Pasar al contenido principal

Ditame 22/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

I. ANTECEDENTES
O día 11 de xullo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo se establece na exposición de motivos, co Programa da segunda oportunidade búscase que as persoas emprendedoras que adquiriron experiencia no emprendemento e que por causas económicas tiveron que cesar na súa actividade, volvan a emprender un negocio e poñan en valor a experiencia adquirida.
As axudas á segunda oportunidade lévanse a cabo a través de dous programas: Programa de bono de apoio ao emprendedor e ao seu emprendemento e o programa de bono de formación á persoa autónoma emprendedora e, para elo, estáblecese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 30 de xullo de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 22 de xuño de 2018 (Ditame 2672018), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, tanto de forma como de fondo.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
En primeiro lugar, obsérvanse modificacións nos requisitos esixidos ás persoas beneficiarias no artigo 6. Por exemplo, o cese da actividade debe producirse con tres meses de antelación e non con 6, como na orde anterior.
Tamén se modifican as contías das axudas: no caso do bono apoio, a contía increméntase de 3.000 a 6.000 euros e no caso do bono formación increméntase de 2.000 euros a 6.000 (artigo 7).
O prazo de presentación das solicitudes que fixaba o artigo 9 era de dous meses a contar desde o día seguinte á publicación da orde. No novo proxecto o prazo remata o 30 de setembro de 2019.
No artigo 19 suprímese a previsión do prazo para entregar a documentación xustificativa.
Pola súa banda, o artigo 23 engade un novo apartado segundo o cal procederá o reintegro parcial das axudas pola diferencia entre os totais xustificados e admitidos cando sexan inferiores aos totais concedidos, practicando a redución correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, vinte e sete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 17 de xullo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e nove específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo contén, como anexo, unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo).

DITAME 22/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa da segunda oportunidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2019”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xullo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de xullo de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que se debería coordinar o programa regulado neste proxecto normativo cos restantes programas dirixidos a persoas autónomas co fin de simplificar o procedemento de acceso a esas axudas.

Segunda.
Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, é necesario recibir, xunto coa solicitude de ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

Terceira.
Este Comité observa erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico, por exemplo: “beneficiario” no artigo 23 ou “os cidadáns” na disposición adicional cuarta, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva.

Ademais, obsérvase un erro na numeración do artigo 20, xa que consta de dous apartados número 2.

Polo tanto proponse unha revisión do texto.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que os dous primeiros parágrafos da exposición de motivos deberían eliminarse polo seu contido superfluo e prescindible, en especial a última frase.

Segunda.- Artigo 1. Obxecto.
Este Comité considera redundante o contido dos artigos 1 (obxecto da orde) e 2 (obxecto das bases reguladoras), xa que é evidente que comparten obxectivo e se alinean nunha mesa finalidade, polo que se propón que se unifique o seu contido nun so artigo.

Terceira.- Artigo 7. Axudas.
O apartado 2 deste artigo fai referencia á Rede de Mentoring do Igape. Este Comité considera que a denominación da Rede debería facerse en lingua galega.

Cuarta.- Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 deste precepto establece que o prazo para presentar as solicitudes será ata o 30 de setembro de 2019.

Este Comité entende que estamos ante un prazo escaso, tendo en conta a data previsible de publicación desta orde, polo que debería ampliarse.

Quinta.- Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado e) deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña algunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Formúlase a mesma consideración respecto dos artigos 23.2 e 24.1.e).

Sexta.- Artigo 20. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo prevé a incompatibilidade destas axudas -con outras que poidan outorgar as administracións públicas polos mesmos conceptos e gastos.

Este Comité propón que sexan compatibles ata o límite do 100% do gasto subvencionable e, en coherencia, que se modifique o texto do artigo 22.

Sétima.- Artigo 23. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro.
O apartado 3 deste artigo prevé o reintegro das axudas concedidas en caso de incumprir a obriga de manter a actividade empresarial polo menos dous anos, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria e que a actividade se mantivera, polo menos, durante 18 meses.

Este Comité considera ese prazo de 18 meses excesivo e propón que se reduza a un ano.

Oitava.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

Tendo en conta a escasa repercusión desta orde na convocatoria do exercicio pasado (18 solicitudes presentadas e 10 concedidas), as organizacións sindicais consideran que non se xustifica o desmesurado orzamento previsto para este ano nin o incremento observado nas contías das axudas que recolle este proxecto normativo.

Máis ben, os datos reflectidos invitan a unha redefinición do programa para que poida alcanzar a finalidade que di perseguir.

Número ditame
22