Pasar al contenido principal

Ditame 41/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2019

I. ANTECEDENTES

O día 9 de novembro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, as cooperativas (xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción ou as confrarías de pescadores), forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

As axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social, procurando un axeitado desenvolvemento destas estruturas.

Concrétanse en dous programas, en función das posibles entidades beneficiarias, destinados a subvencionar os seus gastos de funcionamento. O primeiro programa diríxese ás asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e o segundo programa ás entidades asociativas de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018, publicado no DOG o día 5 de febreiro de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 14 de decembro de 2017 (Ditame 46/2017), obsérvase que se aceptan dúas consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, mentres que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma.

Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos:

O artigo 28 recolle como criterio de valoración das solicitudes o nivel de actividade da asociación e outorga 4 puntos por cada persoa traballadora a tempo completo. O novo proxecto engade que, se se trata de persoas con discapacidade ou en situación de risco de exclusión, outorgaranse 4 puntos adicionais.

En canto á documentación xustificativa para o pagamento, o artigo 29 distingue neste novo proxecto entre o suposto de subvencións de importe inferior a 20.000 euros e as de importe igual ou superior a dita contía.

Na orde anterior o período de execución das accións era distinto segundo se tratase do Programa I ou do Programa II, mentres que o actual artigo 40 fixa un único prazo para ambos programas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, corenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 29 de novembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e unha xeral e dúas específicas manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).

DITAME 41/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de novembro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de novembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 14. Xustificación e pagamento.
O apartado 10 deste precepto establece que “en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Segunda.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado f) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas, nos termos establecidos na normativa vixente sobre actividades de información e publicidade.

Este Comité propón que inclúa, no texto do proxecto normativo, unha mención expresa de cal é, concretamente, esa normativa.

Terceira.- Actividades e gastos subvencionables.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra “j”.
Pola súa banda, no artigo 32 empréganse as letras “j” e “k”.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Cuarta.- Artigo 28. Criterios de valoración.
Entre os criterios de valoración no se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto.

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Igual consideración se aplica ao artigo 35 deste proxecto normativo.

Quinta.- Artigo 32. Actividades e gastos subvencionables.
Este Comité considera que se debería incluír, entre os gastos de funcionamento subvencionables, o custo financeiro derivado da execución da subvención.

Sexta.- Artigo 34. Documentación complementaria.
Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude e inclúe, no apartado c), copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso.

Este Comité considera que se debería suprimir esa referencia ás modificacións e limitarse a esixir a presentación da copia dos estatutos vixentes.

Sétima.- Artigo 38. Convocatoria.
Obsérvase un erro de numeración nos artigos do proxecto de orde xa que non figura o artigo 37.

Oitava.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].

Novena.- Disposición adicional segunda.
Segundo esta disposición: “se unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta consellería reserva para si a facultade de efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Este Comité propón que se substitúa o texto en cursiva polo seguinte: “esta consellería poderá efectuar convocatorias complementarias”.

Décima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.

Consideración específica:

Artigo 28.Criterios de valoración.
O apartado b) deste precepto recolle os criterios de valoración das solicitudes polo nivel de actividade da asociación entre os que inclúe a taxa de estabilidade do cadro de persoal e esixe unha porcentaxe mínima de persoas traballadoras fixas do 50%.

As organizacións sindicais consideran que a porcentaxe mínima requirida debería incrementarse ata o 65%.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 35.b).

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:

Deberían contemplarse no texto da Orde como beneficiarias das subvencións destinadas a traballadores autónomos ás asociacións empresarias polos seguintes motivos:

• Para ter en consideración na súa redacción a recente modificación da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo pola disposición final terceira do Real Decreto Lei 4/2015, do 22 de marzo que incorpora ás organizacións empresariais entre aquelas con capacidade xurídica para actuar en representación dos traballadores autónomos.

• Por outra parte, como se sinala na exposición de motivos o traballo autónomo ten unha importancia fundamental na creación de emprego e riqueza, no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. As asociacións empresariais cumpren unha función de fomento e promoción do emprego autónomo e contan entre os seus asociados con empresarios autónomos. Por iso, o fomento do asociacionismo empresarial no sector do autoemprego contribúe tamén á consolidación do colectivo das persoas autónomas e debería contemplarse no ámbito das subvencións obxecto de ditame.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 33. Contía das axudas.
Segundo o apartado 1 deste precepto, o importe da subvención para gastos derivados do informe auditor da conta xustificativa non superará os 3.000 euros.

A CEG considera que se debería incrementar sensiblemente a dita contía ata cubrir os gastos que estean directamente relacionados coa actividade e sexan xustificados.

Segunda.- Artigo 41. Xustificación das accións subvencionadas.
Respecto á xustificación do investimento, a CEG propón que se permita á entidade beneficiaria reequilibrar as partidas subvencionadas compensando as que resulten deficitarias coas que teñan remanente.

Número ditame
41