- ANTECEDENTES
O día 21 de marzo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.
No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Pola súa banda, no título IV do Decreto Lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba a texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade regúlase o apoio á conciliación e á corresponsabilidade.
Ademais, na exposición de motivos afírmase que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, polo que a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 15 de maio de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 15 de marzo de 2018 (Ditame 6/2018), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os dous seguintes aspectos:
No artigo 4 fíxanse os límites temporais á contratación obxecto da subvención, que non figuraban na orde anterior e que establecen un período máximo dun ano e unha duración mínima de seis meses.
En canto ao importe da subvención, regulada no mesmo artigo, no exercicio anterior era do 100% da cota empresarial da Seguridade Social correspondente á persoa contratada durante un máximo de 16 semanas mentres que, para este exercicio, será de 500 euros por mes completo.
Respecto do financiamento, a contía asignada a estas axudas é de 600.000 euros, o que supón un incremento de 100.000 respecto do exercicio anterior (artigo 5).
O artigo 7 engade a obriga de substituír á persoa contratada pola que se concedeu a subvención no caso de extinción da relación laboral.
Elimínase a previsión de pagamentos anticipados que se recollía na orde para o exercicio anterior e que prevía o anticipo de ata o 100% do importe da subvención concedida.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 27 de marzo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.
Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia, e S.N. de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica non unánime manifestada pola CIG (Anexo II).
|
DITAME 9/2019
|
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de marzo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de marzo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
O artigo 11 deste proxecto normativo establece que as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.
En todo caso este Comité considera que, ao tratarse de persoas físicas, deberíaselles permitir a presentación de solicitudes de xeito presencial.
Segunda.
Neste proxecto elíminase a regulación dos anticipos que recollía a orde anterior e que prevía un anticipo do 100% do importe da subvención concedida.
Este Comité considera que se debería recuperar a dita regulación.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 13. Transparencia e bo goberno.
Segundo o apartado 1 deste precepto, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.
Este Comité considera que se debería especificar que se trata de sancións firmes.
Segunda.- Artigo 20. Resolución e recursos.
O apartado 2 fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Este Comité considera que, dado que o procedemento de tramitación das axudas é relativamente simple, o dito prazo é excesivo e debería reducirse sensiblemente.
Terceira.- Artigo 22. Xustificación e pagamento.
Segundo o disposto no último apartado deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha outra débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Cuarta.- Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento e reintegro.
Segundo o apartado 5.c) deste precepto: “O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder”.
Este Comite considera que se debería suprimir a parte en cursiva deste apartado, xa que estamos ante un suposto de devolución da axuda incompatible, non dunha consecuencia da falta de comunicación da obtención de dita axuda.
Quinta.- Disposicións adicionais
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.
Sexta.- Disposicións derradeiras [sic]
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, que é autoridade competente na materia.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:
Artigo 7. Requisitos e obrigas das persoas beneficiarias.
Segundo o apartado 5 deste precepto, no suposto da extinción da relación laboral da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, a persoa ou entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación.
As organizacións sindicais consideran que se debería engadir que tal suposto soamente procede cando a extinción da relación laboral se produza por causa non imputable á devandita persoa ou entidade beneficiaria.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:
En coherencia coa manifestado na Exposición de motivos deste proxecto de orde, a CIG considera que debería contemplarse a posibilidade de engadir unha cláusula de acción positiva dirixida a favorecer que as persoas contratadas ao abeiro desta orde sexan, preferiblemente, mulleres.