I. ANTECEDENTES
O día 31 de outubro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Orientación Laboral da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos: “a finalidade do programa que recolle este proxecto é a mellora da empregabilidade e a cualificación das persoas desempregadas mediante a información, o diagnóstico individual, o asesoramento, a motivación e o acompañamento nos procesos de acceso e cambios laborais”.
Á exposición de motivos tamén establece que: “os elementos que caracterizan a este Programa de orientación laboral concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego. Configúrase, así, un programa autonómico nesta materia.”
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019, publicado no DOG o día 12 de febreiro de 2019 e o ditame emitido polo Consello con data 10 de decembro de 2018 (Ditame 44/2018), obsérvase que se tivo en conta unha consideración de carácter formal das manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial, pero que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas sobre o fondo da norma.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
En canto ao financiamento das axudas (artigo 1), obsérvase un incremento de 562.975 euros no importe total dos créditos asignados.
Tamén se observan modificacións no artigo 11 que recolle os criterios de valoración das solicitudes. Por exemplo, suprímese como criterio avaliable o feito de estar en posesión dunha certificación de calidade específica ou que inclúa expresamente os servizos de orientación da entidade, circunstancia á que a orde anterior outorgaba 4 puntos. Tamén se incrementa a puntuación outorgada á redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas por parte da entidade (pasa de 14 a 18 puntos).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O 19 de novembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e vinte e unha consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Así mesmo contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime seguintes: unha específica manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia (Anexo I) e sete específica manifestadas pola CEG (Anexo II).
DITAME 43/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de outubro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de novembro de 2019 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira.
Na Exposición de motivos establécese que “os elementos que caracterizan ao Programa de orientación laboral que prestarán as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde concordan cos definidos no Real Decreto 7/2015, de 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego”.
Segundo o artigo 7 do dito Real Decreto, son servizos incluídos na Carteira Común:
a)Servizo de orientación profesional.
b)Servizo de colocación e de asesoramento a empresas.
c)Servizo de colocación e cualificación para o emprego.
d)Servizo de asesoramento para o autoemprego e o emprendemento.
O artigo 9 da mesma norma establece que a xestión de ofertas e demandas de emprego comprenderá, en particular, a prospección e identificación de ofertas de emprego potenciais e de necesidades de persoal por parte dos empregadores.
De acordo con esta previsión legal, este Comité considera que debería recuperarse a actividade de prospección de emprego na Orde para o exercicio de 2019, tal e como se contempla xa para o persoal orientador na Orde de axudas a empresas de inserción laboral e, en consecuencia, adaptar o articulado deste texto para darlle cabida.
Segunda.
O Ministerio de Emprego e Seguridade Social, a diferenza da Consellería de Economía, Emprego e Industria, segue a financiar ao persoal de apoio, tal e como se establece na Resolución do 8 de marzo de 2016, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se actualizan para o ano 2016 e sucesivos as contías máximas constitutivas do importe das subvencións para a realización das accións de orientación profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego a entidades colaboradoras sen ánimo de lucro.
En base a isto, o Comité propón que, do mesmo xeito, se recolla nesta orde as contías máximas coas que o Servizo Público de Emprego de Galicia subvencionará as retribucións totais e a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos do persoal necesario para a execución das acción.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira. – Artigo 2. Pagamento da subvención
O apartado 2, letra a) fixa como requisito das entidades solicitantes o dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para a atención individual ás persoas demandantes de emprego. Á vista da resposta ao ditame 47.17, remitida pola Subdirección Xeral de Orientación Laboral respecto desta mesma consideración, este Comité propón que se substitúa no texto da Orde o concepto “despacho axeitado” polo de “espazo diferenciado”.
Segunda. –Artigo 2. Pagamento da subvención.
Obsérvase un erro na numeración deste artigo, xa que falta o apartado 1.
Terceira.- Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar e se establecen as retribucións totais que se subvencionarán.
Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4 que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aqueloutras que poidan esixirse legalmente.
Subsidiariamente proponse que, cando menos, as ditas contías sexan actualizadas conforme ao IPC, independentemente do período de execución desta orde.
Cuarta.- Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado que estableza como subvencionable ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.
Quinta.- Artigo 5. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
No segundo parágrafo do apartado 1, menciónanse as persoas interesadas que presentan a solicitude presencialmente, cando a referencia debería facerse ás entidades interesadas.
Sexta.- Artigo 9. Procedemento, competencia e resolución.
Segundo o apartado 8, a resolución e a notificación deberanse producir nun prazo de tres meses.
Este Comité considera que deberían especificar que o prazo será, como máximo, de tres meses.
Sétima.- Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité propón que se engada un novo criterio que valore o nivel de estabilidade do persoal que presta os servizos de orientación nas entidades solicitantes das axudas.
Oitava.- Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera que se debería ter en conta, no baremo recollido neste artigo, o feito de que a persoa técnica de orientación sexa unha persoa con discapacidade outorgándolle, nese suposto, unha maior puntuación.
Novena.- Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
Respecto aos apartados 1 e 2 deste artigo, que establecen un corte previo de acceso ás axudas así como de asignación de financiamento en función do número de servizos prestados, este Comité considera que se trata dun criterio inadecuado, cando é o propio Servizo Público de Emprego quen marca a axenda do persoal de orientación das entidades.
Deste xeito, pode haber localidades grandes cun elevado número de servizos e outras localidades pequenas con poucos, o que non é representativo nin da calidade nin do bo servizo prestado.
Décima.- Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
O apartado 2 deste artigo esixe un mínimo de 250 servizos de orientación laboral prestados ás entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades funcionais e se dediquen á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade.
Este Comité propón que a dita esixencia se rebaixe a 200 servizos, en atención ao colectivo que é atendido a través deles.
Décima primeira.- Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera que debería valorarse a continuidade na prestación do servizo por parte da entidade de xeito ininterrompido, cos seus propios medios e con carácter previo á resolución da concesión das axudas.
Décima segunda.- Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, no seu apartado 3.A.c), inclúe como criterio de valoración a redución no financiamento das accións subvencionadas por achegas económicas da entidade.
Na exposición de motivos alúdese ao ámbito de colaboración co Servizo Público de Emprego. Así, na medida en que as entidades beneficiarias son colaboradoras do SPE e, ademais, estamos ante políticas públicas de emprego, non semella procedente establecer como criterio avaliable o cofinanciamento, polo que este Comité propón suprimilo.
Décima terceira.- Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
No proxecto de orde do exercicio 2013 figuraba no apartado h), entre os criterios de valoración: “Emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, debidamente declarado pola persoa representante da entidade: 5 puntos”
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na realización das accións valórase como criterio auxiliar, para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Décima cuarta.- Artigo 12. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No apartado 2 deste artigo, referido ao baremo de “outros méritos”, dentro dos requisitos de selección esíxese estar en posesión do CELGA 4 ou equivalente debidamente homologado (0,25 puntos).
Este Comité propón que se esixa o CELGA 3 ou o CELGA 4, segundo corresponda en función do nivel de formación.
Décima quinta.- Artigo 12. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No segundo parágrafo do punto 3 deste artigo establécese que “En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos de orientación laboral”.
Este Comité considera que debería suprimirse o antedito parágrafo e que, para acreditar esas funcións, se admita un certificado da empresa que xustifique a prestación dos servizos de orientación.
Décima sexta.- Artigo 13. Pagamento da subvención
O apartado 1.c) deste artigo esixe a todas as entidades beneficiarias a presentación dunha fotografía do cartel informativo e a súa localización.
Este Comité considera excesiva a necesidade de achegar novamente esa documentación, que soamente sería precisa no caso de novas contratacións ou novas ubicacións.
Décima sétima.- Artigo 13. Pagamento da subvención
No apartado 1.d), ítem 1º, establécese que deben presentarse os contratos de traballo do persoal subvencionado e comunicación dos mesmos a través de Contrat@.
Este Comité considera que se debería especificar que esta obriga non procede no caso de os contratos obren xa en poder da Administración.
Décima oitava.- Artigo 15. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.
Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.
Décima novena.- Artigo 16. Perda do dereito ao cobro e reintegro.
Segundo o apartado 1.h) deste artigo, o retraso no inicio das tarefas de orientación por causas non imputables á administración comportará o reintegro ou desconto da parte proporcional dos gasto subvencionado.
Hai que ter en conta que o devandito retraso pode deberse, ademais, a causas que non sexan imputables á entidade beneficiaria, polo que este Comité considera que debería especificarse que os retrasos debidos a causas de forza maior non darán lugar a reintegro.
Vixésima. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.
Vixésima primeira. Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.
ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG , UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA
Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime décima terceira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.
A CEG propón que, entre as actividades do servizo, se inclúa a prospección e captación de ofertas de emprego e se recupere a figura da persoa prospectora con financiamento específico previsto na orde do exercicio anterior, que recollía a xestión e cobertura de ofertas de emprego entre as funcións do persoal subvencionado.
Así mesmo, a prospección debe comprender tamén a asistencia ao autoemprego, dado que no artigo 1 deste proxecto figura como un dos seus obxectivos e está incluída na carteira común de servizos do Real Decreto 7/2015, do 16 de xaneiro, polo que se aproba a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego.
Segunda.- Artigo 3. Actividades do servizo de orientación laboral.
A CEG propón ampliar o contido do apartado 3 deste artigo, referido ás persoas destinatarias das accións, para dar cabida as persoas pensionistas da Seguridade Social por incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou grande invalidez ou de pensionista de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade, de xeito que estas persoas poidan acollerse ás medidas de igualdade de oportunidades e non discriminación no acceso ao emprego, e para dar unha amplitude eficaz á definición de discapacidade, prevista no artigo 1 da Convención Internacional dos Dereitos das persoas con discapacidade.
En consecuencia, debería modificarse tanto este artigo como os demais que correspondan.
Terceira. - Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería recuperarse a posibilidade de incrementar a contía máxima do 15% para financiar, entre outros, os gastos correntes e de desprazamento, así como permitir que dita posibilidade sexa accesible a todas as entidades concorrentes.
Cuarta. – Artigo 4. Contía das subvencións e período subvencionable.
O apartado 1 deste precepto fixa en 25.000 euros a contía máxima da subvención que se poderá conceder, con carácter xeral, por cada persoa técnica de orientación laboral.
A CEG considera que se trata dunha contía que resulta claramente insuficiente, polo que propón que se incremente.
Quinta. – Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes.
En opinión da CEG, as contías mínimas establecidas no parágrafo terceiro do apartado 1 deberían ter en conta a circunstancia de que, nalgúns casos, as persoas con discapacidade acoden aos servizos de orientación das entidades non especializadas.
Sexta. – Artigo 12. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
O apartado 2 recolle un baremo en función do cal se avaliará o currículo presentado e, a continuación, engade que este procedemento de baremación carece de vinculación cos procedementos de selección de persoal que, no seu caso, realicen as entidades beneficiarias da subvención. A finalidade do mesmo é verificar que a persoa proposta pola entidade beneficiaria cumpre cos requisitos mínimos que se consideran imprescindibles para o exercicio da orientación laboral nas entidades beneficiarias ao abeiro desta orde.
Respecto disto, a CEG chama a atención sobre o feito de que é o propio servizo de orientación laboral o que deber determinar se a persoa preseleccionada supera ou non o baremo de referencia xa que, de non ser así, a entidade beneficiaria debe presentar outro candidato. Polo tanto, o procedemento de baremación estaría claramente vinculado co procedemento de selección da entidade e, en consecuencia, a CEG considera que procede eliminar o dito parágrafo.
Sétima. - Artigo 12. Requisitos e selección do persoal técnico de orientación.
No segundo parágrafo do apartado 4 faise referencia ao proceso de substitución no caso de baixas sucesivas.
A CEG propón que se aclare a redacción do devandito parágrafo para coñecer exactamente os prazos a que deben cinguirse as entidades, tanto máis cando existe a posibilidade de ser penalizadas, tal e como establece o artigo 16.