Pasar al contenido principal

Ditame 11/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.
  1. ANTECEDENTES

 

O día 26 de marzo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

O programa regulado neste proxecto normativo enmárcanse dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe máxima do 91,89%. Dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX) hai tres eixes prioritarios, dos que afecta a este programa o Eixe prioritario 5, relativo á integración sostible no mercado de traballo das persoas mozas que non se atopan empregadas, nin participan en actividades de educación nin formación, en particular no contexto da Garantía Xuvenil.

 

Segundo a exposición de motivos, esta convocatoria de subvencións pretende acadar a integración das persoas mozas, inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no mercado laboral e a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

 

 

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 15 de maio de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 22 de marzo de 2018 (Ditame 9/2018), obsérvase que se tivo en conta unha consideración sobre o fondo da norma así como dúas consideracións de forma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

As modificacións máis relevantes deste proxecto respecto á orde anterior afectan aos criterios de valoración das solicitudes.

 

Os ditos criterios aparecen relacionados no apartado 4 do artigo 16.

 

Polo que respecta á valoración da inserción laboral, a orde anterior outorgaba 4 puntos por cada persoa con contratación indefinida e 2 puntos por cada persoa con contratación temporal. Co novo proxecto pódense acadar ata 10 e 5 puntos respectivamente en función de para cantas contratacións recibiron subvención nas últimas tres convocatorias.

 

En canto ao ámbito de actuación, ás entidades de ámbito autonómico outórgaselles 10 puntos sen esixirlles xa (como na orde anterior) tres ou máis centros de traballo en dúas ou máis provincias galegas.

Pola súa banda, as entidades de ámbito provincial valóranse con 8 puntos (na orde anterior soamente acadaban 3) e, finalmente, as entidades de ámbito comarcal e municipal reciben, respectivamente, 6 e 4 puntos mentres que, na orde anterior, ambas conseguían 2 puntos.

 

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

  1. CONTIDO

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 4 de abril de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dezaseis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais que integran este Comité (Anexo I), dúas específicas manifestadas pola CEG (anexo II) e unha específica manifestada pola CIG (Anexo III).

 

DITAME 11/2019

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto Orde pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, a través do Programa de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de marzo de 2019 e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de abril de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

 

Primeira.- Artigo 2. Marco normativo.

Neste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.

 

A mesma consideración se formula respecto dos artigos 10 e 24, así como do artigo 26 (este  emprega a letra j).

 

Segunda.- Artigo 5. Definicións.

Ao definir a persoa desempregada, este Comité considera que é necesario esixir, ademais, o requisito de que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.

 

Terceira.- Artigo 8. Subvención: Contía.

En relación co establecido no apartado 6 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, e posto que, ademais, noutros programas si ten o carácter de subvencionable.

 

 

Cuarta.- Artigo 8. Subvención: Contía.

O apartado 6 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

 

Chama a atención esta regulación xa que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos complementos son cotizables e, polo tanto, deberían ser obxecto de subvención.

 

Quinta .- Artigo 11. Comprobación de datos.

En relación co establecido nos apartados 1 e 2 deste artigo, este Comité propón que se invirta a súa redacción, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de Datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga das entidades de achegar os documentos e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que consulte automaticamente os datos incluídos nos documentos sinalados.

 

Sexta.- Artigo 16. Procedemento.

Mantense a supresión operada no exercicio anterior dos criterios que valoraban o maior interese xeral e social dos servizos e a maior estabilidade laboral da entidade solicitante.

 

Este Comité considera que deberían recuperarse estes criterios.

 

Sétima.- Artigo 16. Procedemento.

No apartado 4.a) deste artigo valórase o maior nivel de inserción laboral con ata 30 puntos e fíxanse uns topes de ata 20 puntos no caso da inserción laboral indefinida e de ata 10 puntos no caso da temporal.

 

Este Comité considera que deberían eliminarse os ditos topes, dado que poden operar como limitación á contratación indefinida xa que, para acceder aos 30 puntos, obriga á entidade solicitante a recorrer á contratación temporal.

 

Oitava.- Artigo 16. Procedemento.

Na convocatoria de anteriores exercicios, incluíase como criterio de valoración que as entidades tiveran un ámbito de actuación superior ao municipal e implicaran, no seu deseño e execución, a outros organismos ou entidades do contorno, así como aos actores sociais presentes no territorio, ou xurdan da iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente.

 

No apartado 4.b) deste proxecto de orde só se avalía que o ámbito de actuación sexa municipal ou máis amplo, polo que este Comité propón que se recupere o referido criterio de valoración e se avalíe tamén que os proxectos impliquen aos actores sociais ou a outros organismos ou entidades do contorno.

 

Novena.- Artigo 16. Procedemento.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase no apartado 4, parágrafo final, como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

 

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

 

Décima.- Artigo 16. Procedemento.

O apartado 4 deste artigo recolle os criterios de valoración das solicitudes, entre os que xa non figura a experiencia da entidade solicitante na xestión de programas de promoción ou fomento do emprego e os obxectivos acadados, así como a antigüidade de constitución da entidade en máis de 3 anos á data de publicación da convocatoria de axudas.

 

Este Comité considera que deberían recuperarse os ditos criterios.

 

Décima primeira.- Artigo 16. Procedemento.

No apartado 5 establécese unha puntuación máxima para a valoración das solicitudes, mais non unha puntuación mínima.

 

Este Comité  considera que ao non establecerse unha puntuación mínima pódense producir efectos non desexados, polo que debería establecerse un corte mínimo de cara a que as solicitudes con escasa puntuación non interrumpan a rotación para outorgar axudas adicionais ás entidades mellor valoradas.

 

Décima segunda.- Artigo 19. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras.

A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

 

Este Comité propón modificar a redacción ao considerar que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. En consecuencia, suxire a seguinte redacción:

“... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Décima terceira.- Artigo 22. Pagamento.

No apartado 3 deste artigo establécese que non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

 

Igualmente, no artigo 24.b) establécese como obriga da persoa beneficiaria estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

 

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

 

Décima cuarta.- Disposicións adicionais.

Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

 

Obsérvase o mesmo respecto das disposicións finais.

 

Décima quinta.- Disposicións derradeiras (sic).

Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

 

Décima sexta.- Anexo I.

No formulario do Anexo I prevese que se solicite unha lista priorizada dos contratos polos que se pide a subvención con especificación dos códigos CNO a 8 díxitos, mentres que no artigo 9 faise a mesma referencia pero soamente a 4 díxitos.

 

Este Comité propón que a orde adapte ao previsto no Anexo I, e se especifiquen os códigos CNO a 8 díxitos xa que concreta máis o tipo de contrato polo que se pide a subvención e facilita, así, a posterior selección do persoal.


 

ANEXO I

 

 

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA, E S.N. DE CCOO DE GALICIA:

 

Consideracións xerais:

 

Primeira.

As  denominadas políticas activas de emprego, que se veñen centrando fundamentalmente en investir en formación e en adicar inxentes recursos do Erario a subvencionar a contratación mediante unha multiplicidade de vías, téñense demostrado  insuficientes e ineficaces para crear emprego e serven realmente para surtir de man de obra barata, ou mesmo regalada, a certas empresas.

 

En todo caso, as organizacións sindicais que integran este Comité consideran que as axudas á contratación que se establecen nesta Orde, deberían destinarse únicamente a fomentar a creación de postos de traballo estables e emprego de calidade, conectalas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecer mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

 

As organizacións sindicais entenden que os incentivos non deberían superar, en ningún caso, o custo da Seguridade Social orixinado pola persoa contratada (artigo 8.3).

 

Segunda.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas,  e entenden que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto e prohibir expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.

 

Consideración específica:

 

Artigo 16.-Procedemento.

En relación coa consideración específica novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:

A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba puntuación ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

 

 

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 8. Subvención. Contía.

Proponse a inclusión dun novo apartado que atenda á cobertura en procesos de baixa laboral IT ou maternidade de, a lo menos, a parte que de xeito obrigatorio corresponde ás empresas, co obxecto de non incrementar os custes das entidades beneficiarias, tanto máis cando se trata de custes que van asociados a cuestións que non dependen desta.

 

Segunda.- Artigo 9. Presentación de solicitudes e prazo.

A CEG considera que o prazo de presentación de solicitudes de un mes, recollido no apartado 2 deste artigo, é demasiado reducido, polo que solicita sexa ampliado.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

O grave problema da elevada taxa de desemprego entre as persoas mozas non é produto da súa falta de formación ou da baixa cualificación profesional, como o corrobora o feito de que miles e miles de mozas e mozos galegos con altos niveis formativo e/ou profesional na súa meirande parte, están a emigrar nestes anos.

A realidade é que non poden acceder eiquí a un emprego porque non se están a aplicar polos gobernos políticas económicas, sociais e laborais orientadas a reactivar a economía e xerar emprego de calidade, como serían por exemplo, o incremento do investimento público, a mellora dos salarios, facilitar o acceso ao crédito á pequeña e mediana empresa, aplicar unha política fiscal progresiva e rematar coa fraude, etc.

Consideramos que este colectivo, como o resto das persoas desempregadas, necesita urxentemente a garantía dun salario de inserción laboral mentres non atope emprego en condicións dignas, ao tempo que se implementan polos gobernos políticas radicalmente distintas das actuais, que servan para reactivar a economía real e para crear emprego.

Número ditame
11