I. ANTECEDENTES
O día 29 de outubro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, a realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posible, senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que as empresas creadas poidan sobrevivir, crecer e ampliar os seus mercados.
Nese marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que con potencialidade para crear emprego non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 26 de xaneiro de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 13 de novembro de 2017 (Ditame 36/2017), obsérvase que se acepta algunha consideración de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial pero que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Respecto do programa I (promoción do emprego autónomo) obsérvase unha minoración na contía da subvención, que pasa de 14.663.995 euros a 10.070.647 (artigo 4).
Segundo o artigo 6, estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis e, como novidade, establece uns límites á contía da axuda que poden recibir empresas do sector da pesca e agrícola, que ata este momento estaban excluídos destas subvencións.
O artigo 20 recolle a contía base da subvención no Programa I e, dentro dos supostos nos que corresponde incrementar a dita contía base, engádese o das persoas transexuais. O mesmo se observa no artigo 35 respecto do Programa II.
A subvención establecida para o Programa I será compatible coas axudas que a Secretaría Xeral da Emigración convoque no 2019 para promover o autoemprego e a actividade emprendedora en Galicia das persoas retornadas (artigo 29).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, corenta e sete artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 12 de novembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral e tres específicas manifestadas por UGT- Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo I) e catro específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).
DITAME 35/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado parcialmente con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 e o Programa II , de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de outubro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité considera que se debería incrementar sensiblemente a contía da axuda inicial prevista neste proxecto normativo.
Por outra banda, propón que se recupere a liña de axuda que subvencionaba a asistencia técnica e que se recollía na orde para a promoción do emprego autónomo do exercicio de 2013.
Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo, xa que presenta varios erros:
-Obsérvase nos artigos 18, 32 e 40 a utilización da letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.
-Nos artigos 23.1.i) e 39.1.i) faise referencia á documentación xustificativa de haber obtido ou solicitado unha rectificación ante o Rexistro Civil, en lugar de empregar a forma correcta: ter obtido ou solicitado.
-Hai un erro de numeración, xa que se pasa do artigo 18 ao 20.
-O artigo 20.2 relaciona unha serie de colectivos que dan lugar a un incremento da contía da axuda, entre eles, o apartado “d) se a persoa incorporada é un emigrante retornado”, cando o apartado debería referirse a “persoas emigrantes retornadas” para respectar a linguaxe inclusiva.
-Detéctanse outros erros no uso da linguaxe en materia de xénero, como o emprego do masculino xenérico (“condición de traballador” no artigo 28.b) ou o mal uso das barras (“debedor/a” no artigo 27.4). Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Aínda que o precepto leva por título “definicións”, chama a atención o feito de que o segundo parágrafo do apartado 1 recolle temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.
Este Comité propón que o referido parágrafo se recolla noutro artigo.
Segunda.- Artigo 20. Contía da subvención.
Este artigo fixa a contía base da subvención en 2.000 euros, o que supón unha diminución de 3.000 euros respecto da que se establecía na orde para o exercicio 2016.
Polo tanto, este Comité considera que se debería incrementar sensiblemente a contía por entendela insuficiente.
Terceira.- Artigo 27. Xustificación e pagamento.
O apartado 3 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión.
Este Comité propón que se estableza expresamente un prazo razoable para a presentación da documentación, que podería ser de un mes.
Cuarta.- Artigo 27. Xustificación e pagamento.
No apartado 4 deste artigo disponse que “Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de reintegro”.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Quinta.- Artigo 30. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 4 deste precepto recolle os supostos no que procede o reintegro total da axuda polo incumprimento das obrigas recollidas na aliña h) do artigo 28.
Este Comité considera que ese reintegro debería ser proporcional ao tempo que reste para o cumprimento desas obrigas, polo que propón que este apartado se integre no apartado que regula os supostos de reintegro parcial.
Sexta.- Artigo 30. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
Segundo o apartado 10, “procederá ao reintegro do 5% da axuda concedida no caso do incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles”.
Este Comité considera que esa sanción é desproporcionada, polo que propón que se rebaixe a porcentaxe de reintegro recollida.
Sétima.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Oitava.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
CONSIDERACIÓN XERAL
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:
Primeira.- Artigo 36. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.
As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.
Segunda.- Artigo 44. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo dispón que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 70%, ampliable ao 80%, do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.
As organizacións sindicais considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
Terceira.- Artigo 45. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartados 1 e 2 deste artigo obrigan á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un tempo mínimo de dous anos e no suposto da segunda e terceira contratación indefinida subvencionada, a persoa beneficiaria está obrigada a manter durante dous anos a contar desde a data da realización da contratación subvencionada, o número de persoas traballadoras fixas do seu cadro de persoal, respectivamente.
As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que se debería incrementar ata cinco anos o referido período.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.
Primeira. – Artigo 19. Persoas beneficiarias.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os demais requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo.
A CEG considera que existe un agravio comparativo para as persoas socias de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social polo que solicita que se equiparen os beneficios do diferentes programas de axudas de sociedades mercantís, cooperativas, sociedades laborais e autónomos.
Segunda. – Artigo 23. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
O apartado 1.c) esixe presentar un plan de negocio empresarial que deberá, segundo o parágrafo seguinte, ter informada a súa viabilidade económica e financeira por unha entidade independente, entre as que figuran a Unidade de Galicia Emprende e os axentes de emprego e desenvolvemento local, ben no momento da presentación da solicitude ou na posterior fase de xustificación do pagamento.
A CEG entende que debería ser suficiente a presentación do Plan, polo que propón que se suprima a esixencia do informe dunha entidade independente acerca da súa viabilidade.
Terceira. – Artigo 36. Exclusións.
No apartado 3 deste artigo exclúense dos beneficios regulados na Orde as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos últimos 3 meses prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter temporal.
Na opinión da CEG, para un maior impacto da medida, debería eliminarse esta exclusión porque impide que persoas que traballaran recentemente na empresa por un período de curta duración podan ser beneficiarias finais da medida de estímulo á contratación indefinida, sempre que non exista duplicidade das subvencións na contratación.
Cuarta.- Artigo 46. Reintegros.
No apartado 2.ii) deste artigo estipúlase que, respecto ao cálculo da contía a reintegrar parcialmente no suposto de efectuar a substitución fóra do prazo que concede a Orde, o mes no que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do mes no que aquela se realice.
A CEG propón que se modifique a redacción para que o sistema de cálculo prevexa a devolución exclusivamente pola parte do mes na que o posto estivo vacante.
Tamén con respecto ao apartado 3.iii), deberá preverse a devolución parcial tendo en conta a xornada real no mes da substitución, eliminando que o mesmo mes que se leve a cabo a substitución sexa computado entre os meses con xornada inferior.