Pasar al contenido principal

Ditame 36/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2020 e 2021.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2020 e 2021. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, de economía social de Galicia; é dicir, como o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo das persoas que as integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.
Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, as axudas nel recollidas forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia para incentivar a realización de actividades de promoción e formación, por parte de entidades que se incorporen á Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio anterior (publicado no DOG o día 7 de febreiro de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2018 (Ditame 40/2018), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial sobre o fondo da norma.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 6.2 fixa os requisitos que debe reunir unha entidade para poder ser beneficiaria das axudas recollidas neste proxecto. Engade a esixencia, respecto das entidades locais, de ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, nos termos establecidos no Decreto 193/2011.

Obsérvase tamén un pequeno incremento de 855 euros da contía total asignada a esta subvención (artigo 35).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2020 e 2021” consta de: Exposición de motivos, trinta e seis artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 7 de novembro de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CCOO de Galicia.

DITAME 36/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás entidades colaboradoras da Rede Eusumo para realizar actividades de promoción e impulso do cooperativismo e a economía social, e se convocan para os anos 2020 e 2021, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Gastos subvencionables.
Respecto dos custos de persoal de apoio que establece o apartado 2.1.2.a) deste artigo, este Comité considera que debería preverse o financiamento do custo das persoas profesionais que puidesen ser necesarios para atender a persoas con determinadas discapacidades, como sería, por exemplo, un intérprete da linguaxe de signos.

Segunda.- Artigo 9. Contía das axudas.
Segundo o apartado 2, os gastos de material, papelería e fotocopias será elixible ata o límite de 8 euros por alumno/a [sic].

Este Comité considera que debería adaptarse este custo ao custo real de mercado.

Terceira.- Artigo 10. Incentivo adicional.
O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros por cada entidade de economía social constituída, cun máximo de 10.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité, aínda que valora positivamente o incremento de 4.000 euros na contía máxima respecto do previsto para o exercicio de 2016, entende que ese límite pode frear a actividade cooperativa.

Cuarta.- Artigo 17. Criterios obxectivos de concesión.
Na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) figuraba entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das actividades” e se puntuaba con ata un máximo de 15 puntos.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto normativo para 2011, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Quinta.- Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias.
Segundo o disposto no apartado 1.c) deste artigo, a entidade beneficiaria debe estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Sexta.- Artigo 25. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 11 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias sexan debedoras en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Este Comité considera que a dita resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Sétima.- Artigo 26. Documentación xustificativa para o pagamento.
Na letra g) deste precepto esíxese copia dos documentos xerados durante a execución dos proxectos.

Este Comité considera que esta obriga non procede porque se esixe unha documentación que xa obra en poder da Administración.

Oitava.- Artigo 26. Documentación xustificativa para o pagamento.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras “j” e “k”.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Novena.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Décima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 17. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime cuarta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo).

Número ditame
36