I. ANTECEDENTES
O día 11 de xullo de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e o emprego con apoio para o ano 2019. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, no deseño e xestión das políticas activas de emprego débese ter en conta a diversidade e a pluralidade que caracteriza á poboación con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, que se debe atender de forma diferente segundo as demandas e as necesidades que cada grupo de persoas traballadoras presenta.
Dentro dos colectivos indicados existen grupos que, debido a súa tipoloxía concreta, teñen maiores dificultades de acceso ao mercado ordinario de traballo. Esta realidade esixe a adopción de medidas específicas, que se poderían considerar de acción positiva dentro do grupo das persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social, xa que se trata de tratamentos máis intensos e diferenciados para estimular a súa empregabilidade.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2018 (publicado no DOG o día 10 de agosto de 2018) e o ditame emitido polo Consello con data 30 de maio de 2018 (Ditame 21/2018), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:
Na orde anterior recollíase un programa de incentivos á contratación a tempo parcial e á formación. O actual artigo 1 separa ese programa en dúas axudas distintas e compatibles: bono de contratación e bono de formación.
A primeira modificación destacable obsérvase respecto da contratación obxecto de subvención: mentres que na orde anterior se subvencionaba, unicamente, a contratación a tempo parcial, o novo proxecto subvenciona a contratación indefinida inicial, a temporal cunha duración mínima inicial de 3 meses e a transformación de contratos temporais en indefinidos a tempo completo ou a tempo parcial das persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.
En canto á contratación temporal, cómpre dicir que a súa duración mínima será de 3 meses, mentres que na orde anterior debía ser de 6 meses (artigo 25).
En canto á contía dos incentivos, na orde anterior subvencionábase con 2.000 euros calquera contratación temporal sempre que fora superior a 6 meses. O actual artigo 27 gradúa a contía da axuda entre 2.000 e 8.000 euros en función da duración da contratación temporal.
Pola súa banda, as contratacións indefinidas iniciais subvencionaranse con 16.000 euros e a transformacións de contratos temporais en indefinidos a tempo completo con 6.000 euros.
En canto ao bono de incentivos á formación, o artigo 34 fixa en 70 horas a duración mínima da acción formativa, mentres que na orde anterior era de 25 horas.
Segundo o artigo 36 a formación incentivarase con 2.000 euros ou 4.000 euros en función do tipo de contratación, cando a orde anterior fixaba unha contía de 1.000 euros.
Respecto ao bono de emprego con apoio, chama a atención a eliminación das accións que, como mínimo, debían recoller os proxectos de emprego con apoio no artigo 39.
No artigo 41 suprímese un requisito das entidades beneficiarias que requiría que desenvolveran as actividades de emprego con apoio de modo gratuíto.
Elimínase, tamén, a posibilidade que outorgaba a orde anterior no seu anterior artigo 30 de recibir pagamentos anticipados da axuda así como pagamentos á conta.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e o emprego con apoio para o ano 2019” consta de: Exposición de motivos, cincuenta e tres artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 22 de xullo de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e quince consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: tres consideracións xerais e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e catro consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 24/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa Emprega Discapacidade e Exclusión, de incentivos á contratación, formación e o emprego con apoio para o ano 2019”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xullo de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de xullo de 2019 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.
Este Comité propón que, no Capítulo II “Programa de incentivos á contratación, formación e emprego con apoio”, se recollan axudas específicas para subvencionar os custos totais das persoas intérpretes da linguaxe de signos.
Segunda.
Este Comité considera que deberían xustificarse as fortes minoracións orzamentarias sufridas nos últimos exercicios.
Terceira.
Obsérvase que no proxecto normativo non se recollen as subvencións para financiar o desenvolvemento de plans de prospección laboral.
Este Comité non está conforme coa supresión destas subvencións e propón que se volvan a regular no proxecto normativo, considerándose imprescindibles as actuacións de prospección laboral consistentes na promoción, difusión, asesoramento, busca activa, selección, entrevista e consulta e información ás potenciais entidades empregadoras dos traballadores e traballadoras con discapacidade cuxa inserción laboral se persegue.
Cuarta.
Obsérvanse algúns erros ao longo do texto do proxecto normativo:
-O emprego do masculino xenérico, que non consideramos a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva (por exemplo: os traballadores no artigo 1 ou emigrante retornado no artigo 29).
-No artigo 26 figuran dous apartados numerados como 3.
-En varios artigos (3, 5, 29, 30, 46 e 47) empréganse as letras j e k, que son impropias do alfabeto galego e deberían substituírse polas seguintes que correspondan.
Proponse unha revisión do texto e a súa corrección.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:
Primeira- Artigo 5. Definicións.
O apartado 11 deste artigo relaciona os sectores que terán a consideración de estratréxicos aos efectos desta orde.
Este Comité considera que se non se debería delimitar a concesión de axudas aos sectores ahí recollidos, xa que existen outros de importancia na economía galega.
Segunda- Artigo 6. Solicitudes.
Os artigos 6 e 8 falan indistintamente de “persoas interesadas”, “persoas beneficiarias”, “persoas ou entidades interesadas” ou “entidades beneficiarias”.
Este Comité propón que se homoxeneice a redacción e se empregue “persoas e entidades beneficiarias” como se fai no título do artigo 15.
No mesmo sentido, proponse homoxeneizar o contido do artigo 15 co título do mesmo.
Terceira- Artigo 20. Persoas destinatarias finais.
Segundo este precepto, as destinatarias finais dos programas regulados neste proxecto normativo serán as persoas con discapacidade desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes de emprego non ocupadas.
Este Comité propón que se consideren tamén destinatarias aquelas persoas con discapacidade que teñan un contrato de traballo a tempo parcial inferior ao 50% da xornada.
Cuarta- Artigo 21. Prazo de solicitudes.
O prazo de presentación das solicitudes que fixa este artigo é escaso, tendo en conta a presumible data de publicación deste proxecto, polo que se propón que se amplíe.
Quinta- Artigo 22. Instrución, resolución e competencia.
Este artigo fixa o prazo para resolver e notificar en 3 meses.
Este Comité considera excesivo ese prazo e propón que se reduza sensiblemente.
Sexta- Artigo 22. Instrución, resolución e competencia.
Este Comité propón a modificación do punto 2 deste artigo, para que non se considere que a entidade solicitante desiste da subvención cando a persoa solicitada cause baixa antes da data da resolución e se lle permita así unha nova contratación nos termos regulados na orde, establecendo a obriga de comunicala e acreditando así a continuidade do expediente cos cambios comunicados e aportados sen entenderse o desestimento.
Sétima- Artigo 28. Exclusións.
O apartado 2 exclúe dos beneficios regulados neste proxecto aos contratos realizados con algúns familiares.
Este Comité considera que se debería revisar este apartado 2 en relación ao previsto na Lei 20/2007 do Estatuto do traballo autónomo.
Oitava.- Artigo 29. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Este Comité propón que se mellore a redacción do apartado 1.g) deste artigo xa que resulta confusa.
Novena.- Artigo 31. Xustificación e pagamento.
O apartado 2 deste precepto establece que non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “algunha débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Décima.- Artigo 42. Poboación obxectivo do convenio.
O apartado 1 deste artigo recolle os supostos nos que pode atoparse a persoa destinataria das axudas e inclúe, na letra b), ás persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%.
Este Comité propón que esa porcentaxe se substitúa pola do 33% por razóns de non discriminación, xa que nos outros dous supostos recollidos neste apartado, é esa a porcentaxe esixida.
Décima primeira.- Artigo 44. Preparadores e preparadoras laborais.
O apartado 1 deste artigo establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.
Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento do posto de preparador ou preparadora laboral son as do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das titulacións universitarias oficiais da rama social.
Décima segunda.- Artigo 50. Xustificación e pagamento.
No apartado 3, letra b) deste artigo, esíxese a presentación da “certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social dos preparadores ou preparadoras laborais polos cales se concedeu a subvención, segundo o modelo do Anexo III, xunto con copia das nóminas e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento.”
Este Comité considera que, ademais da transferencia bancaria, se deberían ter en conta outros medios legais que xustifiquen o pagamento dos salarios.
Décima terceira.- Artigo 50. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 4, “non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa ou entidade beneficiaria non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias - estatais e autonómicas - e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma”.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a “débeda pendente coa Administración” no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.
Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.
Décima cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Décima quinta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
As organizacións sindicais que integran este Comité non comparten o feito de que se subvencione a contratación temporal, xa que se trata de promover a inserción laboral en igualdade de condicións co emprego ordinario.
Subsidiariamente, propoñen que as contratacións sexan por un mínimo de 9 meses para así xerar a dereito a desemprego.
Segunda.
Respecto ao bono de formación para accións formativas regulado na Sección 3ª do capítulo II deste proxecto normativo, as organizacións sindicais consideran que calquera programa de formación subvencionado con fondos públicos debe formar parte do plan de formación da empresa e contar coa conformidade da representación legal das persoas traballadoras.
Terceira.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o límite da subvención debería ser o importe da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.
Consideracións específicas:
Primeira- Artigo 26. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do incremento do cadro de persoal fixo e neto non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.
Segunda- Artigo 28. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo obriga ás entidades beneficiarias a manter á persoa contratada no cadro de persoal durante dous anos.
As organizacións sindicais propoñen que se eleve a duración da obriga ata os cinco anos.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 1. Obxecto e principios de xestión.
A CEG propón que as persoas traballadoras obxecto dunha transformación de contratos temporais en indefinidos poidan ser destinatarias do bono formación.
Obsérvase o mesmo respecto dos artigos 19.2.b), 34.1 e 36.
Segunda.- Artigo 26. Requisitos.
Segundo o apartado 3.b), non se incentivará a transformación dos contratos temporais en indefinidos sempre que transcorresen máis de 24 meses desde a súa celebración inicial, con algunhas excepcións.
A CEG propón que se elimine o dito apartado polo seu carácter limitativo.
Terceira.- Artigo 28. Exclusións.
A CEG propón a revisión das exclusións contempladas neste artigo, para que no caso de persoas con discapacidade non sexan aplicables as ditas exclusións tales como as dos apartados 2 e 3.3 , en liña coas previsións e bonificacións recollidas no artigo 6 da Lei 43/2006, de fomento do emprego.
Cuarta.- Disposición transitoria.
Proponse incluír unha Disposición transitoria na que se exprese que, en caso de vixencia da orde, se hai disposición normativa que acredite e aclare a consideración de persoa con discapacidade ás persoas pensionistas de incapacidade permitan, conforme prevé o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, e que sexa aplicable aos efectos desta orde e dende a súa entrada en vigor.
O obxectivo desta proposta é que as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, se consideren persoas con discapacidade a efectos de poder acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.