I. ANTECEDENTES
O día 5 de novembro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, as empresas de economía social e singularmente as cooperativas, demostraron a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.
As subvencións establecidas nesta orde intégranse dentro das accións que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende levar a cabo para conseguir un axeitado desenvolvemento en materia de economía social, no que respecta ao fomento do emprego e mellora da competitividade nas cooperativas e sociedades laborais, de xeito que redunde en beneficio e mellora do eido económico e socio-laboral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Esta orde reflicte tamén a especial preocupación pola necesidade de incrementar o nivel de emprego da xuventude galega, elemento esencial de cara a conseguir unha adecuada inclusión social a longo prazo.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2018, publicada no DOG o día 25 de xaneiro de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 27 de novembro de 2017 (ditame 38/2017), obsérvase que se acepta unha consideración de carácter formal manifestada polas organizacións sindicais e empresarial pero que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Tanto o artigo 22 (respecto do Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais) como o artigo 28 (respecto do Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia) establecen, como novidade, que se admitirá a incorporación en condición de persoa fixa descontinua sempre que a ocupación acade como mínimo o 50% da xornada de traballo anual establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, as 868 horas.
En canto á contía dos incentivos, obsérvase que o artigo 23 recolle dous novos supostos nos que a contía base se incrementará nun 25%: no caso de que a persoa incorporada teña a condición de persoa trans (suposto que tamén se engade no artigo 29 respecto do Programa II) e no caso de que se trate dunha cooperativa xuvenil (suposto que xa figuraba recollido respecto do Programa II na orde anterior).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.
O día 12 de novembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións específicas non unánimes: unha manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e unha manifestada pola CEG (Anexo II).
DITAME 37/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o fomento do emprendemento en economía social (Programa APROL – Economía Social) e se convocan para o ano 2019, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de novembro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.
Este Comité entende que se debería xustificar, na exposición de motivos do proxecto normativo, a razón da desaparición do programa de impulso de proxectos empresariais colectivos e do programa de intercooperación e integración empresarial.
Segunda.
Este Comité solicita que se faciliten as follas de datos estatísticos do exercicio 2017, correspondentes ás dúas ordes que se refunden neste proxecto, que deben acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.
Terceira.
Nos artigos 24.1, 25 e 30 emprégase na clasificación a letra j.
O mesmo se observa nos artigos 5, 10 e 24.1 nos que, ademais, utilízase tamén a letra k.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.
Cuarta.
Este Comité observa que no texto deste proxecto faise un uso indebido das barras, especialmente no artigo 5 ( por exemplo: “os/as fillos/as” “galego/a” ou “empadroado/a” entre outros), pero tamén no artigo 22 (“directores/as” e “xerentes/as”), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 5. Definicións.
Este precepto define unha serie de conceptos; entre eles, no apartado e), define á persoa trans.
Este Comité considera que debería concretarse esta denominación, máis aínda á vista de que noutros proxectos normativos se emprega o termo “persoa transexual” coa mesma definición que se lle outorga aquí a este termo.
Segunda.- Artigo 9. Emenda das solicitudes.
O terceiro parágrafo deste precepto establece que: “nos programas I e II deberá analizarse a viabilidade do proxecto empresarial ou plan de empresa con base na documentación presentada e, no caso de apreciarse que non resulta viable, o órgano instrutor proporá a desestimación da solicitude por esta causa”.
Este Comité entende que debería preverse unha audiencia da entidade solicitante con anterioridade á desestimación.
Terceira.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.
O apartado 9 deste precepto recolle a modalidade de pagamento único pola totalidade.
Este Comité considera que debería preverse un réxime de anticipos igual que se fai respecto doutros tipos de axudas, especialmente neste caso, xa que se trata de fomentar o emprendemento en economía social.
Cuarta.- Artigo 17. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias.
No apartado 1.c) deste artigo establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Quinta.- Artigo 21. Finalidade.
Segundo este artigo, o Programa I ten por obxecto establecer incentivos para o fomento da incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou a proba.
Este Comité considera que debería suprimirse a parte sinalada en cursiva.
Séxta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras (sic).
Sétima.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Artigo 26. Obrigas das beneficiarias.
Os apartados 1 e 3 deste artigo, así como o apartado 1 do artigo 32, obrigan ás entidades beneficiarias a manter determinadas condicións por un período mínimo de dous anos.
As organizacións sindicais consideran que estas condicións deberíanse manter durante un período mínimo de cinco anos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Artigo 5. Definicións
Respecto ao concepto persoas desempregadas recollido neste precepto, a CEG considera que deberían incluírse aquelas persoas que figuran inscritas en mellora de emprego e que, polo tanto, necesitan mellorar as súas condicións de traballo accedendo a outras fórmulas de emprego.
Pola mesma razón, a CEG propón que as devanditas persoas se inclúan entre os colectivos a subvencionar no artigo 6 deste proxecto.