Pasar al contenido principal

Ditame 48/19

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:51
Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022).
  1. ANTECEDENTES

 

O día 8 de novembro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022). Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

 

Segundo a exposición de motivos, “unha das prioridades de actuación do Plan Estratéxico Galicia 2015-2020 é o aumento da empregabilidade e produtividade dos traballadores e traballadoras de Galicia a través da formación e innovación constante, sendo un dos seus obxectivos estratéxicos aumentar a inserción laboral e o emprendemento, especialmente para as persoas con especiais dificultades para atopar traballo, co reto de lograr un mercado de traballo máis inclusivo que integre de xeito normalizado as persoas con discapacidade e aquelas que se atopen nunha situación de exclusión”.

 

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destacan os seguintes puntos:

 

Poderán ser beneficiarias das axudas, segundo o artigo 6, as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as condicións relacionadas neste artigo, entre elas, tratarse dunha entidade que ten como finalidade a inserción ou inclusión sociolaboral de colectivos en situación ou risco de exclusión social.

 

As subvencións obxecto deste programa van dirixidas ao desenvolvemento dun programa integral de intervención, denominado programa de posta a punto para o emprego e o artigo 7 define as fases que deberá contemplar o dito programa.

 

Segundo o artigo 9, a contía das axudas establécese en 6.000 euros por cada persoa que complete a súa participación no programa.

 

O artigo 16 establece que o procedemento de concesión destas axudas será o de concorrencia competitiva, recollendo o artigo 17 os diferentes criterios de valoración a ter en conta pola comisión de avaliación.

 

Finalmente, o artigo 33 recolle o orzamento coa distribución por anualidades, correspondendo a 2020 a contía total de 1.200.000 euros.

 

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

 

 

 

  1. CONTIDO.

 

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022)” consta de: Exposición de motivos, trinta e catro artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

 

O día 28 de novembro de 2019 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e doce específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

 

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración  específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha consideración xeral e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo II)

 

 

 

DITAME 48/2019

 

 

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras de axudas para a realización dun programa de posta a punto para o emprego, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), e se procede á súa convocatoria plurianual (2020 a 2022)”, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de novembro  de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

 

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Obsérvanse algúns erros de carácter lingüístico en materia de xénero no proxecto normativo como o uso das barras, por exemplo “traballador/a social” e  “educador/a social” entre outros no artigo 7, “secretario/a” artigo 16 que non é a solución máis axeitada para respectar a linguaxe inclusiva. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

 

Igualmente, obsérvase o emprego das letras j e k na clasificación do artigo 24, que son impropias do alfabeto galego. A Secretaría Xeral de Emprego xustifica o seu emprego facendo referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.

 

 

 

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

 

Primeira.- Artigo 5. Definicións.

Este Comité considera que se debería ampliar o contido que recolle este artigo, no sentido de seguir a liña observada noutros proxectos que presentan unhas definicións máis completas.

 

A título exemplificativo, na definición de persoa desempregada bótase en falta a especificación de que se trate dunha persoa figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego.

 

Segunda.- Artigo 6. Entidades beneficiarias das subvencións.

Este Comité considera que o título deste artigo debería ser “Entidades beneficiarias”, tal e como aparece noutras ordes e co obxeto de non repetir no título do artigo de forma recurrente “a subvención”.

 

Terceira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias das subvencións.

O apartado 1 deste precepto esixe ás entidades, para poder beneficiarse destas axudas, estar ao día no cumprimento das súas obrigas rexistrais.

 

Este Comité propón que concrete a que obrigas rexistrais se está a referir.

 

Cuarta.- Artigo 7. Actividades subvencionables. O programa de posta a punto para o emprego.

Este Comité considera que o título correcto desde artigo sería “Actividades subvencionables”, polo mesmo motivo que o apuntado na consideración específica segunda.

 

Quinta.- Artigo 7. Actividades subvencionables. O programa de posta a punto para o emprego.

Segundo o apartado 3 deste precepto, a incorporación das persoas participantes ao programa pode ser sucesiva.

 

Tendo en conta que o mesmo apartado esixe un mínimo de 50 persoas participantes, este Comité considera que se debería precisar cal é o momento en que se debe cumprir con ese mínimo de asistencia referido.

Sexta.- Artigo 8. Gastos subvencionables.

Segundo o apartado 2, ítem quinto, considéranse gastos subvencionables os gastos administrativos e de xestión asociados á execución do programa. Como gastos administrativos e de xestión poderase imputar ata un máximo do 10 % do orzamento total do programa, sen necesidade de xustificación documental.

 

Este Comité considera que non procede o último inciso, resaltado en cursiva, polo que debería eliminarse.

 

Sétima.- Artigo 9. Contía das axudas.

Este Comité considera que a contía das axudas prevista neste artigo debería incrementarse  na liña doutras programas con fines similares.

 

Oitava- Artigo 11. Documentación complementaria.

O apartado 3 deste artigo fai referencia, erroneamente, ás persoas interesadas cando o correcto sería referirse ás entidades intersadas.

 

Obsérvase o mesmo nos artigos 13, 15, 18 e na disposición adicional segunda.

 

Novena- Artigo 18. Resolución e recursos.

Segundo o apartado 3 o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses.

 

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dun prazo máximo.

 

Décima- Artigo 23. Pagamento da axuda.

Á vista da redacción do apartado 6 deste artigo e a do apartado f) do artigo 24, este Comité propón que se harmonicen ambas redaccións.

 

Décima primeira- Artigo 23. Pagamento da axuda.

O apartado 6 deste artigo establece que non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, teña pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

 

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “outra débeda”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.

 

Por outro lado, a resolución de procedencia de reintegro debería ter carácter firme, do mesmo xeito que figura noutras ordes.

 

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 24.f).

Décima segunda- Artigo 30. Presentación das solicitudes.

Este artigo fixa nun mes o prazo de presentación de solicitudes.

 

Este Comité considera que estamos ante un prazo escaso e que debería incrementarse.

 

 

ANEXO I

 

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA.

Artigo 7. Actividades subvencionables. O programa de posta a punto para o emprego.

Segundo o apartado 3 deste precepto, a selección das persoas participantes no programa realizarse pola entidade solicitante.

 

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que a selección debe facela o Servizo Público de Emprego para facilitar a inclusión e evitar situacións de discriminación.

 

ANEXO II

 

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

 

Consideración xeral:

A CEG considera que se debería engadir unha liña específica adicional neste proxecto que dea apoio ás empresas que estean en disposición de contratar a persoas incluídas nos colectivos aquí referenciados. En liña co exposto na exposición de motivos, onde se indica que se terán en conta acordos de colaboración coas empresas que faciliten a inserción laboral, parece axeitado incentivar a contratación deste colectivo, contribuíndo así aos fins perseguidos polo programa regulado nesta orde.

Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 7.Actividades subvencionables. O programa de posta a punto para o emprego.

O apartado 5 deste artigo esixe unha xornada laboral non inferior ao 75% da xornada ordinaria no sector aos efectos de valorar a inserción laboral.

 

A CEG considera que debería rebaixarse esa esixencia ao 50% da xornada ordinaria, xa que unha maior flexibilidade favorecería aos colectivos específicos destinatarios.

 

Segunda.- Artigo 7.Actividades subvencionables. O programa de posta a punto para o emprego.

Segundo o apartado 8, deberá asignarse ao programa un equipo de traballo a xornada completa.

 

A CEG propón que se prevexa a posibilidade de contratación a xornada parcial.

Número ditame
48