I. ANTECEDENTES
O día 9 de novembro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.
Corresponden á Consellería de Economía, Emprego e Industria as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.
Segundo a Exposición de motivos, con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 3 de xullo de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 3 de maio de 2018 (Ditame 18/18), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma polas organizacións sindicais e empresarial e que, así mesmo, acéptanse algunhas das consideracións de carácter formal.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Suprímese a liña III de axudas que subvencionaba os investimentos destinados á acción de mellora na adaptación, substitución ou adquisición de equipamentos de traballo e adaptacións de postos de traballo (artigo 2).
En canto ao financiamento (artigo 3) obsérvase un incremento tanto no orzamento para a Liña I de axudas (que pasa de 690.000 euros a 800.000) como para a Liña II (que pasa de 180.000 euros a 690.000).
Outra novidade deste artigo 3 é a de permitir que sexan beneficiarias das axudas da Liña II as organizacións sindicais con representatividade en Galicia de carácter intersectorial (no exercicio anterior soamente se podían beneficiar as de carácter sectorial).
Polo que respecta ao importe máximo subvencionable por entidade (artigo 5) na liña II o límite fíxase en 30.000 euros, mentres que na orde anterior era do 10% do orzamento previsto na dita liña.
O artigo 23 relaciona os criterios de valoración das solicitudes de ambas liñas de axudas e engade un novo criterio que valora o feito de que os cursos e xornadas versen sobre determinadas materias. Así mesmo, recupéranse dous criterios que eran valorables en exercicios anteriores, como a taxa de estabilidade e a paridade entre homes e mulleres. Tamén se observa que no novo proxecto valórase o alcance territorial da programación a desenvolver cando, na orde anterior, o que se valoraba era a dimensión territorial da entidade. Finalmente, redúcese a puntuación outorgada en caso de cofinanciamento da acción.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2019” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, tres disposicións adicionais e tres finais.
O día 20 de novembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideración xerais e vinte e unha consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.
Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I), e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 38/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2019, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de novembro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira.
Este Comité observa o emprego do masculino xenérico ao longo do texto, por exemplo “alumnos” nos artigos 8.2 e 22 ou “os membros asociados” no artigo 13, así como o uso das barras no artigo 22: “os membros asociados”, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Segunda.
Obsérvase un uso erróneo do reflexivo “se” nos artigos 27.1 e 31.3.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira. Artigo 2. Liñas.
Respecto do contido da Liña 2, este Comité considera que se deberían ampliar as actividades subvencionables na liña do que se establecía na mesma Orde para o exercicio de 2017 ao ter en conta, ademais, que no Anexo VII faise referencia a estudos e traballos técnicos (apartado 6.2) que no actual proxecto de orde non figuran como subvencionables.
Segunda. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.
Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Tamén se propón que se substitúa, no apartado 2.b) deste artigo, a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.
Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas do apartado 2.a) pola de asociacións máis representativas.
Terceira. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Segundo o apartado 1.b) desde precepto, na liña II ningunha entidade poderá percibir unha contía que supere os 30.000 euros pola totalidade de accións solicitadas.
Este Comité considera que a dita contía máxima debería incrementarse sensiblemente.
Cuarta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
O apartado 2 fixa o importe máximo subvencionable por actividade e relaciona unha serie de cursos que recibirán un maior importe, entre os que están as técnicas de rescate industrial.
Este Comité considera que debería facerse unha interpretación ampla das accións de formación que se poden incluír dentro da acepción “rescate industrial” para dar cabida, entre outras, ás relativas ao sector marítimo pesqueiro.
Quinta. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
Con respecto ao apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade que se subvenciona, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.
Sexta. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
A letra f) do apartado 3 recolle os gastos indirectos que son subvencionables, como consumo eléctrico, teléfono ou mensaxería, entre outros, sempre que se correspondan cos locais en que se realizan as accións.
Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.
Sétima. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.
Oitava. Artigo 17. Documentación para as solicitudes de cursos e xornadas e estudos das liñas 1 e 2.
Este Comité suxire a inclusión dun apartado máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c) e d) do apartado 2-6º deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.
Novena. Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 6 deste artigo outorga de 0 a 3 puntos en función da siniestralidade do sector ao que vai dirixida a acción.
Este Comité propón que se lle dea un maior protagonismo a este criterio, sobre todo en atención á finalidade mesma deste proxecto de orde.
Décima. Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.
Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado 7 deste artigo.
Décima primeira. Artigo 25. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.
Este Comité propón que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida.
Décima segunda. Artigo 25. Resolución e recursos.
No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.
Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería reducirse a tres meses.
Décima terceira. Artigo 27. Prazo de finalización e de xustificación das accións.
Á vista dos prazos fixados neste artigo para a execución das accións e a súa xustificación, este Comité considera que se deberían incrementar ambos prazos e, ademais, propoñen que o lapso de tempo entre eles sexa, polo menos, de 15 días.
Décima cuarta. Artigo 30.- Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2.
No apartado 1 esíxese presentar copia dos relatorios e presentacións gráficas cando se trate de cursos ou xornadas de sensibilización.
Este Comité considera que esa esixencia é superflua, polo que debería eliminarse, dado que non aporta as evidencias necesarias para a comprobación da realización da actividade.
Décima quinta. Artigo 31.- Corrección de defectos da xustificación e pagamento.
O apartado 1 deste precepto establece que se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10 días hábiles que se contarán a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.
Este Comité considera que isto debería modificarse de xeito que a non presentación dalgún tipo de documentación dentro do referido prazo de 10 días non supoña de forma automática a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda, senón que se limite á parte da axuda non xustificada.
Décima sexta. Artigo 32. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
Este Comité propón que se elimine a expresión “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.
Décima sétima. Artigo 32. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Décima oitava. Artigo 32. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o apartado 12, as actividades subvencionables e os seus entregables elaborados pola entidade beneficiaria, así como a súa difusión poderán estar en idioma galego e castelán, pero, en todo caso deberán estar en galego.
Este Comité propón que se substitúa o verbo “estar” por un máis correcto, como “realizar”.
Décima novena. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións últimas[sic].
Vixésima. Disposición adicional terceira.
Obsérvase que a disposición adicional terceira figura erroneamente numerada como primeira, polo que debe corrixirse.
Vixésima primeira. Disposicións últimas [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións últimas [sic] que deberían denominarse “Disposicións finais”.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.
Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.
O criterio 10 deste artigo introduce, como criterio, o compromiso do emprego efectivo da lingua galega e outorga un punto polo mesmo.
As organizacións sindicais consideran que esa puntuación debería incrementarse.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira. Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 1.b) deste precepto valora a representatividade da entidade solicitante de 0 a 5 puntos.
A CEG considera que a puntuación máxima debería incrementarse a 6 puntos, a outorgar no caso das entidades cunha representatividade intersectorial superior ao 24% atendendo a súa necesidade de dar maior cobertura ás empresas e os traballadores derivado do seu nivel de representatividade.
Segunda.- Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
No punto noveno establécese o cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos tres exercicios anteriores nas subvencións obxeto da presente orde e barémase con 5 puntos unha porcentaxe de execución que superase o 90%.
A CEG considera que deberían ser catro puntos xa que este último tramo comprende una execución entre o 90% e o 100%, isto é do 10%. Polo tanto e en consonancia co tramo do 60% ao 70% onde se concede un incremento de 1 punto (de 0 a 1 puntos) por esta porcentaxe de execución, propoñemos que tamén aquí se incremente un punto respecto ó tramo anterior po lo que pasaría de 3 a 4 puntos.
Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.