Pasar al contenido principal

Ditame 14/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de maio de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, o emprendemento é un factor estratéxico para o crecemento e o desenvolvemento económico dunha sociedade, sobre todo se é participativo, sostible e asume a responsabilidade empresarial na súa estratexia.

O emprego autónomo supón unha fórmula de relevancia para a integración no mercado laboral das persoas profesionais, emprendedoras e empresarias que opten polo desempeño da súa actividade laboral por conta propia, contribuíndo de xeito esencial á xeración de riqueza e emprego.

A opción de calquera persoa que desexe poñer en marcha unha idea de empresa e traballar por conta propia debe ser apoiada e fomentada pola Administración Pública, non só nos seus inicios senón tamén nos primeiros anos da súa andaina.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 4 de xuño de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 9 de abril de 2018 (Ditame 13/2018), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións formais e unha das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto ao financiamento, o orzamento é o mesmo que para o exercicio anterior, pero obsérvase unha diminución na contía das axudas para a liña 1 de 1.000.000 de euros mentres que a liña 2 se incrementa na mesma contía (artigo 5).

Engádese, como posibles beneficiarias das axudas, as sociedades de calquera clase e comunidades de bens que cumpran os requisitos relacionados no artigo 6.

Na orde anterior prevíase que as axudas para a compra de equipos informáticos outorgábase soamente a persoas autónomas cuxa actividade se encadrara en certos códigos CNAE. No novo proxecto, suprímese esta limitación do artigo 7.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, vinte e seis artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 13 de maio de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha xeral e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 14/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de maio de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de maio de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Este Comité observa que neste proxecto normativo existen algúns erros de redacción, particularmente no que respecta ao emprego do masculino xenérico, por exemplo “traballadores” no artigo 6.3, “o beneficiario” no artigo 7.1 ou “os cidadáns” no artigo 9.3, que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Proponse, polo tanto, a súa revisión.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo esixe ás persoas traballadoras autónomas unha serie de requisitos para poder ser beneficiarias das axudas desta orde, entre eles, o de ter unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional superior a tres anos e medio (42 meses).

Este Comité propón que o dito prazo se reduza sensiblemente en atención á tipoloxía da axuda que se regula e ás persoas destinatarias dela.

Segunda. – Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
Este artigo fixa o prazo de presentación de solicitudes nun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde.

Este Comité entende que, ao non tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, o prazo debería permanecer aberto ata o esgotamento dos créditos asignados.

Terceira.-Artigo 16. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste precepto fixa en tres meses o prazo para resolver as solicitudes e notificar a resolución.

Este Comité considera que este prazo é excesivo pola natureza destas axudas e ao tratarse dun procedemento sen concorrencia competitiva, polo que propón que se reduza sensiblemente.

Cuarta.- Artigo 18. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 7 deste precepto non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á entidade solicitante subsanar a situación de ter algunha débeda pendente de pagamento, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

O mesmo se observa respecto do previsto nos artigos 20.e), 22.2 e 23.e).

Quinta.- Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado g) deste artigo establece a obriga de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Este Comité considera que se debería concretar o prazo que abrangue esta obriga.

Sexta.- Artigo 23. Exclusións.
O apartado 1.f) deste artigo exclúe, como persoas beneficiarias das axudas, a aquelas que teñan a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

Dada a obriga que impón o artigo 6.1 de que as persoas autónomas solicitantes teñan o domicilio fiscal en Galicia como condición sine qua non para poder ser beneficiarias, este Comité considera que o devandito apartado f) carece de sentido e propón que se elimine.

Sétima. - Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Oitava. - Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.-Artigo 6. Persoas beneficiarias.
Este precepto inclúe, como novidade, a posibilidade de que as sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia, poidan ser beneficiarias das axudas reguladas neste proxecto.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que esta ampliación das entidades beneficiarias desvirtúa totalmente o obxectivo da convocatoria e propoñen que se manteña a previsión que recollía a orde para o exercicio anterior.

Segunda.- Artigo 23.Exclusións.
O apartado 1.d) deste artigo establece, como causa de exclusión para poder acceder ás axudas recollidas neste proxecto de orde, “estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.”

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que deberían eliminarse as referencias ás persoas administradoras das sociedades mercantís e a aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas, xa que non poden ser beneficiarias das axudas.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG propón que se amplíe a dotación orzamentaria desta orde en atención ao número de solicitudes presentadas nos exercicios anteriores.

Consideracións específicas:

Primeira.-Artigo 6. Persoas beneficiarias.
O apartado 3.b) deste precepto exclúe desta orde ás persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas nalgunha das dúas convocatorias anteriores.

A CEG considera que a dita exclusión se debería limitar, unicamente, á convocatoria correspondente ao exercicio inmediatamente anterior.

Segunda.- Artigo 7. Subvención do bono das persoas autónomas.
No apartado 2 deste artigo sinálase que a Liña II das axudas busca mellorar a competitividade a través dunha serie de investimentos que veñen relacionados no dito apartado.

A CEG considera que debería formar parte desa relación a compra de mobiliario, xa que constitúe un investimento necesario.

Número ditame
14