este Comité considera que deberían especificarse as incompatibilidades que se consideran neste caso.

Sétima.- Artigo 3. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
O apartado 4 deste artigo establece que se entenderá por inserción laboral, aos efectos desta orde, o feito de que as persoas inicien durante un prazo dos 12 meses de execución do programa ou dentro dos tres meses seguintes unha actividade por conta propia ou formando parte dunha cooperativa ou sociedade laboral.

No caso da contratación por conta allea ese prazo limítase aos 12 meses de execución do programa, polo que este Comité propón que tamén se inclúan estes supostos cando acontezan nos tres meses inmediatamente posteriores.

Oitava.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
O apartado 2 deste precepto establece que unha mesma entidade non poderá presentar más dunha solicitude.

Este Comité propón que a devandita restrición se aplique soamente ás entidades locais.

Novena.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de que varias entidades sen ánimo de lucro poidan colaborar entre si e presentar un plan integrado conxuntamente.

Décima.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Neste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións particulares das persoas candidatas.

Décima primeira.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Dentro dos documentos a achegar coa solicitude, esíxese un cronograma completo do proxecto, indicando a data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.

Este Comité propón que, respecto do anterior, a Orde se redacte conforme ao recollido na resposta remitida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a esta mesma consideración (consideración décima terceira) contida no ditame 18/2017 emitido sobre o mesmo proxecto para o exercicio anterior.

Décima segunda.- Artigo 7. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décima terceira.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender en función das especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Décima cuarta.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.c.2 valora con ata 4 puntos a calidade das instalacións, medios e sistemas propios da entidade para o desenvolvemento do programa, pero exclúe os recursos en réxime de aluguer.

Este Comité non comparte esta exclusión e propón que se suprima, xa que os recursos están a disposición da entidade independentemente de que sexan alugados ou non.

Este Comité tampouco comparte a resposta remitida pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a esta mesma consideración contida no ditame 18/2017 emitido sobre o mesmo proxecto para o exercicio anterior, xa que nela non se está a falar de gastos subvencionables senón de bens postos a disposición da entidade.

Décima quinta.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
En relación co criterio de valoración especificado no apartado 1.d) deste artigo, obsérvase que en exercicios anteriores reduciuse o peso deste criterio na puntuación total (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse a 15 sobre 150 no exercicio anterior e a 5 de 130 no novo proxecto).

Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

Décima sexta.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas, non se considera necesario puntuar o esforzo investidor que figura no apartado 1.e) deste artigo, polo que este Comité propón que se elimine este criterio.

Décima sétima.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) establece que “a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego ou Lanzadeiras de emprego de Galicia (Orde do 18 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de Lanzadeiras de emprego de Galicia durante os anos 2016-2017) subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia: ata un máximo de 5 puntos se a valoración é positiva e ata -5 se é negativa”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “valoración negativa”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.f) deste artigo.

Décima oitava.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que a valoración máxima total posible é de 130 puntos, polo que existen dúbidas acerca de si a baremación dos diferentes apartados é correcta ao terse en conta, ademais, que a puntuación mínima requirida é de 22 (moi inferior ao 50% do total posible).

Décima novena.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
No proxecto de orde reguladora das axudas aos obradoiros de emprego do exercicio 2017 figuraba no apartado 1, letra j), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na realización en todas as accións do programa integrado. Puntuación máxima 5 puntos.”
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto citado anteriormente, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Vixésima.- Artigo 12. Contía das subvencións.
Na orde para o exercicio anterior a contía máxima da subvención fixábase en 2.400 euros por cada persoa desempregada participante. No novo proxecto esa contía máxima é de 3.000 euros.

Este Comité considera desproporcionado ese incremento en nada menos que o 25% da contía por persoa, polo que considera que debería xustificarse.

Vixésima primeira.- Artigo 13. Gastos imputables.
Este Comité propón que se engada un apartado que recolla o concepto de “outros gastos”, nos que se inclúan gastos de apoio necesarios para o desenvolvemento das accións sempre que estean plenamente xustificados.

Vixésima segunda.- Artigo 13. Gastos imputables.
O apartado 1.a) limita o número de persoas que se poden imputar economicamente a 15.

Isto supuxo unha novidade da orde para o exercicio anterior e, ao terse en conta ademais outros factores, como a redución dos custos que se poden imputar, este Comité propón eliminar a limitación do número de persoas e recuperar a redacción anterior.

Vixésima terceira.- Artigo 13. Gastos imputables.
Dentro dos gastos indirectos considéranse imputables os gastos de arrendamento, pero exclúese o leasing.

Este Comité non comparte a dita exclusión e pide que se xustifique, xa que o leasing non é unha adquisición.

Vixésima cuarta.- Artigo 13. Gastos imputables.
O apartado 1.d) deste artigo establece que o custo subvencionado por formación subcontratada non poderá exceder do tope máximo de 8 euros/alumno por hora de formación presencial ou 5 euros/alumno por hora de formación a distancia ou teleformación.

Esa limitación de 8 euros/hora/alumno é excesivamente baixa, especialmente respecto de determinadas formacións, e imposibilita que se poidan programar formacións novidosas e en cuxos nichos de actividade se está demandando persoal cualificado, polo que se propón que, naquelas formacións onde estea xustificado e apoiado polas ofertas de mercado, se elimine esa restrición de 8 euros/hora/alumno en formación presencial.

Vixésima quinta.- Artigo 13. Gastos imputables.
Este Comité considera que, no apartado 1.d) deste artigo, debería simplificarse a redacción do seu último parágrafo e facer constar que a prestación de servizos docentes non terá a consideración de subcontratación.

Vixésima sexta.- Artigo 13. Gastos imputables.
O apartado 1 recolle os gastos que teñen a consideración de imputables aos efectos desta orde.

Bótase en falta unha concreción dos aspectos económicos, o que pode xerar unha certa inseguridade nas solicitudes.

Polo tanto, este Comité propón que se fixen unhas contías mínimas e máximas, especialmente no subapartado b) en canto aos gastos de gardería e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes.

Vixésima sétima.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité nos ditames relativos ás ordes dos exercicios anteriores, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 30 por cento do importe total da subvención sempre que esa cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2018.

Este Comité propón que se incremente a porcentaxe para o aboamento dos anticipos e, así mesmo, que se elimine esa limitación relativa á anualidade de 2018.

Vixésima oitava.- Artigo 17. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluirse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.

Vixésima novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Trixésima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás cativos retoques, vén sendo reprodución doutras anteriores.

Segunda.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
En relación coa consideración específica unánime vixésima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debería manterse a redacción deste precepto contida na orde reguladora dos programas integrados para o emprego para o ano 2017.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG considera que este programa debería promover e fomentar a uniformidade entre as diversas entidades nos requisitos de cualificación e formación, así como no relativo aos custos de persoal asignado en función da súa categoría e revisar que exista unha certa uniformidade, tamén, entre as entidades diversas que concorren, procurando a excelencia nos recursos humanos e materiais do programa.

É por isto que se propón que se fomente e valore a inversión na calidade e estabilidade do persoal das entidades e permitir que se flexibilice e adapte a tipoloxía de postos de traballo en función das actividades que se van realizar de xeito innovador e mesmo para ir dotando aos programas de estabilidade e profesionalizar tamén ó persoal.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 4 deste artigo, considérase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de doce meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea por unha duración non inferior a tres meses ou inicien, durante este mesmo prazo ou dentro dos tres meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como socios traballadores ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, pero sinalando nestes últimos supostos que a duración non debe ser inferior a seis meses.

Na opinión da CEG, debería establecerse o mesmo prazo para a actividade por conta propia que por conta allea (isto é: tres meses) considerando inserción tal tempo de exercicio da actividade.

Segunda.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 3 deste artigo establece que se entende por persoas atendidas, pero a CEG considera que é necesario que exista unha definición clara do dito concepto, xa que é o baremo que se utiliza para computar o desembolso da axuda.

Así mesmo, deberían terse en conta por parte do INEM os informes por parte da entidade beneficiaria sobre se a persoa que entrou no programa non manifesta interese en participar nas accións para que poidan ser substituídas con certa rapidez por perfiles que queiran aproveitar as oportunidades do programa.

Terceira.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
O apartado 5.b) establece que non computará como inserción laboral a contratación das persoas participantes nos programas da propia entidade beneficiaria da subvención.

Tendo en consideración os fins de inserción laboral perseguidos pola Orde, debería ser indiferente que a entidade contratante sexa unha distinta ou a mesma que teña levado a cabo o programa de emprego e que contrate laboralmente a unha das persoas atendidas.

Por este motivo, a CEG considera que debería eliminarse esta exclusión ou, subsidiariamente, establecer algún límite cuantitativo, ao ter en conta ademais que, de acordo co art. 4, as entidades beneficiarias deben reunir a condición de ser entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Cuarta.- Artigo 3. Tipos e características dos programas de emprego de Galicia.
Segundo o apartado 5.g), non computarán como inserción laboral os contratos que se produzan nos 15 días seguintes á selección do demandante.

A CEG considera que esta exclusión non é coherente e propón a súa supresión ou, no seu defecto, que non sexa unha exclusión xeralizada.

Quinta.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
O apartado 1.c) exclúe, como entidades beneficiarias, as que teñen a condición de axencia de colocación e perciben axudas dos Servizos Públicos de Emprego destinadas á inserción laboral.

A CEG propón eliminar este punto dado que exclúe a entidades que levan executando con éxito este tipo de programas e que para maior eficacia son axencias de colocación polo que non se ten en conta a súa experiencia previa en materia de inserción laboral.

Sexta.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Neste artigo establécese a necesidade de anexar, entre outras documentacións, unha relación de medios materiais e recursos humanos propios dos que dispón o solicitante na que se especifiquen as condicións daqueles, o su historial formativo e laboral e as súas capacidades, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Na opinión da CEG, debido ao período de execución do programa (doce meses) e ao tempo que pode mediar entre a solicitude e a posta en marcha do programa, os recursos humanos das entidades beneficiarias poden sufrir variacións que non dependen da vontade das propias entidades, polo que debería preverse esta circunstancia na norma, de modo que se regule a posibilidade da comunicación das modificacións ou variacións habidas nos recursos humanos da entidade e mesmo da confirmación dos recursos humanos inicialmente considerados na solicitude.

Sétima.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) deste precepto regula como criterio de valoración a experiencia acreditada, nos últimos cinco anos, no desenvolvemento de programas integrados para o emprego subvencionados polo Servizo Público de Emprego de Galicia, valorando os resultados de inserción acadados pola entidade en relación coas porcentaxes previamente comprometidas, e o resultado das visitas de seguimento realizadas.

Na opinión da CEG, debería valorarse tamén a experiencia das entidades sen ánimo de lucro na execución de outros programas de fomento do emprego, entre outros: orientación laboral, xestión e colaboración na inserción laboral a través non só de programas integrados para o emprego, etc.

Oitava.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
No apartado g) só se teñen en conta determinados certificados á hora de valorar os sistemas de avaliación de calidade.

Anteriormente, este criterio estaba embebido no punto anterior (características técnicas do programa integrado) onde, xunto coa metodoloxía, la existencia de perfís e de ferramentas adecuadas tiña un peso de 25 puntos (fronte aos 3 que a existencia de certificacións ten nestas bases).

A CEG propón eliminar o criterio de puntuación relativo á existencia de certificacións específicas ou embebelo dentro da valoración da capacidade da entidade executante, como un criterio máis e nunca cun peso de 3 puntos en exclusiva.

Novena.- Artigo 11. Criterios de valoración dos programas.
O apartado h) valora, con ata 8 puntos, o carácter innovador do programa.

Segundo a CEG, a existencia de medidas de conciliación laboral e familiar ou a impartición de formación certificable, non son factores innovadores en si mesmos, polo que deberían estar noutro apartado.

Décima.- Artigo 12. Contías das subvencións.
Na mesma orde para o exercicio de 2016, para supostos de perceptores RISGA, incrementábase o importe a percibir, polo que a CEG entende que sería aconsellable, no caso de atención de persoas con maiores dificultades de inserción, que se poida incrementar a actual contía, xa que elo conleva asumir maiores custes.

Tamén se penaliza e reduce a subvención por non alcanzar obxectivos inserción previstos, por tanto, estase triplicando a penalización, en distintos artigos.

Número ditame
16