Pasar al contenido principal

Ditame 19/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se regulan os procedementos e se aproban e da publicidade dos modelos de solicitude e comunicación, relativos aos traballos con risco por amianto na Comunidade Autónoma de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de abril de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se regulan os procedementos e se aproban e da publicidade dos modelos de solicitude e comunicación, relativos aos traballos con risco por amianto na Comunidade Autónoma de Galicia. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a autoridade laboral de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, tramita determinados procedementos recollidos no Real Decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de amianto. É o caso dos procedementos de alta, baixa e variación de datos no Rexistro de empresas con risco por amianto de Galicia e de aprobación de plans de traballo con risco por amianto, e recepción das comunicacións de inicio de traballo e das fichas para o rexistro dos datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame.

Segundo o artigo 1, o seu obxecto é regular os seguintes procedementos e aprobar e dar publicidade aos seus modelos normalizados, para a súa tramitación por medios electrónicos:

a) Rexistro de empresas con risco por amianto da Comunidade Autónoma de Galicia: alta, baixa e variación de datos.
b) Aprobación de plans de traballo con risco por amianto.
c) Inicio de traballo con risco por amianto.
d) Rexistro dos datos da avaliación da exposición nos traballos con amianto.

O artigo 3 relaciona a documentación complementaria necesaria para a tramitación dos distintos procedementos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan os procedementos e se aproban e da publicidade dos modelos de solicitude e comunicación, relativos aos traballos con risco por amianto na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, dúas disposicións adicionais e unha final.

O día 7 de maio de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

DITAME 18/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan os procedementos e se aproban e da publicidade dos modelos de solicitude e comunicación, relativos aos traballos con risco por amianto na Comunidade Autónoma de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de abril de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de maio de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité observa que neste proxecto normativo existen algúns erros ortográficos, por exemplo: “os estatutos ou regras fundacionais e debidamente inscritos” en lugar de “os estatutos ou regras fundacionais debidamente inscritos” no artigo 3.2.a) ítem segundo ou a alusión que contén o artigo 3.1.e, ítem 1º sobre as persoas traballadoras que non figuran no plan, onde debería especificarse que se trata do plan inicial. Así mesmo, obsérvase que o ítem 3 do artigo 4.1 está redactado en lingua castelá.

Proponse, polo tanto, a revisión do texto.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 2. Forma e lugar da presentación de solicitudes.
Segundo o apartado 2 deste artigo, as persoas físicas a que vai dirixida esta orde son autónomas que exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen.

Este Comité considera que desta presunción derívase unha obriga que, legalmente, non procede esixir ás persoas autónomas sen persoal ao seu cargo, polo que propón que se elimine do texto do proxecto de orde.

Segunda. Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos.
Este artigo establece, no apartado 1.a), que as persoas xurídicas deben presentar copia das escrituras ou documento de constitución que recollan os estatutos ou regras fundacionais e as súas modificacións posteriores.

Este Comité considera que se debería suprimir esa referencia ás modificacións e limitarse a esixir a presentación da copia dos estatutos vixentes.

Terceira. Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos.
O apartado 1.a) deste precepto esixe presentar o “copia do último documento TC2 do que se dispoña”.

O modelo TC2 foi substituído no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é preciso facer referencia a este último.

A mesma consideración se formula respecto dos apartados 1.d) e 1.e) deste mesmo artigo.

Cuarta. Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos.
O apartado 1.d) deste artigo, no seu ítem quinto, esixe presentar o “documento acreditativo da consulta realizada ás persoas representantes dos traballadores e das traballadoras para a elaboración do plan”.

Este Comité propón substituír á parte en cursiva por “á representación legal laboral”, por consideralo máis axeitado e igualmente inclusivo.

Quinta. Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos.
Segundo o apartado 1.e) deste artigo, as comunicacións de inicio de traballo con risco por amianto deben realizarse con, polo menos, tres días hábiles de antelación ao inicio dos traballos.

Este Comité considera que se debería prever a posibilidade de redución do dito prazo para o caso de traballos de reparación acreditados como urxentes, sempre sen perxuizo da obriga de comunicación previa ao inicio dos traballos.

Sexta. Artigo 3. Documentación complementaria necesaria para a tramitación dos procedementos.
O apartado 4 deste precepto establece que a información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos dos documentos a presentar poderán consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia pero, a diferenza doutras ordes, obsérvase que non se fai constar o vínculo á dita sede electrónica.

Proponse que se engada o vínculo ao final dese apartado 4.

Sétima. Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Número ditame
19