Pasar al contenido principal

Ditame 1/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o Proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de febreiro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo remitido, o colectivo das persoas desempregadas paradas de longa duración é o que está a sufrir, en maior medida, o incremento das dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo, polo que resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que contribúan a reducir o tempo que as persoas traballadoras pasan en situación de desemprego e faciliten o seu retorno ao mundo laboral.

Unha desas medidas sería o deseño dun programa de incentivos á contratación por conta allea destinado a dotar de novas oportunidades ao citado colectivo, dadas as súas maiores dificultades de colocación.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma Orde para o exercicio 2017, publicada no DOG o día 6 de abril de 2017 e o ditame emitido polo Consello con data 14 de febreiro de 2017 (ditame 6/2017), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial , unha das cales afecta ao fondo da norma.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Na orde para o exercicio 2017 era obxecto de subvención, unicamente, a contratación. Pero o novo proxecto engade un bono de formación (artigo 1).

As persoas desempregadas de longa duración debían ter 45 anos ou máis para que a súa contratación dera lugar á obtención das axudas, requisito que se elimina no novo proxecto (artigo 5).

Polo que respecta ao bono de contratación, na orde de 2017 eran subvencionables as contratacións indefinidas iniciais, pero para este exercicio, prevese tamén a posibilidade de subvencionar as contratacións temporais cunha duración mínima inicial de doce meses (artigo 20). Ambos tipos de contratación deberán ser a tempo completo, ao eliminarse a opción de acceder á axuda no suposto de contratación a tempo parcial (artigo 20).

En canto á contía dos incentivos, o artigo 22 fixa a contía da axuda polas contratacións temporais en 5.000 euros.
Ademais, engádense novos supostos en que as contías base se ven incrementadas nun 25%: se a persoa contratada é unha persoa emigrante retornada ou maior de 45 anos, entre outros.

O capítulo III dedícase a regular o bono de formación. Segundo o artigo 29, as empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras subvencionadas por medio do bono de contratación .

Esta formación incentivarase no caso dos contratos indefinidos iniciais cunha axuda de 4.000 euros por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido e de 2.000 euros por cada persoa contratada por medio dun contrato temporal (artigo 31).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas finais.

O día 11 de febreiro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: tres xerais e nove específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha xeral e cinco específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).

DITAME 1/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea das persoas desempregadas paradas de longa duración, e se procede a súa convocatoria para o ano 2019, da Consellería Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de febreiro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de febreiro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CIG E POLA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL CEG.

Este Comité propón una revisión do texto do proxecto para corrixir algúns erros que figuran ao longo del, como por exemplo, os seguintes:

-Obsérvase o emprego da letra j na numeración dos artigos 5 e 6, así como o uso das letras j e k no artigo 25, que son impropia do alfabeto galego polo que deberían substituírse polas que correspondan.

-As dúas disposicións adicionais que figuran no texto non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras que, ademais, deberían denominarse como “disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 9.- Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Segundo este artigo: “Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do Cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia”.

Este Comité considera que as persoas interesadas que sexan persoas físicas deberían poder optar entre realizar os trámites administrativos electronicamente ou de xeito presencial.

Segunda.- Artigo 12. Instrución do procedemento.
Este Comité considera que se debería revisar a redacción do apartado 3 deste artigo e establecer a posibilidade de substitución da persoa traballadora para os casos en que a baixa se produza por causas alleas á vontade da empresa, en lugar de entender que esta desiste da súa solicitude.

Terceira.- Artigo 16. Obrigas das persoas e das entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo establécese como obriga das persoas ou entidades beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.”

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “outra débeda”, en tanto en canto pode non ser coñecedora da súa existencia.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.

CONSIDERACIÓNS XERAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
Na orde para o exercício de 2017 soamente podían ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas pero o novo proxecto permite subvencionar tamén as contratacións temporais.

As organizacións sindicais non están de acordo con que se poida subvencionar a contratación temporal a través das axudas recollidas nunha orde que ten como obxectivo dotar de estabilidade ao emprego.

Terceira.
As organizacións sindicais non comparten, como xa se ten considerado en varios ditames anteriores, que a formación para o emprego se desagregue en diferentes ordes e non responda a unha planificación global.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia ou illadamente con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado, debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Segunda.- Artigo 21. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Terceira.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 4 recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Cuarta.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este precepto, no seu apartado 1, letra a), obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación. Igualmente, nas letras b) e c) do mesmo apartado, alúdese de novo a un período de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.

Quinta .- Artigo 29. Accións subvencionables e requisitos.
Respecto das accións formativas, as organizacións sindicais consideran que se deberían incrementar as horas de formación ata equiparar, a lo menos, ao establecido para o contrato de formación e aprendizaxe (25% da xornada no primeiro ano).

Sexta .- Artigo 31. Contías dos incentivos e condicións de percepción.
As organizacións sindicais consideran que é esaxerada a contía do incentivo por unha formación incontrolada: pode chegar a 57 euros/hora. Debería reducirse sensiblemente e aplicárselle os mesmos requisitos de topes de gastos que na Orde do 22 de agosto de 2017, pola que se convocan subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Sétima .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
Respecto do apartado 2 deste artigo no que se relaciona a documentación xustificativa a presentar, as organizacións sindicais entenden que as accións formativas deberían formar parte do Plan de formación da empresa, do que ten que darse coñecemento á representación legal dos traballadores e das traballadoras.

Oitava .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a xustificación recollida neste precepto é excesivamente laxa en termos económicos.

Novena .- Artigo 32. Xustificación e pagamento.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a empresa debería certificar a cada persoa traballadora a formación recibida.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

CONSIDERACIÓN XERAL:

A CEG solicita que se recupere o programa de incentivos á transformación da contratación temporal en indefinida, ampliado a todo tipo de colectivos co obxeto de mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, aumentar a contratación de carácter estable e facilitar e incentivar ás empresas que fan un esforzo para dotar de estabilidade á súa plantilla.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
Dado que o obxectivo desta orde é fomentar o emprego, a CEG considera que deberían poder ser beneficiarias das axudas aquí recollidas as entidades con capacidade de contratar como o son as entidades sen ánimo de lucro, excluídas expresamente no apartado 2 deste artigo.

Segunda.- Artigo 21. Requisitos.
No apartado 2 deste artigo figura, como requisito de acceso aos incentivos, o de incrementar o emprego neto da empresa no ámbito territorial de Galicia, respecto aos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita subvención.

A CEG reitera que este requisito debe eliminarse, pois penaliza a aquelas empresas que polas circunstancias da súa actividade tivesen empregados contratados temporalmente que finalizasen a súa relación laboral no período dos tres meses anteriores.

A CEG entende que é suficiente o requisito do incremento do persoal fixo da empresa en aras a conseguir un maior impacto da medida de incentivación da contratación indefinida inicial.

Terceira.- Artigo 22. Contía dos incentivos.
A CEG considera que as contías das axudas deberían modularse en atención do custo salarial que ten para a empresa a contratación da persoa traballadora.

Cuarta.- Artigo 33. Incumprimento de obrigas e reintegro.
Segundo o terceiro parágrafo deste artigo, esta axuda percibirase por unha soa persoa traballadora formada.

A CEG considera que debería aclararse o sentido desa frase.

Quinta.- Artigo 33. Incumprimento de obrigas e reintegro.
En relación aos parágrafos 2 e 3 deste artigo, a CEG considera que debe contemplarse a circunstancia de que se produza a baixa voluntaria dunha persoa traballadora contratada ao amparo da subvención que xa teña sido formada co bono de formación. Para elo a empresa pode contratar a unha persoa substituta, polo que se debería xerar un bono de formación para esta nova contratación sempre e cando se cumpran os requisitos esixidos na orde.

Número ditame
1