Pasar al contenido principal

Ditame 36/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 29 de outubro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o disposto no Decreto
146/2016, do 13 de novembro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, no marco das políticas activas de emprego, xestiona os programas de apoio ás persoas emprendedoras e á economía social, xa que o autoemprego estase a amosar unha fórmula eficaz para a incorporación ou a reincorporación ao mercado de traballo das persoas desempregadas.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 26 de xaneiro de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 27 de novembro de 2017 (Ditame 39/2017), obsérvase que se acepta algunha consideración de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial pero que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Obsérvase unha minoración de 84.300 euros no crédito asignado ao programa I e de 100.000 euros no crédito asignado ao programa II (artigo 4).

O artigo 21 regula a subvención á xeración de emprego estable e relaciona unha serie de supostos nos que a contía base da subvención se ve incrementada nun 25%. Neste proxecto engádese o caso de que a persoa incorporada sexa unha persoa transexual. O mesmo se recolle no artigo 23 respecto da subvención para o inicio da actividade e no artigo 37 respecto da subvención á creación directa de emprego estable.

En canto á subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación, obsérvase unha modificación no artigo 38, segundo o cal as contratacións temporais serán subvencionadas nunha contía equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos, con máximo de 12 mensualidades.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, corenta e sete artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 12 de novembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén, como anexos, dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I) e unha consideración xeral e cinco específicas de carácter non unánime manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 36/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación e o Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de outubro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico, por exemplo, “os emprendedores” na exposición de motivos , “os promotores” no artigo 45 ou “o interesado” no artigo 46 ou o uso ocasional das barras (os/as fillos/as no artigo 5) polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Ademais, este Comité considera que a redacción do proxecto sometido a ditame é manifestamente mellorable e destaca, entre outros, os seguintes erros:

-No artigo 23 figuran dous apartados numerados como 6.
-No artigo 28 pásase do apartado 1 ao 3.
-No artigo 27.3.a) e c) faise referencia á documentación xustificativa de haber obtido ou solicitado unha rectificación ante o Rexistro Civil, en lugar de empregar a forma correcta: ter obtido ou solicitado.
-Nalgúns artigos reprodúcese, literalmente, o establecido noutros: por exemplo, o artigo 41.4 vén a reiterar o xa establecido no 27.4.

Segunda.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda para estes casos.

Terceira.
Obsérvanse certas discordancias procedimentais entre os artigos 7, 27, 40 e 41 (que establecen a obrigatoriedade de presentar as solicitudes e a documentación complementaria por vía electrónica) coa referencia que fai o artigo 12.5 á posibilidade de que a notificación electrónica fose expresamente elixida pola persoa beneficiaria.

En todo caso, e na medida en que as persoas autónomas poden ser beneficiarias destas axudas, este Comité considera que debería respectarse a posibilidade legal de optar por realizar calquera trámite presencialmente.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Obsérvase que neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
O mesmo se observa respecto dos artigos 28 e 46, no que se fai uso da letra j).
Segunda.- Artigo 23. Subvención para o inicio da actividade.
Segundo o apartado 6 deste artigo (que debería figurar como apartado 7), a través da axuda para o inicio da actividade serán subvencionables os gastos realizados desde un mes antes ao inicio da actividade empresarial.

Este Comité considera que ese prazo dun mes debería ampliarse sensiblemente.

Terceira.- Artigo 31. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1 e) deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Cuarta.- Artigo 31. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 1 g) deste artigo establécese obriga das persoas ou entidades beneficiarias “conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.”

Este Comité considera que o precepto debería ser máis concreto. Neste sentido, sería preciso especificar o tempo durante o que se deben conservar os documentos, tal e como figura na Orde do 19 de xullo de 2017 que regula o programa de incentivos á creación de emprego e incremento da estabilidade laboral (DOG do 11 de agosto de 2017) que, no seu artigo 16.d), establece un prazo de de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

Quinta.- Artigo 38.- Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
Segundo o apartado 3 deste precepto, “esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela”.

Este Comité propón que se concrete o que se debería entender por “ben identificadas” xa que estamos ante un concepto xurídico indeterminado.

Sexta.- Artigo 39. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Na orde reguladora desta axuda no exercicio 2014 suprimíronse os gastos de constitución da empresa como gasto subvencionable.

Xa que o apartado c) do artigo 36 inclúe a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade como unha das modalidades de axudas, este Comité propón que se recupere a condición de subvencionable dos citados gastos de constitución da empresa.

Sétima.- Artigo 39. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables descritos no apartado 3 deste artigo.

Oitava.- Artigo 43. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 3 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2019.

Este Comité propón que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, como xa se prevía na Orde para o exercicio de 2013, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

Novena.- Artigo 43. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 6 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a persoa ou entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou teña algunha débeda por calquera concepto pendente de pagamento coa Administración pública ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible; propón, así mesmo, que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décima.- Artigo 46. Obrigas da persoas ou entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 3, parágrafo segundo, deste artigo: “o órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses dende a recepción da comunicación”.

Este Comité propón que se reduza o dito prazo, para dar unha maior axilidade á contratación.

Décima primeira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décima segunda.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.
Consideracións Xerais:
Primeira.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos que, na medida en que as axudas previstas nos artigos 20.a) e 36.a) deste proxecto normativo poden ser utilizadas pola persoa beneficiaria para a contratación estable de terceiras persoas, é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 36.a) e 37, unha subvención á creación directa de emprego estable en IEBT.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 36 do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).

Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 21. Subvención á xeración de emprego estable
En relación co establecido nos artigos 21 e 27, e sen prexuízo do sinalado na anterior consideración xeral, enténdese que o custo máximo subvencionable por todos os conceptos debería ser o da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 37. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 10 deste artigo establece que estas subvencións serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 70% (ampliable ao 80%) do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A organizacións que integran este Comité consideran que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que o conxunto dos incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Terceira.- Artigo 38. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á seguridade social por todos os conceptos, cun máximo de 12 mensualidades.

As organizacións sindicais que fan parte do Comité consideran que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 3 deste artigo e debería indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social orixinado pola totalidade das persoas contratadas.

Cuarta.- Artigo 46. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Consideración xeral.
No programa I aquí regulado, a contía vese minguada en 84.300 euros respecto do exercicio 2018, o que supón voltar á mesma contía prevista no exercicio de 2017 e que, en calquera caso, segue a tratarse dun crédito sensiblemente inferior ao previsto na Orde para o ano 2016.
Por outra banda, o programa II sofre unha mingua de 320.456 euros respecto do orzamento atribuído para o exercicio de 2017.
A CEG considera que tales mermas orzamentarias van en detrimento dos estímulos que motivan esta orde.

Consideracións específicas:
Primeira. - Artigo 5. Definicións.
O apartado a) deste artigo establece que terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A CEG propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta.

Segunda. - Artigo 26. Solicitudes e prazo de presentación.
No primeiro apartado deste artigo establécese que o prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 31 de xullo de 2019. Pola súa banda, o apartado 1 do artigo 40 establece que o prazo de presentación das solicitudes, respecto do programa II, rematará o 30 de setembro de 2019.

A CEG considera que estes prazos poden resultar insuficientes, e que sería máis apropiado estendelo ao longo dunha anualidade completa.

Terceira. - Artigo 36. Tipos de axuda.
Nas distintas modalidades de axuda, a CEG propón que debería incluírse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, incentivando deste xeito ás empresas ao mantemento do emprego.

Cuarta. - Artigo 36. Tipos de axuda.
A CEG considera que se debería recuperar entre os tipos de axuda recollidos neste artigo a subvención financeira, xa que é un mecanismo de apoio básico para a consecución do financiamento que necesitan os proxectos desta natureza, así como tamén a subvención de apoio á función xerencial que aparecía recollida en ordes anteriores.

Quinta. - Artigo 46. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Segundo os apartados 2 e 3 deste artigo, en caso de que se produza o cesamento dunha persoa traballadora, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo de dous meses.

O órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses dende a recepción da comunicación.

A CEG considera que debería limitarse ambos prazos a un mes. En atención a especial urxencia e necesidade que as funcións deste persoal pode desempeñar os prazos de dous e tres meses no seu caso para ter aceptada a proposta de substitución por parte da administración son excesivos.

Número ditame
36