I. ANTECEDENTES
O día 13 de novembro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo: “as empresas de inserción constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e formación socio-laboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. En virtude do disposto na Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, estas empresas teñen a consideración de entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicada no DOG o día 24 de abril de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 10 de decembro de 2018 (Ditame 45/2018), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
O artigo 37 regula o obxecto e condicións para a obtención da axuda para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. Obsérvase que xa non se prevén como subvencionables certos investimentos (como os locais de uso exclusivo para o exercicio da actividade da empresa de inserción, maquinaria e útiles ou dereitos e patentes, entre outros).
En canto á contía das axudas para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción (artigo 42) obsérvase que se incrementa a contía base máxima dos 8.000 euros que prevía a orde anterior aos 10.000. Ademais, suprímese a previsión de incrementar a contía base nun 25% en certos supostos (por exemplo, que a persoa contratada sexa unha muller ou maior de 45 anos, entre outros). Esta mesma supresión se observa respecto das axudas para a contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción (artigo 46), nas que a contía base máxima se fixa en 15.000 euros, 3.000 máis que na convocatoria anterior.
Pola súa banda, obsérvanse modificacións nas contías xerais asignadas a estas axudas no artigo 61: así, o programa I ve incrementado o seu orzamento en 30.000 euros, mentres que a contía asignada para o programa II redúcese en 10.000 euros.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, sesenta e dous artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 19 de novembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, en anexos, unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (Anexo II).
DITAME 45/2019
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira. – Artigo 12. Comprobación de datos.
Obsérvase que neste artigo empréganse as letras j e k na clasificación, que son impropias do alfabeto galego.
Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 18.
Segunda. – Artigo 15. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses.
Este Comité considera que debería especificarse que se trata dun prazo máximo.
Terceira.- Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado e) deste artigo recolle, como unha das obrigas das entidades beneficiarias, estar ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Cuarta. – Artigo 40. Documentación xustificativa das axudas.
Este artigo establece a documentación xustificativa específica que debe presentarse respecto da subvención para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción. No apartado c) esíxese ás empresas beneficiarias da axuda presentar un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no que acredite que o gasto a xustificar corresponde á adquisición de bens inmobles.
Este Comité considera que a incorporación neste artigo do texto do texto referenciado na resposta a esta consideración pola Secretaría Xeral de Emprego, non aclara que comprende esa certificación do taxador independente e a que fai referencia exactamente.
Quinta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Sexta. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.
Consideración xeral:
As empresas de inserción laboral poden recibir, ao abeiro desta orde, axudas ao mantemento do custo salarial, axudas para a asistencia técnica ou para a posta en marcha de actividades e, entre outras, axudas para as labores de intermediación que xa supoñen funcións propias do persoal técnico.
As organizacións sindicais consideran que que hai un exceso de liñas de axuda nesta orde que acaban recaendo sobre os mesmos conceptos, tendo en conta que se dirixen a empresas de inserción laboral cunhas finalidades moi específicas e á vista, tamén, do baixo volume de beneficiarias, o que obriga a repensar o contido da norma.
Primeira.-Artigo 42. Contía da axuda.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía desta axuda equivale ao 50% dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que o conxunto dos incentivos non deberían superar, en ningún caso, unha contía equivalente ao custo da Seguridade Social xerado pola persoa contratada.
Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 46.
Segunda.-Artigo 50. Contía da axuda.
Este artigo fixa a contía máxima da axuda para formación das persoas en proceso de inserción en 3.000 euros por empresa beneficiaria.
As organizacións sindicais consideran excesiva a dita contía e propoñen minorala, tal e como acontece en ditames relativos a outras ordes.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:
Artigo 7. Persoas destinatarias finais.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.