Pasar al contenido principal

Ditame 26/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES
O día 12 de xuño de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, é necesaria a colaboración das entidades sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuir ao desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.
Con esta finalidade impleméntase esta convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, que canalizaría a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2017 (publicado no DOG o día 16 de outubro de 2017) e o ditame emitido polo Consello con data 13 de setembro de 2017 (Ditame 31/2017), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
A asignación orzamentaria para estas axudas (8.100.000 euros) mantense respecto da orde anterior pero, como novidade, o artigo 2 do novo proxecto establece que 3.000.000 euros destinaranse prioritariamente a financiar a contratación de persoas traballadoras desempregadas en proxectos singulares. Pola súa banda, segundo o artigo 4 considérase que os servizos se desenvolven no marco de proxectos singulares se as entidades que os promoven cumpren con algunha das condicións que relaciona o dito precepto.
O artigo 6 regula a contía da subvención e inclúe unha serie de límites á contratación en función do ámbito territorial de actuación que na orde anterior se recollía no artigo regulador do procedemento e obsérvase, ao respecto, unha redución no número de prazas en cada ámbito.
Polo que respecta aos criterios de valoración das solicitudes recollidos no artigo 14, cómpre destacar varios aspectos:
Así, obsérvase que se valora a inserción laboral das persoas traballadoras que participaron en proxectos aprobados nas tres últimas convocatorias (na orde anterior falaba dos seis últimos exercicios) e, ademais, engádese unha graduación do reparto dos ata 30 puntos que se poden outorgar por este criterio.
En canto ao ámbito de actuación, as entidades con proxectos singulares obterán, en todo caso, a máxima puntuación (10 puntos). Tamén se incrementa a puntuación das entidades de ámbito autonómico e provincial para o caso de que teñan tres ou máis centros de traballos en Galicia, mentres que ás entidades de ámbito municipal outórganselles 2 puntos (un máis que na orde anterior).
Por outra banda, engádese unha graduación dos ata 10 puntos que se poden obter en función da calidade e xestión das actuacións e, ademais, relaciónanse exemplos do que se poderá entender como “mala xestión”, penalizable con ata 5 puntos negativos.
No suposto de baixas temporais que se prevexan de duración superior a 30 días, a substitución da persoa traballadora require unicamente comunicación á Secretaría Xeral de Emprego e non autorización expresa da dita Secretaría, como acontecía na orde anterior (artigo 18).
O artigo 19 introduce a posibilidade de pagamento anticipado do 90% da subvención concedida.
Finalmente, obsérvanse tamén novidades no artigo 23 que regula a perda do dereito ao cobramento e reintegro das axudas:
En primeiro lugar, engádense novos supostos que dan lugar ao reintegro da axuda, xa sexa un reintegro total (como no suposto de obter a subvención falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impediran) ou parcial (no caso de incumprir a obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade).
Por outra banda, no caso de incumprir o prazo para presentar a documentación xustificativa ou as obrigas en materia de comunicación, a nova orde prevé en todo caso o reintegro, respectivamente, do 100% e do 2% da contía, mentres que na orde anterior ese reintegro estaba graduado en función do grao de incumprimento.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte e tres artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 19 de xuño de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 26/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xuño de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de xuño de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
O artigo 7 fixa o prazo para a presentación de solicitudes nun mes, pero elimina a posibilidade recollida na Orde do ano 2016 de que as solicitudes de axudas e subvencións para contratar mulleres vítimas de violencia de xénero se presenten ata o 15 de novembro.

Así mesmo, o artigo 15, no seu apartado 6, suprime que se destinen á contratación dese colectivo os incrementos de crédito e, se é o caso, o crédito liberado polas renuncias e revogacións das subvencións outorgadas.

Este Comité considera que deberían recuperarse ambas posibilidades, xa que as situacións que fan necesarias as axudas para atender este colectivo e incrementar a súa empregabilidade, seguen a producirse.

Segunda.
Obsérvase que no proxecto normativo se mantén a restricción ao acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3, que as entidades solicitantes estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Este Comité propón que se elimine ese requisito e se permita o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, se incrementen as contías asignadas a estas subvencións para dar acollida a todas as entidades.

Terceira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións na linguaxe en materia de xénero como o uso do masculino xenérico (por exemplo, “solicitudes de traballadores no artigo 6.5) polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3. Entidades beneficiarias . Requisitos.
Este Comité considera que se debería engadir no texto do proxecto normativo a definición dos colectivos en risco de exclusión social en atención a normativa reguladora correspondente.

Segunda.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.
O apartado 1.d) deste precepto fixa a duración máxima dos contratos e establece que “en caso de contratación a tempo parcial, do 50 ou do 75%, dita duración máxima poderá estenderse ata os doce meses”.

Este Comité considera que se debería substituír a expresión en cursiva por “do 50 ao 75%” para que a redacción non resulte confusa.

Terceira.- Artigo 4.- Requisitos dos servizos que se vaian a prestar.
O apartado 1.d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.

Cuarta.- Artigo 5. Conceptos subvencionables.
En relación co establecido no apartado 2.a) deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario e que, ademais, noutros programas si ten o carácter de custo subvencionable.

Quinta.- Artigo 6. Subvención: contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Sexta.- Artigo 6. Subvención: contía.
Segundo o apartado 4 deste precepto, a subvención para os efectos do incentivo á mobilidade xeográfica será de 180 euros mensuais por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero contratadas que reúnan os requisitos para percibilo.

Este Comité considera que se debería revisar esa contía, invariable desde fai tempo, e incrementala.

Sétima.- Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Obsérvase que neste artigo, así como no artigo 23, empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Así mesmo, obsérvase a ausencia na numeración da letra ñ, que si é propia do alfabeto galego.

Oitava.- Artigo 14. Procedemento.
No apartado 4 in fine o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena.- Artigo 14. Procedemento.
O apartado 5 establece que se valorará negativamente unha mala xestión por parte da entidade, que poderá restar ata 5 puntos.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total.

Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”.

Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa.

Décima.- Artigo 16. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas nos exercicios pasados, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debería manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12 da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Décima primeira.- Artigo 16. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.
O apartado 6 deste precepto permite, excepcionalmente, utilizar ofertas especiais con vinculación nominal cando se trate de seleccionar a mulleres vítimas de violencia de xénero e/ou integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

Este Comité propón que se recolla a mesma posibilidade respecto das persoas con discapacidade.

Décima segunda.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décima terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, polo que se considera que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideracións específicas:

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo terceiro da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo social”. As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.

Obsérvase o mesmo respecto da disposición adicional cuarta.

Segunda.- Artigo 14.-Procedemento.
En relación coa consideración específica oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 6. Subvención: contía.
A CEG propón que o incentivo por mobilidade establecido neste artigo se faga extensible ademais de ás mulleres vítimas de violencia ás persoas con discapacidade como forma de promocionar a súa mobilidade xeográfica debido ás súas dificultades para ocupar postos de traballo lonxe do seu entorno habitual e como forma de integración e participación social.

Segunda.- Artigo 6. Subvención: contía.
A CEG considera que no caso de que sexa necesario acudir á substitución da persoa traballadora por IT de longa duración superior a 30 días, prevista no artigo 18, deberían ser subvencionables non soamente os gastos da persoa substituta, senón tamén os que recaen na persoa ou entidade empregadora respecto da persoa en situación de baixa.

Terceira.- Artigo 16. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.
Respecto aos requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras, a CEG considera que debería poder modificarse o perfil , CNO e categoría profesional en coordinación coa persoa responsable da xestión na oficina de emprego, para buscar un perfil máis axeitado no seu caso, cando non haxa persoas candidatas para cubrir a oferta e a modificación non afecte aos obxectivos nin á calidade dos proxectos.

Cuarta.- Disposición adicional terceira.
A CEG propón que a duración de 12 meses do contrato laboral se faga extensible igualmente ás persoas con discapacidade polo mesmo motivo contido na consideración segunda deste Anexo.

Número ditame
26