Pasar al contenido principal

Ditame 20/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES

O día 2 de xullo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Emprego, que achega o proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o proxecto normativo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, a Axenda 20 para o Emprego da Xunta de Galicia ten como misión principal apoiar ás persoas e ás empresas na creación de emprego estable e de calidade.
Para procurar que este emprego se manteña ponse en marcha un programa de axudas, con carácter excepcional e para situacións de emerxencia, coa finalidade de compensar as perdas económicas que sofren as persoas traballadoras afectadas pola suspensión do seu contrato por causa de forza maior. Trataríase, polo tanto, de adoptar medidas de tipo social coa fin de minorar os efectos negativos que para as persoas traballadoras se derivan dos procedementos de regulación de emprego suspensivos por causa de forza maior.

Este proxecto recolle as bases reguladoras e a convocatoria das ditas axudas.

No seu artigo 4 relaciona os requisitos que deben reunir as persoas beneficiarias.

Segundo o artigo 5, a axuda económica devengarase por xornada laboral completa de suspensión de contrato, dentro do período subvencionable. A contía fíxase en función das bases de cotización.

En canto á duración, a axuda estenderase a todas as xornadas laborais completas de suspensión de contrato por un procedemento de regulación de emprego no que a autoridade laboral competente constate a causa de forza maior e que se produzan dentro do período subvencionable o cal, segundo o artigo 26, abarcará entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de outubro de 2019.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de orde pola que se aproban as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: vinte e sete artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 17 de xullo de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo).

DITAME 20/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se aproban as bases reguladoras das axudas destinadas a persoas traballadoras afectadas por procedementos de regulación de emprego de suspensión de contratos de traballo por causa de forza maior, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2019”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de xullo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de xullo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 4 [sic].- Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Este artigo figura erroneamente numerado como 4, cando lle corresponde ser o artigo 12.

Segunda. – Artigo 4 [sic].- Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Segundo o apartado 1 deste artigo: “As persoas solicitantes deberán achegar (...) a seguinte documentación”.

Este Comité propón que se recolla tamén a posibilidade de que a solicitude a presente unha empresa autorizada, de xeito que a redacción do dito artigo sexa: “As persoas solicitantes e as empresas autorizadas deberán achegar (...) a seguinte documentación.

Número ditame
20