Pasar al contenido principal

Ditame 17/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2020 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas, para os exercicios 2019-2020.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de maio de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2020 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas, para os exercicios 2019-2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, con este proxecto de orde trátase de aunar a necesidade da empresa de contar con persoas traballadoras cualificadas e adaptadas as súas formas de produción, coa procura activa de emprego por parte das persoas traballadoras desempregadas. A empresa, por un lado, pode atender as súas necesidades máis inmediatas, determinadas pola ampliación da súa actividade ou a apertura de novas liñas de negocio, cubrindo esa ausencia de persoal o desempeño dun posto de traballo na empresa. Deste xeito, existe unha grande vinculación entre a formación e o emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 5 de febreiro de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 5 de decembro de 2017 (Ditame 41/2017), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En canto aos criterios de valoración das solicitudes, engádese un novo elemento avaliable con ata 5 puntos no artigo 21: o compromiso da entidade ou centro de colaborar na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas súas accións formativas.
Este artigo prevé, así mesmo, a posibilidade de penalizar con ata – 5 puntos ás entidades que non cumpran o seu compromiso de inserción

O artigo 25 engade novas obrigas das entidades beneficiarias, entre elas, a de colaborar na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas correspondentes.

Entre os custos directos susceptibles de financiamento, o artigo 28 engade os de amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas.

Polo que respecta á selección do alumnado, e aínda que a orde anterior permitía que a entidade beneficiaria solicitara autorización para unha selección directa, o novo proxecto presenta esta opción en primeiro lugar para desenvolver, a continuación, o procedemento a seguir soamente no caso de que a entidade solicitante non se acolla ao seu dereito á selección directa do alumnado (artigo 43).

O artigo 50 establece que serán subvencionables as contratacións realizadas polas entidades beneficiarias que superen o compromiso de contratación do 60% do alumnado formado, cando na orde anterior a porcentaxe mínima era do 40%.

No suposto de que se contrate a unha persoa trans, a contía do incentivo tanto para a contratación indefinida inicial como para a temporal verase incrementada nun 25% (artigos 55 e 61).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2020 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas, para os exercicios 2019-2020” consta de: Exposición de motivos, sesenta e cinco artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 27 de maio de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: tres consideracións xerais e dez específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT- Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola Confederación de empresarios de Galicia (Anexo II).

DITAME 17/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2019-2020 e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en Unidades Formativas das Empresas, para os exercicios 2019-2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de maio de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón que se teñan en conta as consideracións formuladas no ditame 6/2019 sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras con vixencia indefinida do procedemento polo que se subvencionan as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia, que resulten de aplicación a este novo proxecto.

Segunda
Este Comité observa que seguen a existir neste proxecto normativo erros de forma e de redacción, entre outros:
.O uso das barras, por exemplo “incurso/a” no artigo 6.
.O uso de letras impropias do alfabeto galego nas clasificacións: a letra j no artigo 6 e 34 e as letras j e k no artigo 25.

Proponse, polo tanto, a corrección do texto do proxecto normativo.

Terceira.
Nos artigos 12 e 24 establécese como obriga das beneficiarias “estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 21. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
No apartado 7 o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Segunda- Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado x deste precepto establece a obriga das beneficiarias de colaborar na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas correspondentes.

Este Comité considera que o dito apartado debería eliminarse, xa que supón dar traslado ás entidades dunha obriga que non lles corresponde e que lles xera inseguridade xurídica así como custos que non son cubertos. A isto hai que engadir que a orde penaliza a aquelas entidades incumpridoras outorgándolles unha menor contía, o que debería eliminarse igualmente.

Terceira.- Artigo 34. Xustificación dos custos directos.
Este Comité observa que, neste artigo, faise referencia aos boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social (TC2).

Os modelos TC1 e TC2 foron substituídos no novo sistema de liquidación directa (Cret@) polo RLC (recibo de liquidación de Cotizacións) e polo RNT (relación nominal de traballadores), polo que é preciso facer referencia a estes últimos.

Cuarta.- Artigo 56. Exclusións.
Tanto no apartado 3 deste precepto como no artigo 62.3, alúdese a persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa ou única empresa.

Este Comité considera que se debería redactar correctamente e incorporar o concepto de “única empresa” que establece o apartado 2 do artigo 2 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións finais.

Sexta.- Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais

Primeira.
As organizacións sindicais consideran que é necesario redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais.
Xa que logo, eses recursos públicos deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:
1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.
3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.
Segunda.
Entendemos que o obxectivo último e real deste proxecto normativo é a transferencia de recursos económicos do Erario a determinadas empresas, simplemente porque estas cumpran coa súa obriga legal de formar ao persoal no desempeño laboral que elas precisen, polo que se deturpa claramente a función legal de adicar os recursos públicos e as cotizacións para Formación Profesional das persoas traballadoras e do conxunto das empresas, ás súas finalidades naturais.

Débese ter presente que as empresas privadas xa teñen acceso á formación para o emprego nas súas diferentes convocatorias e ao traveso da formación bonificada para persoas ocupadas.

Por outro lado, resulta sorprendente a alta flexibilización dos criterios e requisitos de impartición, execución e xustificación para esta e outras liñas subvencionais dirixidas en exclusiva á empresa privada, con respecto a rixidez que se manifesta nas normas que regulan as convocatorias de accións formativas de alcance máis xeral.

Finalmente, consideramos que a regulación do “novo modelo de formación” que prevee legalmente a participación determinante dos interlocutores sociais máis representativos no deseño e a planificación da formación, non se está a respectar na tramitación deste proxecto normativo.

Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que habería que engadir e lembrar que o criterio unánime do Consello Galego de Relacións Laborais, segundo se fai constar na Consideración Xeral Primeira do seu ditame 18/2014 é que "non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta Orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral de Accións Formativas para persoas traballadoras desempregadas, como vía de programación específica".

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 4. Entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste precepto suprímese o requisito de que as empresas empreguen a cincuenta ou máis persoas traballadoras en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, para poder ser beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.

Así mesmo, suprímese o último parágrafo deste apartado 1, segundo o cal: “non poderán ser beneficiarias as empresas ou agrupacións que reducisen o número total de persoas traballadoras nin o número total de persoas traballadoras con contrato indefinido no período dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude da subvención”, salvo nunha serie de casos que se relacionaban a continuación.

As organizacións sindicais propoñen que se recuperen ambas previsións.

Segunda.- Artigo 18. Accións subvencionables e requisitos.
Segundo o apartado 1 deste artigo, serán subvencionables as accións formativas que reúnan unha serie de requisitos, entre outros, que as ditas accións inclúan o compromiso de contratación dun mínimo do 40% do alumnado formado.

As organizacións sindicais consideran que esa porcentaxe mínima debería volver a ser do 60% que esixía a orde para o ano 2017.

Terceira.- Artigo 21. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
Na orde para o exercicio de 2017 outorgábanse 5 puntos no caso de que as accións formativas estiveran dirixidas a colectivos de persoas traballadoras desempregadas con especiais dificultades de inserción, previsión que se elimina no actual proxecto normativo.

As organizacións sindicais consideran que se debería recuperar esa previsión.

Cuarta.- Artigo 21. Procedemento de concesión, instrución e tramitación.
En relación coa consideración específica primeira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

Quinta.- Artigo 42. Persoas destinatarias da formación.
O último parágrafo deste artigo establece que: “terán preferencia para a participación nos cursos as persoas desempregadas que demanden emprego para postos de traballo semellantes ou análogos aos que se dirixe a formación obxecto de financiamento e entre estes os que leven máis tempo sen participar en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego e máis tempo inscritas como demandantes de emprego”.

As organizacións sindicais consideran que o previsto neste apartado é totalmente discrecional e que deberían fixarse uns criterios obxectivos para saber quen son as persoas destinatarias da formación.

Sexta.- Artigo 54. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Sétima.- Artigo 55. Contía dos incentivos.
O apartado 5 deste artigo establece que “os beneficios establecidos á contratación neste capítulo non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 70% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona”.

As organizacións sindicais consideran que, en lugar do que figura no citado apartado, debería establecerse que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social orixinado pola persoa contratada.

Oitava.- Artigo 56. Exclusións.
O apartado 4 deste artigo recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Formúlase a mesma consideración respecto do apartado 4 do artigo 62.

Novena.- Artigo 58. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 1 deste precepto establece a obriga das entidades beneficiarias de manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas durante un período de 2 anos contado desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que ese prazo debería ampliarse a 5 anos.

Décima.- Artigo 60. Requisitos.
A sección 3ª regula os incentivos á contratación temporal nos artigos 60 e seguintes.

As organizacións sindicais consideran que non se deberían incentivar os contratos temporais de persoas desempregadas, senón fomentar exclusivamente a súa contratación indefinida.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 18. Accións subvecionables e requisitos.
En canto ao programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata, o artigo 18 esixe ás entidades un compromiso de contratación do 40% do alumnado formado.

Pola súa banda, e respecto do programa de incentivos á actividade laboral vinculada ás accións formativas con compromiso de contratación inmediata, o artigo 50 fixa o compromiso de contratación requirido no 60% do alumnado formado.

A CEG considera que debería corrixirse esta incongruencia entre ambos programas e fixar esa porcentaxe, en todo caso, no 40% como facía a orde para o exercicio anterior, xa que unha porcentaxe maior supón incrementar a dificultade de acceso das empresas a esta orde e mermar as oportunidades de acceso ao emprego ás persoas participantes.

Número ditame
17