Pasar al contenido principal

Ditame 10/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 18 de marzo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

 

Segundo a exposición de motivos o rural galego ofrece, na actualidade, múltiples oportunidades para o impulso de modelos de negocio innovadores baseados na explotación dos recursos endóxenos existentes e a modernización dos proxectos máis tradicionais e demanda o impulso dun programa de identificación de oportunidades de negocio e a posterior posta en marcha e modernización de proxectos empresariais vinculados con sectores emerxentes en contornas rurais.

 

A través dos dous programas que regula, esta orde viría a complementar a fase inicial de formación e asesoramento prestada a través da Rede Eusumo, mediante apoio especializado na área de actividade de que se trate. Así mesmo, compleméntase a fase final de constitución da cooperativa ou sociedade laboral, apoiada a través do programa APROL economía social, mediante axudas ás empresas constituídas para os gastos de funcionamento iniciais, co que se consegue un impulso integral.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 7 de xuño de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 9 de abril de 2018 (Ditame 12/2018), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial así como unha consideración de forma.

 

 

 

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

 

Entre os gastos subvencionables, o artigo 24 non recolle xa os gastos de amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas que si recollía a orde anterior.

 

O artigo 26 regula a contía da subvención. Engádense as previsións relativas ás axudas de custo e desprazamento así como aos gastos de material.

 

O crédito asignado para estas axudas é de 600.000 euros, o que supón un incremento de 100.000 euros respecto á orde do ano pasado. Ese incremento vai a parar ao financiamento do Programa I mentres que o Programa II mantén a mesma contía (artigo 39).

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020” consta de: Exposición de motivos, trinta e nove artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

 

O día 4 de abril de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e dez específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia.

 

 

 

 

DITAME 10/2019

 

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a posta en marcha de laboratorios cooperativos no rural, e se convocan para os anos 2019 e 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de marzo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de abril de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.

Este Comité considera que se deberían unificar todos os programas en materia de fomento do cooperativismo e da economía social ao ter en conta que, neste exercicio, xa non estamos ante un programa experimental que deba recibir un tratamento diferenciado.

 

Segunda.

Este Comité non comparte que a formación para o emprego se desagregue en diferentes ordes e non responda a unha planificación global, pola mesma xustificación exposta na consideración anterior.

 

Terceira.

O décimo segundo parágrafo da exposición de motivos alude a que a entidade mentora recibirá unha subvención para buscar e seleccionar as persoas desempregadas que van participar no proceso.

 

Este Comité considera que esas persoas desempregadas deberían seleccionarse a proposta das Oficinas do Servizo Público de Emprego.

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

 

Primeira.- Artigo 13. Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo fixa o prazo para resolver e notificar en tres meses desde a presentación da solicitude.

 

Este Comité considera que se trata dun prazo demasiado amplo e que debería reducirse sensiblemente, a pesar do establecido na norma procedimental de aplicación.

 

Segunda.- Artigo 15. Xustificación e pagamento.

O apartado 12 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a entidade beneficiaria non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

 

Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

 

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

 

Terceira.- Artigo 23. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención a subvención.

Consonte o sostido na consideración unánime xeral segunda, este Comité propón que se elimine a referencia á formación sectorial específica que contén o apartado 3.a) deste artigo.

 

Cuarta.- Artigo 23. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención a subvención.

O apartado 3.c) deste precepto emprega a palabra “coaching”, un termo anglosaxón que debería ser traducido ao galego.

 

Quinta.- Artigo 24. Gastos subvencionables.

No novo proxecto elimínase, como gasto subvencionable, os gastos de amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas.

 

Este Comité considera que se debería aclarar esa supresión, xa que non figura xustificada na memoria do proxecto.

 

 

 

Sexta.- Artigo 24. Gastos subvencionables.

Segundo o apartado 2 deste artigo: “para a subvención de custos de persoal asociados a calquera tipo de actividade só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou o posto de traballo, as pagas extraordinarias, as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF”.

 

Este Comité considera, en primeiro lugar, que é procedente a remisión ao convenio colectivo de aplicación; en segundo, se as cotizacións sociais que se mencionan son as que corresponden á entidade empregadora, así debería figurar expresamente para evitar dúbidas. Finalmente, debería eliminarse a referencia ás cantidades retidas en concepto de IRPF, por canto estas xa fan parte do salario bruto.

 

Sétima- Artigo 28. Documentación para a xustificación da subvención.

Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

 

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

 

Oitava.- Artigo 36. Presentación de solicitudes.

Respecto do prazo de presentación de solicitudes regulado no apartado 1 deste precepto, este Comité considera que ese prazo dun mes debería ampliarse sensiblemente.

 

Novena.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais.

 

Décima.- Disposicións derradeiras [sic]

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

 

 

ANEXO

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

Artigo 6. Entidades beneficiarias.

O apartado 1.a) deste precepto inclúe, entre as posibles entidades beneficiarias das subvencións para o programa I, as empresas privadas.

 

As organizacións sindicais propoñen suprimir esa previsión.

Número ditame
10