Pasar al contenido principal

Ditame 46/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:50
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de novembro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Subdirección xeral de Relacións Laborais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

Corresponden á Consellería de Economía, Emprego e Industria as competencias e funcións nesta materia e, entre outras, as relativas á seguridade e saúde laboral, de acordo co Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

Segundo a Exposición de motivos: “con esta orde estase a levar a cabo a promoción da prevención dos riscos laborais coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo, dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral”.

Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicado no DOG o día 28 de xaneiro de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 20 de novembro de 2018 (Ditame 38/18), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións de carácter formal manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

A única novidade observada no texto do novo proxecto é a inclusión, no artigo 8, dun novo apartado que declara non subvencionables os cursos que versen sobre as materias nel relacionadas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020” consta de: Exposición de motivos, trinta e oito artigos, tres disposicións adicionais e tres finais.

O día 28 de novembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e vinte e sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais CIG, UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo I), e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).

DITAME 46/2019

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de novembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité observa o emprego do masculino xenérico ao longo do texto, por exemplo “alumnos” nos artigos 8.2 e 28 ou “os membros asociados” no artigo 13, así como o uso das barras no artigo 22: “secretario/a”, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe inclusiva. Hai que ter en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 2. Liñas e actividades subvencionables.
Este Comité propón que se engadan, como accións subvencionables, as accións que permitan a elaboración de ferramentas e materiais innovadores relacionados co fomento da prevención de riscos laborais.

Segunda. Artigo 3. Beneficiarias e o seu financiamento.
Este Comité propón que, tanto para a Liña 1 como para a 2, soamente poidan ser beneficiarias das axudas as organizacións empresariais e sindicais máis representativas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén se propón que se substitúa, no apartado 2.b) deste artigo, a referencia ás organizacións sindicais con representatividade pola de organizacións sindicais máis representativas.

Finalmente, debería substituírse a referencia ás asociacións empresariais galegas do apartado 2.a) pola de asociacións máis representativas.

Terceira. Artigo 5. Importe máximo subvencionable.
O apartado 2.a) fixa a contía por actividade en 160 euros por cada hora impartida ou, excepcionalmente, en 200 euros por hora.

Este Comité propón que se revisen as ditas contías á alza, en función dos prezos de mercado e da especificidade dos cursos que se realicen.

Cuarta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Este Comité considera que se debería aclarar se o último parágrafo do apartado 2.a) se refire ao parágrafo 2 ou ao parágrafo 1. En caso de facer referencia ao parágrafo 2, debería incluírse o texto a continuación e non separadamente.
Quinta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
Segundo o apartado 1.b) desde precepto, na liña II ningunha entidade poderá percibir unha contía que supere os 30.000 euros pola totalidade de accións solicitadas.

Este Comité considera que a dita contía máxima debería incrementarse ata 35.000 euros.

Sexta. Artigo 5.- Importe máximo subvencionable.
O apartado 2 fixa o importe máximo subvencionable por actividade e relaciona unha serie de cursos que recibirán un maior importe, entre os que están as técnicas de rescate industrial.

Este Comité considera que se debería incluír dentro da acepción “rescate industrial” as accións relativas ao sector marítimo pesqueiro, entre outras.

Sétima. Artigo 8.- Accións non subvencionables.
A redacción do apartado 5 resulta confusa polo que este Comité propón a seguinte: “Os cursos cunha duración inferior a oito horas que versen sobre as seguintes materias: aballos en espazos confinados, traballos en altura, traballos verticais, plataformas elevadoras móbiles de persoal, montaxe e desmontaxe de estadas, operador/manexo seguro de carretillas elevadoras ou operador de guindastre autocargante”.

Por outra banda, este Comité considera que a formación sobre risco químico pode impartirse nun curso de duración inferior a oito horas, polo que debería ser subvencionable sen ter que acadar a dita duración mínima.

Oitava. Artigo 9.- Requisitos de asistencia aos cursos.
Respecto ao previsto no apartado 2, este Comité propón exceptuar da necesidade de autorización, sendo suficiente unha comunicación motivada, para os supostos en que a diminución do alumnado sexa inferior ao 15%.

Novena. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
Con respecto ao apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluír os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade que se subvenciona, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poden ser subvencionables.

Décima. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
A letra f) do apartado 3 recolle os gastos indirectos que son subvencionables, como consumo eléctrico, teléfono ou mensaxería, entre outros, sempre que se correspondan cos locais en que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

Décima primeira. Artigo 10.- Gastos subvencionables e período de imputación.
En relación co importe máximo subvencionable dos gastos recollidos na letra f) do apartado 3 deste artigo, este Comité propón que a porcentaxe do 10% sexa aumentada ata un 15%.

Décima segunda. Artigo 17. Documentación para as solicitudes de cursos e xornadas e estudos das liñas 1 e 2.
Este Comité insiste na necesidade de incluír un apartado máis neste artigo que estableza que as entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c) e d) do apartado 2-6º deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberán remitir a dita documentación convenientemente actualizada.

Décima terceira. Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Este Comité propón que se mellore a redacción do apartado 3 deste artigo, de xeito que estableza que cando o programa verse polo menos sobre dúas das materias relacionadas, outórganse 4 puntos. En outro caso, a puntuación será cero.

Ademais, proponse que se engada entre esas materias relacionadas os nanomateriais.

Décima cuarta. Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 6 deste artigo outorga de 0 a 4 puntos en función da siniestralidade do sector ao que vai dirixida a acción.

Este Comité propón que incremente a puntuación máxima prevista para este criterio a 5 puntos, en atención á finalidade deste proxecto de orde.

Décima quinta. Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
Este Comité non comparte que se puntúe a capacidade de cofinanciamento por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de persoas destinatarias da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo.

Polo tanto, proponse a eliminación como criterio de valoración do apartado 7 deste artigo.

Décima sexta. Artigo 25. Resolución e recursos.
O apartado 3 deste artigo prevé a posibilidade de pagamentos anticipados que poderán ser ata do 80% cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros e dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros en caso contrario.

Este Comité propón que o anticipo sexa, en todo caso, do 80% independentemente da contía da subvención concedida.
Décima sétima. Artigo 25. Resolución e recursos.
No seu apartado 4, este artigo fixa un prazo máximo para resolver e notificar a resolución de cinco meses.
Este Comité entende que se trata dun prazo moi amplo polo que debería fixarse nun máximo de 3 meses.

Décima oitava. Artigo 27. Prazo de finalización e de xustificación das accións.
Á vista dos prazos fixados neste artigo para a execución das accións e a súa xustificación, este Comité considera que se deberían incrementar ambos prazos e que, en todo caso, o prazo de execución cubra tamén o día 31 de outubro e que o prazo de xustificación se amplíe polo menos ata o 15 novembro.

Décima novena. Artigo 30.- Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2.
No apartado 1 esíxese presentar copia dos relatorios e presentacións gráficas cando se trate de cursos ou xornadas de sensibilización.

Este Comité considera que esa esixencia é superflua, polo que debería eliminarse, dado que non aporta as evidencias necesarias para a comprobación da realización da actividade.

Vixésima. Artigo 31.- Corrección de defectos da xustificación e pagamento.
O apartado 1 deste precepto establece que se a documentación recibida se considera insuficiente ou nela se observen erros ou a falta dalgún dos requisitos esixidos, se requirirá á entidade beneficiaria para que presente dita documentación no prazo máximo de 10. A non presentación de dita documentación dentro deste prazo suporá de forma automática a perda do dereito á percepción da axuda concedida.

Este Comité considera que isto debería modificarse de xeito que a non presentación dalgún tipo de documentación dentro do referido prazo de 10 días non supoña de forma automática a perda do dereito á percepción da totalidade da axuda, senón que se limite á parte da axuda non xustificada.

Vixésima segunda. Artigo 32. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión “así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Vixésima terceira. Artigo 32. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 10 deste precepto esixe á entidade beneficiaria estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter algunha débeda pendente, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

Vixésima cuarta. Artigo 38. Seguimento e control.
O apartado 2 deste artigo esixe que, cunha antelación mínima de 10 días, se comunique o inicio e o fin das accións de formación á dirección seguridade-saude-laboral@xunta.gal.

Este Comité considera que se debería comunicar, con esa mesma antelación, un calendario xeral da programación e, no seu caso, notificar calquera modificación posterior.

Vixésima quinta. Disposicións adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais” antes de enuncialas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións últimas.

Vixésima sexta. Disposición adicional terceira.
Obsérvase que a disposición adicional terceira figura erroneamente numerada como primeira, polo que debe corrixirse.

Vixésima sétima. Disposicións últimas.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións últimas que deberían denominarse “Disposicións finais”.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das Liñas 1 e 2.
O criterio 10 deste artigo introduce, como criterio, o compromiso do emprego efectivo da lingua galega e outorga un punto polo mesmo.
As organizacións sindicais insisten en que esa puntuación ten que incrementarse.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
O apartado 1.b) deste precepto valora a representatividade da entidade solicitante de 0 a 5 puntos.

A CEG segue a considerar que a puntuación máxima debería incrementarse a 6 puntos, a outorgar no caso das entidades cunha representatividade intersectorial superior ao 24% atendendo a súa necesidade de dar maior cobertura ás empresas e ás persoas traballadoras derivado do seu nivel de representatividade.

Segunda.- Artigo 23. Criterios de valoración para as solicitudes presentadas das liñas 1 e 2.
No punto noveno establécese o cumprimento das obrigas derivadas das subvencións concedidas no período dos tres exercicios anteriores nas subvencións obxeto da presente orde e barémase con 5 puntos unha porcentaxe de execución que superase o 90%.

A CEG considera que deberían ser catro puntos xa que este último tramo comprende una execución entre o 90% e o 100%, isto é do 10%. Polo tanto, proponse un cambio nos tramos de tal xeito que os dous últimos tramos sexan: o que vai do 70% ao 85% e o que supere o 85%.

Proponse tamén que se incremente un punto respecto ó tramo anterior po lo que pasaría de 3 a 4 puntos.

Con este motivo propoñemos dar coherencia ao baremo aplicando criterios homoxéneos nos incrementos das porcentaxes de execución.

Número ditame
46