Pasar al contenido principal

Ditame 7/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se procede á convocatoria para os exercicios 2019 e 2020 do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia.

I. ANTECEDENTES

 

O día 5 de marzo de 2019 tiveron entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega os seguintes proxectos: proxecto de Orde pola que se procede á convocatoria para os exercicios 2019 e 2020 do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia. Solicítase o ditame preceptivo sobre os citados proxectos normativos, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Para este exercicio, establécense en ordes separadas as bases reguladoras, con vixencia indefinida, das subvencións para accións formativas dirixidas a persoas traballadoras desempregadas e a convocatoria das ditas subvenciones.

 

 

 

Do contido deste proxecto poden destacarse as seguintes novidades:

 

Obsérvase unha nova minoración no crédito asignado a estas subvencións. No orde anterior prevíase unha contía de 25.091.483 euros para o exercicio 2018 e de 24.441.058 euros para 2019 (tras a ampliación orzamentaria publicada no DOG do 25 de setembro de 2018). No novo proxecto prevese un orzamento de 17.000.000 euros para este exercicio (artigo 2).

 

O prazo para a xustificación final dos gastos axustarase ao límite máximo dun mes desde a finalización da acción formativa (artigo 5). Na orde anterior o prazo era unha data concreta que variaba segundo a data de remate das accións formativas.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á convocatoria para os exercicios 2019-2020 do procedemento  polo que se subvencionan as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, 6 artigos, 6 disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 20 de marzo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e sete específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I) e unha consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo II).

 

 

 

 

DITAME 7/2019

 

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se procede á convocatoria para os exercicios 2019-2020 do procedemento  polo que se subvencionan as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de marzo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

O marco normativo actual da Formación Profesional para o emprego outorga un papel residual aos que, hasta a data, foran os actores principais do sistema de formación, os axentes sociais,  e limita a súa actuación a, entre outras cuestións, o deseño e planificación das accións formativas.

 

É por iso que este Comité quere poñer de manifesto que a intervención dos axentes sociais no deseño e elaboración das ordes non se debe limitar a unha mera consulta, senón que debe ser activa e aberta ao debate e intercambio de suxerencias nun diálogo aberto coa Administración.

 

Isto abarca a planificación e deseño  das accións, os criterios de selección das accións e a priorización a aplicar, a distribución de porcentaxes de reservas  recollidos nos distintos anexos e todo aquelo que, en definitiva, conforma a oferta de formación para persoas desempregadas, cuxo fin non é outro que formar para mellorar a súa empregabilidade.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

 

Primeira.- Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O esquema de xestión diseminado por provincias vén ocasionando erros e problemas nos trámites que teñen que facer tanto a Administración como as entidades de formación de ámbito supraprovincial.

 

Este Comité considera ademais que, para garantir adecuadamente a concorrencia competitiva, a xestión, execución e resolución de todas as solicitudes desta convocatoria deberían corresponder a un só órgano: a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

 

En calquera caso, solicítase que os criterios de aplicación de toda a norma sexan únicos para toda Galicia.

 

Segunda.- Artigo 2. Financiamento, orzamento, reservas de crédito e custos unitarios.

Este Comité considera que as  fortes minoracións dos créditos producidas nas convocatorias anteriores para estas subvencións, o que se perpetúa nesta convocatoria (que supón unha minoración do 2,6% respecto da convocatoria anterior) poñen en risco o obxectivo de procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego, polo que se debería incrementar, aínda máis, o esforzo económico e máis dadas as actuais taxas de desemprego en Galicia.

 

Debido ás circunstancias actuais e á problemática do noso mercado de traballo, é imprescindible unha dotación suficiente que permita poñer en marcha as accións de formación necesarias e de calidade, que sirvan para integrar no mercado de traballo á poboación desempregada, que cada vez ten maiores dificultades.

 

Ademais, este Comité considera que debería incluírse unha vía específica para que podan ser entidades beneficiarias das accións formativas as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.

 

Terceira.- Artigo 2. Financiamento, orzamento, reservas de crédito e custos unitarios.

Respecto do apartado 5 deste artigo, este Comité considera que se deberían reconsiderar as porcentaxes de reservas de cada unha das contías de aplicación orzamentaria e facer unha redistribución que se adapte ás necesidades formativas e demandas das persoas traballadoras e das empresas.

 

Considera, así mesmo,  que estas reservas deberían ser motivadas e xustificarse con antelación e que deberían ter acollida nas mesmas outros sectores e familias profesionais que tamén teñen necesidades urxentes respecto da cualificación das persoas traballadoras que prestarán os servizos nelas.

 

Cuarta.- Artigo 3. Solicitude, prazo e límite de edicións.

Respecto do apartado 3 deste artigo, este Comité considera que se debería xustificar cal é a motivación que leva a establecer eses criterios de asignación de límites ao número de edicións das accións formativas en función dos anexos.

 

Quinta.- Artigo 6. Puntuacións negativas.

En virtude do parágrafo terceiro do artigo 8.1.9º) das bases reguladoras, na seguinte convocatoria poderase incluír unha puntuación negativa de -15 puntos para cada unha das accións formativas das entidades que renuncien expresa ou tacitamente a accións formativas que se lles subvencionen no marco da convocatoria regulada nesta orde.

Este Comité considera que se deberían especificar as causas de renuncia xustificada de xeito que a penalización soamente obrara en caso de renuncias non xustificadas ou extemporáneas.

 

Sexta.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que as seis disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas. Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Sétima.- Disposicións derradeiras [sic].

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.

 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

 

Anexo II.

As organizacións sindicais consideran que se debería retirar a reserva do 5% para as especialidades da familia profesional de edificación e obra civil xa que carece de xustificación ao non tratarse de sectores que estean a crear novos postos de traballo nin presenten unha alta demanda de man de obra cualificada.

 

ANEXO II

 

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

 

A Confederación Intersindical Galega, como complemento ao que se recolle na Consideración Xeral Unánime deste ditame, manifesta expresamente o seu desacordo co contido dos anexos IV e ZZZ do proxecto de Orde, posto que para a súa elaboración non foron consultados os interlocutores sociais e, ademais, non se especifican as fontes utilizadas para determinar as especialidades sinaladas e non outras.

Número ditame
7