Pasar al contenido principal

Ditame 28/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que que se establecen as bases reguladoras do BONO EMPREGA AUTOMOCIÓN para a formación con contratación de persoas desempregadas no sector da automoción en Galicia e se procede á sua convocatoria para o ano 2018.

I. ANTECEDENTES
O día 13 de xullo de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que que se establecen as bases reguladoras do bono emprega automoción para a formación con contratación de persoas desempregadas no sector da automoción en Galicia e se procede á sua convocatoria para o ano 2018. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, a política industrial debe prestar unha especial atención a aqueles sectores estratéxicos que, pola súa experiencia exportadora, a súa existencia como empresas tractoras con capacidade para xerar peme e con tradición empresarial e potencial de crecemento, veñen mostrando a súa capacidade de contribuír ao progreso da economía galega.
Dentro do mapa dos sectores prioritarios para Galicia atoparíase o sector da automoción recoñecido como sector estratéxico e, sobre esa base, impúlsase este novo programa a prol da formación con contratación de persoas desempregadas en empresas vinculadas ao sector de automoción, incluíndo empresas auxiliares.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destaca o seguinte:
Segundo o artigo 1, as empresas que soliciten participar na presente convocatoria terán a posibilidade de obter axudas para a formación con contratación por conta allea de persoas en situación de desemprego como parte deste programa de contratación.
Engade este artigo que a contía máxima de axudas que poderá percibir unha entidade solicitante non poderá superar 1.000.000 de euros.
Así, o bono emprega automoción consistirá nunha subvención ás empresas beneficiarias no programa que, ademais da contratación laboral de persoas en situacion de desemprego, leven a cabo accións formativas para mellorar os coñecementos e habilidades no posto de traballo das persoas participantes.
A contía para financiar estas axudas ascende a un total de 3.000.000 euros (artigo 4).
O artigo 6 relaciona os requisitos que deben cumprir as entidades para poder ser beneficiarias das axudas reguladas neste proxecto de orde.
O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2018 (artigo 7) e o prazo para resolver e notificar será de tres meses (artigo 12).
Segundo o artigo 21, o bono emprega automoción terá un importe fixo de 2.000 euros por cada persoa desempregada contratada.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que que se establecen as bases reguladoras do bono emprega automoción para a formación con contratación de persoas desempregadas no sector da automoción en Galicia e se procede á sua convocatoria para o ano 2018” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 19 de xullo de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: dúas xerais e nove específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 28/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que que se establecen as bases reguladoras do bono emprega automoción para a formación con contratación de persoas desempregadas no sector da automoción en Galicia e se procede á sua convocatoria para o ano 2018”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de xullo de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de xullo de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité observa erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico, por exemplo: “os formadores” ou “os traballadores” no artigo 19, polo que propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva.

Segunda.
Este Comité considera que debería mellorarse a redacción do texto do proxecto de orde, así como corrixir os diversos erros:
-Erros ortográficos: “perosal” en lugar de “persoal” no artigo 19
-Erros de redacción: o artigo 19 fala de custos subvencionables e o 26 de gastos subvencionables.
-Erros de concordancia: “contía dos bono” en lugar de “contía do bono” no título do artigo 21.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3. Principios de xestión.
O último parágrafo deste artigo fai referencia ás dúas liñas de axuda, cando esta orde soamente regula unha axuda.

Segunda.- Artigo 4. Orzamentos.
O segundo parágrafo do apartado 2 establece que estas contías estarán suxeitas á existencia de crédito orzamentario dispoñible para o correspondente ano.

Este Comité propón que se elimine este parágrafo por improcedente.

Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
Neste artigo utilízase na clasificación a letras j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Cuarta.- Artigo 15. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias.
O apartado c deste precepto establece a obriga da entidade beneficiaria de estar ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social nin ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 26.

Quinta.- Artigo 25. Comprobación de datos.
En relación co establecido nos apartados 1 e 2 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga das persoas interesadas de achegar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que consulte automaticamente os datos incluídos nos documentos sinalados.

Sexta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Sétima.- Disposición adicional terceira.
Nesta disposición figura un último parágrafo polo cal a BDNS debe dar traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Este Comité considera que existe un erro e que este parágrafo debe introducirse na disposición adicional segunda relativa a Información sobre xestión e subvencións.

Oitava.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Novena.- Anexos.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

CONSIDERACIÓNS XERAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais non comparten, como xa se ten considerado nalgún ditame anterior, que a formación para o emprego se desagregue en diferentes ordes e non responda a unha planificación global.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran o Comité de ditames consideran que deberían engadirse ao texto deste proxecto de orde os requisitos, exclusión e obrigas recollidos nos artigos 22, 24 e 28 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que que se establecen as bases reguladoras dun programa a prol da contratación das mulleres desempregadas (DOG do 27 de xuño de 2018).

A continuación reprodúcense os ditos artigos:

Artigo 22. Requisitos
(...)

2. A xornada da contratación indefinida inicial será a tempo completo ou a tempo parcial. No caso da xornada a tempo parcial deberá de ser igual ou superior ao 50 % da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada máxima legal.
3. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto á media dos 3 meses anteriores ao da contratación.
4. Como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita subvención ten que incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia respecto á media dos 3 meses anteriores ao da contratación.
Para o cálculo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se computarán as persoas traballadoras cuxo contrato de traballo se extinga por causas obxectivas ou por despedimento disciplinario que non sexan declarados improcedentes ou cuxas baixas se producisen por dimisión da persoa traballadora ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas ou por resolución durante o período de proba ou por finalización do contrato de traballo.
No caso de que algún dos tres meses anteriores á contratación pola que se solicita subvención coincida con períodos de inactividade de persoas traballadoras fixas descontinuas, estas computaranse como persoal fixo.
As contratacións polas que se solicita subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 24. Exclusións

Exclúense dos beneficios regulados neste programa:

1. As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores ou traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
2. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, da empresaria ou empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el.
3. As contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal ou mediante un contrato formativo, de remuda ou por anticipación da idade de xubilación. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador ou da traballadora con empresas ás cales a persoa solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
4. As persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido noutra empresa nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 28. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.
No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención a empresa está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación indefinida inicial, polo menos cunha xornada de traballo igual á anterior, e a persoa traballadora deberá pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa. Esta remuda deberá realizarse ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

2. Manter durante 2 anos o número de persoas traballadoras fixas do cadro de persoal no mes de realización da contratación indefinida inicial, que se contarán desde o mes de realización da contratación.
3. Unha vez finalizado o período dos dous anos do cumprimento destas obrigas, corresponderá á Secretaría Xeral de Emprego levar a cabo a función de control das subvencións concedidas, así como a avaliación e seguimento deste programa. Para iso, a entidade beneficiaria está obrigada a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, unha declaración da media do persoal traballador fixo no conxunto dos centros de traballo en Galicia do período de 12 meses contados desde o mes seguinte ao da realización das contratacións subvencionadas. Esta declaración deberá presentarse respecto de cada un dos 2 anos seguintes ao mes en que se realizou a contratación subvencionada. A estas declaracións xuntaranse o informe de vida laboral dun código conta de cotización expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social das 24 mensualidades.
Ademais, o beneficiario está obrigado a presentar, nos tres meses seguintes ao remate deste prazo, as nóminas das 24 mensualidades correspondentes a cada persoa traballadora subvencionada.
4. No prazo máximo de catro semanas desde o cumprimento dos prazos de mantemento da condición de traballador a que se refire o parágrafo 1 anterior, a entidade beneficiaria deberá presentar, respecto de cada unha das persoas polas que percibiu a subvención ou as persoas substitutas, os indicadores de resultado inmediato a que se refiren o anexo I do Regulamento (UE) núm. 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.
A Administración actuante poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice este mantemento, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias colaboradoras do programa.
As organizacións sindicais consideran que debería esixirse unha taxa mínima de estabilidade do 75% respecto dos seis meses anteriores ao da solicitude.

Segunda.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
Segundo o apartado 2 deste artigo, o prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas rematará o 30 de setembro.

O dito día é domingo, polo que as organizacións sindicais consideran que debería fixarse o último día do prazo no día 1 de outubro.

Terceira.- Artigo 19. Réxime de axudas.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 26.

Cuarta.- Artigo 21. Contía do bono emprega automoción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 40 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Quinta .- Artigo 22. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Sexta .- Artigo 22. Accións subvencionables e requisitos.
As organizacións sindicais consideran que se debería esixir, en todo caso, que a formación aportara algún valor engadido sobre a obriga legal de formación no desempeño do posto de traballo que atingue á empresa.

Sétima.- Artigo 23. Execución das accións formativas.
As organizacións sindicais consideran que se debería indicar no texto da orde que o tempo de formación forma parte da xornada laboral.

Oitava .- Artigo 23. Execución das accións formativas.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.

Novena .- Artigo 24. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento.
Respecto deste artigo, no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Obsérvase o mesmo para o artigo 26.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
Este artigo fixa o remate do prazo de presentación de solicitudes no 30 de setembro de 2018.

A CEG entende que, ao non tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, o prazo debería permanecer aberto ata o esgotamento dos créditos asignados.

Segunda.- Artigo 19. Réxime de axudas.
A CEG considera que deberían especificarse cales son os custos subvencionables e que, en todo caso, deberían subvencionarse os custos de adaptación necesarios para que as persoas con discapacidade poidan levar a cabo as accións subvencionables con garantía de plena igualdade no traballo.

Ademais, respecto do apartado b) deste precepto, a CEG propón eliminar o termo “exclusivamente”, de xeito que se subvencione a amortización de instrumentos e equipos aínda que non se empreguen unicamente para o proxecto de formación.

Número ditame
28