I. ANTECEDENTES
O día 28 de novembro de 2018 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, as empresas de inserción constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e formación socio-laboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. En virtude do disposto na Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, estas empresas teñen a consideración de entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral.
Estas entidades serían, polo tanto, iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial con metodoloxías que fan posible a inserción laboral de persoas excluídas socialmente.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicada no DOG o día 2 de xaneiro de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 9 de novembro de 2017 (Ditame 33/2017), obsérvase que se acepta algunha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial pero que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Engádese un novo suposto no que procede o reintegro do 100% da subvención concedida: a extinción, antes dos seis meses, do contrato dunha persoa en risco ou situación de exclusión social, subvencionada ao abeiro do artigo 24 (artigo 20).
O artigo 21 regula a devolución voluntaria da subvención e engade un novo apartado polo que a dita devolución non exclúe a reclamación de xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.
En canto ás axudas para o inicio e posta en marcha da actividade, mantense a contía máxima de 3.000 euros por cada posto de traballo, pero engádese a previsión de que se subvencionará como máximo o 80% dos gastos (artigo 34).
a)
Respecto das axudas para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción , o artigo 42 prevé que a súa contía máxima sexa de 8.000 euros anuais e recolle unha serie de supostos nos que a dita contía se incrementa nun 25%. Neste proxecto engádense tres novos supostos nos que procede o devandito incremento: se a persoa contratada é emigrante retornada, ten discapacidade ou se atopa en situación ou risco de exclusión social ou se ten a condición de persoa trans.
Acontece o mesmo no artigo 46 respecto da contía das axudas para a contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, sesenta e dous artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 10 de decembro de 2018 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II).
DITAME 45/2018
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de novembro de 2018, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de decembro de 2018, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira. – Artigo 12. Comprobación de datos.
Obsérvase que neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 18.
Segunda. – Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias, estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “ningunha outra débeda, por ningún concepto” pendente de pagamento á Administración, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Terceira.- Artigo 26. Documentación complementaria específica.
Neste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.
Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento podería non resultar operativa.
Igual consideración formúlase respecto dos artigos 27, 43, 44, 47 e 48.
Cuarta. – Artigo 40. Documentación xustificativa das axudas.
Este artigo establece a documentación xustificativa específica que debe presentarse respecto da subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. No apartado d) esíxese ás empresas beneficiarias da axuda presentar un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no que acredite que o gasto a xustificar corresponde á adquisición de bens inmobles.
Este Comité considera que se debería aclarar que comprende esa certificación do taxador independente e a que fai referencia exactamente.
Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Sexta. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.
Artigo 42. Contía da axuda.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 46.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:
Artigo 7. Persoas destinatarias finais.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.