Pasar al contenido principal

Ditame 18/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2019 e 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de maio de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2019 e 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de Formación Profesional para o emprego no ámbito laboral, contempla a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema. O seu artigo 6 establece que a concesión directa de subvencións aplicarase ás bolsas e axudas de transporte, manutención e aloxamento que se concedan ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

Segundo o seu artigo 1, o obxecto desta orde é regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiada pola dita consellería, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego e obradoiros de emprego.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior, publicado no DOG o día 15 de xuño de 2018 e o ditame emitido polo Consello con data 9 de marzo de 2018 (Ditame 5/2018), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de fondo manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, cómpre destacar que o artigo 4 sinala que todo o alumnado que teña a condición de persoa desempregada terá dereito a percibir a bolsa xeral por asistencia de 6 euros/día de asistencia, novidade igualmente engadida no artigo 5.

Neste novo proxecto suprímense o artigo 6 (axudas de transporte) e o artigo 7 (axudas de manutención e aloxamento).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2019 e 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e tres artigos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas finais.

O día 27 de maio de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catorce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


DITAME 18/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes ao exercicio de 2019 e 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de maio de 2019, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de maio de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Chama a atención deste Comité a incongruencia observada no texto do proxecto respecto ás axudas de transporte e de manutención e aloxamento, xa que se atopan referencias a elas na exposición de motivos e en artigos como o 21, pero os artigos 6 e 7 en que se regulaban foron suprimidos.

Este Comité considera que se debería aclarar se as ditas axudas son ou non obxecto de financiamento por este proxecto, máis aínda ao ter en conta que a normativa estatal de referencia si as recoñece e recolle.

Segunda.
No texto do proxecto de orde sometido a ditame figura no artigo 12 o establecemento dunha obriga de colaboración para as entidades, centros e empresas que reciban fondos públicos para o desenvolvemento das accións de formación.

Este Comité entende que se está a esixir a asunción dunha responsabilidade que excede das funcións das entidades e que, ademais, non se vería compensada. Por isto, propón que se elimine ese artigo 12 ou, subsidiariamente, se estableza esa colaboración como voluntaria e, en todo caso, se suprima o seu apartado 3.

Terceira.
Este Comité solicita que se faciliten a folla de datos estatísticos da execución provisional correspondente ao exercicio 2018, que debe acompañar ao proxecto de orde cos seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Cálculo das rendas.
En relación co disposto no apartado 1, no relativo ao cálculo das rendas, ao dispoñer que “Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias”, este Comité considera necesario clarificar o alcance da expresión “os ingresos brutos do mes anterior”.

Segunda.- Artigo 8. Cálculo das rendas.
No último parágrafo do apartado 2 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.
Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á súa perda.

Terceira.- Artigo 6. Axudas á conciliación.
No apartado 1 deste artigo establécese que as persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación terán dereito a unha contía igual ao 75% do IPREM diario, por día de asistencia.

Este Comité considera que a contía debería ser do 100% do IPREM diario, por día de asistencia.

Cuarta.- Artigo 12. Obriga de colaboración.
Este Comité propón que, de acordo coa consideración xeral terceira, se suprima o apartado 3 da redacción desta orde.

Quinta.- Artigo 14. Prazo de presentación das solicitudes.
En relación co suposto de presentación da solicitude fora de prazo, previsto no apartado 2 deste artigo, este Comité considera que non debería comportar a súa inadmisión, senón soamente que se lle reduzan os días transcorridos fóra do prazo.

Sexta.- Artigo 15. Declaración responsable e documentación probatoria.
Os apartados a) e b) deste precepto recolle a documentación específica a presentar por quen solicite unha bolsa de asistencia e inclúe unha copia do libro de familia ou, no caso de persoas estranxeiras sen libro de familia, calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

Este Comité considera que debería regularse o suposto das parellas de feito e determinar que documentación acreditativa ten que presentar quen se atope nesa situación.
Obsérvase o mesmo respecto do apartado 4 deste mesmo artigo.

Sétima.- Artigo 15. Declaración responsable e documentación probatoria.
En canto ao recollido nos apartados a) e b) deste artigo, sobre que a renda familiar sexa inferior ao 75% do IPREM, este Comité considera que se debería especificar que se trata da renda familiar rateada individualmente.

Oitava.- Artigo 17. Declaracións responsables.
Se se ten en conta a natureza e finalidade destas axudas, este Comité considera que non é axeitada a remisión recollida no apartado 2. e) deste proxecto normativo.

Novena.- Artigo 18. Consentimentos e autorizacións.
En relación coa previsión contida no apartado 1 deste artigo, este Comité continúa a aconsellar que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola persoa interesada e, en segundo lugar, a opción de que esta autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Décima.- Artigo 19. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses.

Este Comité reitera o exposto no ditame 5/2018 e considera excesivo fixar un prazo de seis meses, xa que non debería de ser superior a un mes para que esta convocatoria sexa de utilidade, dada a incapacidade de financiamento das persoas que están sen recursos.

Décima primeira.- Artigo 19. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación.
No apartado 2 deste artigo disponse que unha vez transcorrido o antedito prazo (de seis meses) sen terse notificado resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

Este Comité considera que, para evitar inseguridade xurídica, a expresión “poderá entenderse” debería substituírse por “entenderase”.

Décima segunda.- Artigo 21. Pagamento das bolsas e axudas.
Este Comité considera que debería manterse a redacción que presentaba este artigo no seu apartado 2 na orde de axudas do ano 2016 e que establecía que “...o primeiro pagamento terá lugar no mes seguinte ao da comunicación da resolución da concesión”.

Décima terceira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha.
Proponse o mesmo respecto das disposicións derradeiras (sic).

Décima cuarta.- Disposicións finais.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras (sic) que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Número ditame
18