Pasar al contenido principal

Ditame 33/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de outubro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Segundo a exposición de motivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, para dar cumprimento a ese mandato legal, implementa para o ano 2019 un programa dirixido a fomentar a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, mediante a contratación subvencionada de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral e/ou en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 12 de xaneiro de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 9 de novembro de 2017 (Ditame 35/2017), obsérvase que se acepta unha consideración de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial pero que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma.

A única novidade destacable deste proxecto respecto da orde para o exercicio anterior obsérvase no artigo 18 segundo o cal, no caso de incumprimento do prazo fixado para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento, procederá a perda total do dereito ao cobramento da subvención. Na orde anterior, para este suposto, prevíanse diferentes porcentaxes de perda do dereito ao cobramento en función do atraso no prazo que se producira.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, 18 artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 5 de novembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime: unha manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e unha manifestada pola organización sindical de CCOO de Galicia.

DITAME 33/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (RISGA), e se aproba a convocatoria para o ano 2019, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de outubro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
O Comité entende que o obxecto e finalidade destes programas fan aconsellable que non se circunscriban exclusivamente ás entidades locais e se permita a participación neles das entidades sen ánimo de lucro, especialmente as que teñen, entre as súas finalidades, a persecución dun interese social.

Segunda.
Este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso do uso das barras, por exemplo, no artigo 15: “do/a secretario/a” ou “desempregado/a”, e no emprego do masculino xenérico, por exemplo, no artigo 13: “os maiores”, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Hai que ter en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.Exposición de motivos.
A redacción do sétimo parágrafo da Exposición de Motivos é excesivamente complexa, como tamén o é a do número 4 do artigo 2, polo que este Comité propón que se simplifique a súa redacción e que se prime, na fórmula de reparto, o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada provincia.

Segunda. Artigo 2.- Financiamento.
Este Comité considera que debería substituírse o baremo que figura no número 5 deste artigo polo establecemento dunha porcentaxe igual sobre o número de persoas preceptoras da Risga en cada concello.

Terceira. Artigo 4.- Contía da subvención.
No apartado 3 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxendía practicamente non existen conceptos excluídos da base de cotización.

Cuarta. Artigo 12. Resolución.
O número 2 deste artigo prevé un prazo de resolución de tres meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude.

Este Comité entende que, dado que a finalidade desta convocatoria é atender a persoas en situación delicada e urxente, o dito prazo debería reducirse a un mes.

Quinta. Artigo 12. Resolución.
O apartado 2 deste precepto prevé que o prazo de resolución e notificación se compute desde a finalización do prazo de presentación da solicitude cando, ao non existir concorrencia competitiva, o prazo debería computarse a partir da presentación da solicitude.

Sexta. Artigo 13. Requisitos da contratación.
O apartado c) deste artigo fai referencia á constitución grupo mixto que realizará a selección das persoas traballadoras.

Este Comité considera que se deberían incorporar ao dito grupo mixto as persoas traballadoras sociais das entidades locais.

Sétima. Artigo 13. Requisitos da contratación.
Na letra d) deste artigo disponse que terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral , os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.

Este Comité entende que, de cara a non discriminar a outros colectivos beneficiarios, a redacción debería ser: “terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral”, polo que se propón a supresión do resto do parágrafo.

Oitava. Artigo 13. Requisitos da contratación.
No apartado e) deste precepto establécese o requisito de solicitar as persoas demandantes non ocupadas mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiaras RISGA, nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, engadindo que, excepcionalmente, poderán utilizarse ofertas especiais con vinculación nominal.

Este Comité considera que deberían constar expresamente na orde cales son as referidas situacións excepcionais.

Novena. Artigo 13. Requisitos da contratación.
Este Comité propón que se engada un novo requisito neste artigo segundo o cal as contratacións que se realicen non poidan ter por obxecto cubrir postos de traballo vacantes na RPT da entidade beneficiaria.

Décima. Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité observa que o disposto na letra h) deste artigo non garda relación co obxecto desta orde, polo que debería suprimirse.

Décima primeira. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Décima segunda. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CCOO DE GALICIA.

Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia”.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.


ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN
SINDICAL DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 4. Contía da subvención.
O apartado 2 deste artigo permite que a xornada de traballo poida ser a tempo completo ou a tempo parcial.

A organización sindical de CCOO de Galicia considera que todas as contratacións que sexan subvencionadas por esta orde deberían ser a xornada completa ao ter en conta a, xa de por si, escasa duración do contrato subvencionado.

Número ditame
33