Pasar al contenido principal

Ditame 43/18

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a segunda convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de novembro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se realiza a segunda convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A lei Orgánica 5/2002 do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, ten como finalidade a creación dun Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Un dos fins deste Sistema Nacional é avaliar e acreditar oficialmente a cualificación profesional calquera que fose a forma da súa adquisición.

O Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, establece o procedemento e os requisitos para a avaliación e acreditación das competencias profesionais. En Galicia, asígnase a xestión do procedemento ao Instituto Galego das Cualificacións.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018, publicada no DOG o día 27 de decembro de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 9 de novembro de 2017 (Ditame 34/2017), obsérvase que se aceptan dúas consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial e que non se tivo en conta ningunha das consideracións sobre o fondo da norma.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Obsérvase que, neste proxecto, convócanse prazas nas cualificacións profesionais que quedaron fóra no proxecto de orde pola que se realiza a primeira convocatoria do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais (obxecto do ditame 31/2018) e que si figuraban na orde para o exercicio de 2018, isto é: atención sociosanitaria, socorrismo e tanatopraxia. Ademais, convócanse prazas en dúas novas cualificacións: docencia da formación para o emprego e operacións auxiliares de fabricación mecánica (artigo 1).

Respecto aos requisitos de participación no procedemento (artigo 6), a idade mínima esixida no momento de realizar a inscripción rebáixase de 20 a 18 anos. Ademais, concrétase o requisito da experiencia laboral e/ou formación non formal para as unidades de competencia de nivel 1.

O prazo de inscrición pasa a ser de 15 días hábiles a contar desde o seguinte á publicación desta orde, cando a orde anterior fixaba un prazo de 30 días naturais (artigo 11).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se realiza a segunda convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, dúas disposicións adicionais e tres finais.

O día 10 de decembro de 2018 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello.

DITAME 43/2018

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se realiza a segunda convocatoria pública para o ano 2019 do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, en determinadas unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, cofinanciado nun 80% polo FSE con cargo ao Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de novembro de 2018, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de decembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité observa algúns erros lingüísticos no texto deste proxecto de orde, como o mal uso das barras: comunitario/a (artigo 8) os/as avaliadores/as (artigo 21), entre outros, que se considera non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 5. Puntos de información.
Na Resolución do 27 de novembro de 2014, pola que se regulaba ata agora a convocatoria deste procedemento de recoñecemento de competencias profesionais, esixíase que houbera, en cada punto de información, un profesional designado para as funcións de información.

Este Comité considera que se debería recuperar esa esixencia.

Segunda.- Artigo 11. Prazos de inscrición no procedemento.
O apartado 1 deste precepto fixa un prazo de inscrición de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Este Comité considera que o devandito prazo debería aumentarse a 30 días hábiles, debido á complexidade do procedemento e co fin de darlle máis difusión e facelo accesible a todas as persoas interesadas.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a instrución do procedemento.
No apartado 1.e)1º,1.2 esíxese, ás persoas traballadoras asalariadas, fotocopia compulsada do contrato de traballo ou da certificación da empresa onde adquirisen a experiencia laboral, na que conste especificamente a duración dos períodos de prestación do contrato, especificando claramente as actividades desenvolvidas.

Por outra banda, no apartado 1.e)2º, 2.2 esíxese, ás persoas traballadoras autónomas, unha descrición da actividade desenvolvida.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que, para equiparalas coas persoas autónomas, debería dárselle ás persoas traballadoras asalariadas a posibilidade de que, a falta da certificación esixida, poidan presentar unha declaración responsable na que describir as actividades que desenvolveron.

Número ditame
43