Pasar al contenido principal

Ditame 37/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos, as cooperativas (xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, os centros especiais de emprego, as empresas de inserción ou as confrarías de pescadores), forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

As axudas establecidas nesta orde forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e pretenden facer efectiva a promoción das organizacións representativas das entidades que forman parte da economía social, procurando un axeitado desenvolvemento destas estruturas.

Concrétanse en dous programas, en función das posibles entidades beneficiarias, destinados a subvencionar os seus gastos de funcionamento. O primeiro programa diríxese ás asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e o segundo programa ás entidades asociativas de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019, publicado no DOG o día 7 de febreiro de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 29 de novembro de 2018 (Ditame 41/2018), obsérvase que se acepta unha consideración de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial e dúas consideracións sobre o fondo da norma.

Do novo proxecto normativo destacan os seguintes aspectos:

Entre a documentación complementaria que debe achegarse coa solicitude, engádese o balance social do ano anterior, se é o caso, tanto para o Programa I (artigo 27) como para o Programa II (artigo 34). Respecto da documentación complementaria para o Programa II, engádese tamén a esixencia de presentar a documentación acreditativa do plan de acción e implantación das medidas de responsabilidade social empresarial.

Engádese un novo criterio de valoración no Programa I (artigo 28): outórganse 2 puntos por ter elaborado e publicado o balance social do ano anterior.

Obsérvase o mesmo respecto do artigo 35, que recolle os criterios de valoración para o Programa II. Ademais, modifícase a valoración polo nivel de representatividade: na orde anterior outorgábanse 10 puntos por cada entidade asociada e 2 puntos adicionais polo segundo e sucesivos centros de traballo das entidades asociadas. No novo proxecto, fíxase 1 punto por cada entidade asociada e, de ser resultado dun proceso de integración nos últimos 5 anos, computara 3 puntos.

Finalmente, en canto ao financiamento, increméntase en 10.000 euros a contía asignada para o Programa II que pasa de 60.000 a 70.000 euros (artigo 41).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, corenta e dous artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 7 de novembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e unha xeral e tres específicas manifestadas pola organización empresarial CEG (Anexo II).

DITAME 37/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas de cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción e se convocan para o ano 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 14. Xustificación e pagamento.
O apartado 10 deste precepto establece que “en ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexan debedoras en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teñan algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma”.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, no caso de que non sexa coñecedora da súa existencia.

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

Segunda.- Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra “j”.
Pola súa banda, no artigo 32 empréganse as letras “j” e “k”.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

Terceira.- Artigo 28. Criterios de valoración.
Entre os criterios de valoración no se inclúe o emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto.

Este Comité Delegado entende que debería incluírse como criterio de valoración o emprego da lingua galega, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Igual consideración se aplica ao artigo 35 deste proxecto normativo.

Cuarta.- Artigo 34. Documentación complementaria.
Este artigo relaciona a documentación que debe acompañar á solicitude e inclúe, no apartado c), copia dos estatutos sociais e as súas modificacións, se é o caso.

Este Comité considera que se debería suprimir esa referencia ás modificacións e limitarse a esixir a presentación da copia dos estatutos vixentes (estatutos e as súas modificacións).

Quinta.- Artigo 35. Criterios de valoración.
Respecto ao previsto no apartado a) deste artigo, este Comité propón que elimine a previsión de outorgar 3 puntos no caso de que a entidade asociada sexa resultado dun proceso de integración por consideralo desproporcionado, xa que os procesos de integración que aquí se bareman non se corresponden coa realidade das entidades asociativas.

Sexta.- Artigo 35. Criterios de valoración.
Este Comité propón que se engada, como criterio de valoración das solicitudes, a experiencia das entidades solicitantes desde a data da súa creación.

Sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].

Oitava.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son dunha excesiva flexibilidade conceptual e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público e, subsidiariamente, que se respete o recollido no artigo 7 da norma que subvenciona os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas autónomas.

Consideración específica:

Artigo 28.Criterios de valoración.
O apartado b) deste precepto recolle os criterios de valoración das solicitudes polo nivel de actividade da asociación entre os que inclúe a taxa de estabilidade do cadro de persoal e esixe unha porcentaxe mínima de persoas traballadoras fixas do 65%.

As organizacións sindicais consideran que a porcentaxe mínima requirida debería incrementarse ata o 70%, tal e como figura noutras ordes.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 35.b).

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG propón engadir un novo artigo relativo á subcontratación que incorpore a previsión de que se poida autorizar a subcontratación con terceiros ata unha porcentaxe máxima do 80% do custe total de actividades, de acordo ás condicións previstas no artigo 27 da Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia e ao artigo 43 de Decreto 11/2009 de 8 de xaneiro.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 31. Beneficiarias.
A CEG propón que se habilite unha liña adicional, con dotación orzamentaria adicional, ás xa recollidas e específica para que as entidades de segundo nivel teñan posibilidades de pedir esta axuda, xa que en moitos casos estas entidades serven de reforzo ás actuacións que desempeñan as entidades de primeiro nivel e sempre e cando non existan duplicidades na actividade nin no gasto.

Segunda.- Artigo 32. Actividades e gastos subvencionables.
Este Comité considera que se debería incluír, entre os gastos de funcionamento subvencionables, o custo financeiro derivado da execución da subvención.

Terceira.- Artigo 35. Criterios de valoración.
A CEG propón incluír un novo punto no baremo que teña en conta a acción das entidades noutros ámbitos de acción como a capacidade de innovación social, a mellora nos seus procesos de competitividade, o impulso da conciliación e corresponsabilidade nas entidades ou a mellora da accesibilidade ou a implementación de medidas de acceso ó emprego, entre outras actuacións.

Número ditame
37