- ANTECEDENTES
O día 15 de novembro de 2019 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, mediante este proxecto búscase “fomentar a igualdade de xénero no ámbito laboral, a corresponsabilidade e a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, das persoas traballadoras, en equilibrio coas necesidades organizativas da empresa, apoiando a elaboración e implantación de plans de igualdade, a adopción de medidas de flexibilización temporal ou espacial da xornada e do horario do traballo, dando cumprimento ao establecido pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e ao Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade”.
Vistos o borrador agora remitido, o texto da mesma orde para o exercicio de 2019 (publicado no DOG o día 28 de xaneiro de 2019) e o ditame emitido polo Consello con data 20 de novembro de 2018 (Ditame 39/2018), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Increméntase presuposto total da orde, que pasa de 1.504.198 de euros a 2.000.000. En canto á asignación orzamentaria por liñas, obsérvase que a contía aumenta no caso da Liña I e da Liña II subliña 2; minórase no caso da Liña II subliñas 1 e 3. Pola súa banda, mantense a contía para a liña II subliña 3 (artigo 4).
En canto aos requisitos da empresas solicitantes, o artigo 5 aumenta o número mínimo de persoas traballadoras da empresa de 6 a 8. Ademais, no caso da Liña I fixa, como novidade, un máximo de 150.
Engádese un novo requisito que require que as entidades teñan unha taxa de estabilidade cando menos do 50% desde o 1 de xaneiro de 2020 e durante todo o período de execución das axudas.
O prazo de presentación de solicitudes (artigo 25) redúcese de 45 días naturais a 30.
Polo que respecta aos criterios de valoración (artigo 30), engádense algúns criterios novos como o sector de actividade ao que pertence a empresa ou a integración laboral de persoas con discapacidade
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
- CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións finais.
O día 2 de decembro de 2019 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.
Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: catro consideracións xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).
|
DITAME 52/2019
|
En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE), e procédese á súa convocatoria para o ano 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de novembro de 2019, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2019, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:
Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
Obsérvase que se incrementa o número mínimo de persoas traballadoras coas que deben contra as empresas solicitantes de 6 a 8.
Este Comité propón que se recupere o anterior límite mínimo de 6 persoas traballadoras para que sexa posible ampliar o impacto do obxectivo perseguido, tendo en conta o tamaño do tecido empresarial na nosa Comunidade Autónoma.
Segunda.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
Para a Liña I, este artigo fixa o máximo de persoas traballadoras coas que pode contar a empresa solicitante en 150.
Este Comité considera que ese límite máximo se debería establecer en 250 persoas traballadoras en coherencia co previsto no Real Decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación.
Terceira.- Artigo 10. Requisitos do acordo de teletraballo.
Aínda que se observa a inclusión dalgúns dos puntos adoptados de xeito unánime polo Observatorio de negociación colectiva do Consello Galego de Relacións Laborais que se recollen na cláusula tipo aprobada (https://www.cgrl.gal/wp-content/uploads/2018/04/clausula_tipo_sobre_teletraballo.pdf), este Comité considera que se debería incorporar todo o articulado.
Cuarta.- Artigo 36. Documentación acreditativa.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria non estea ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.
Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á beneficiaria subsanar a situación de ter “calquera débeda pendente”, xa que pode non ser coñecedora da súa existencia. Non se trata de que a administración coñeza a débeda, senón que a coñeza a entidade beneficiaria.
Segundo o mesmo apartado, tampouco poderá realizarse o pagamento cando a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.
Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.
Quinta.- Artigo 41. Reintegro.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.
Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego. Na resposta remitida pola Secretaría Xeral de Emprego, respecto deste punto da consideración no ditame anterior, faise referencia ás pautas lingüísticas do DOG para manter a concordancia dos textos nas versións galega e castelá. Porén, este Comité considera que debería prevalecer o rigor lingüístico e propón o emprego doutras fórmulas que sexan coincidentes en galego e castelán.
Sexta.- Artigo 44. Axudas baixo condicións de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas e inclúense, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.
Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos tal como se fai no artigo 29, apartado 4, do proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras para o ano 2016, o cal fala de empresas en lugar de sectores.
Sétima.- Disposicións finais.
Obsérvase que as dúas disposicións finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enuncialas.
ANEXO I
CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:
Consideracións xerais:
Primeira.
En relación coa consideración xeral unánime primeira, as organizacións sindicais consideran que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a obtención das certificacións de normas ou estándares en materia de RSE e esquece todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.
Ao mesmo tempo, sitúa nun lugar insignificante a consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral, cando todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.
Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité queren resaltar o feito de que o teletraballo, en si mesmo, non constitúe unha medida de conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Dado que a finalidade deste proxecto normativo é subvencionar ese tipo de medidas, isto debe ser tido en conta tanto respecto das solicitudes de axudas como do procedemento, para asegurar que se empregue a técnica do teletraballo acorde ao espírito da norma.
Terceira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que as empresas que veñen legal ou convencionalmente obrigadas a elaborar un Plan de Igualdade, deberían estar excluídas como beneficiarias das axudas recollidas neste proxecto de orde.
Por outra parte, considérase que as empresas que voluntariamente adopten un Plan de Igualdade deberían negocialo coa representación legal das persoas traballadoras.
Finalmente, enténdese que o Servizo de Igualdade da Consellería de Economía, Emprego e Industria debería esixir, como contidos mínimos do informe de diagnose, os seguintes:
- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).
- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)
- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)
- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)
- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...)
- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.)
- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.)
- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.)
- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).
Cuarta.
Neste proxecto de orde deberían recuperarse as axudas para eliminar a infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes previstas na Orde para o exercicio de 2015.
Consideración específica:
Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.
Segundo o apartado h): “no caso de contratación dunha persoa experta en igualdade, copia do contrato xunto coa documentación xustificativa da súa formación ou experiencia nesta materia ou compromiso por parte da empresa de que se vai contratar unha persoa experta en igualdade”.
As organizacións sindicais que integran este Comité propoñen eliminar a parte en cursiva de ese parágrafo.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
Primeira.- Artigo 5. Requisitos das empresas solicitantes. Liñas I, II e III.
A CEG considera que debería habilitarse a posibilidade de que poidan ser beneficiarias das axudas correspondentes a estas liñas, as agrupacións de diferentes empresas que pertenzan a un mesmo sector ou sectores afíns e, igualmente, que estas agrupacións de empresas poidan estar representadas por asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, de 1 de abril, sobre a regulación do dereito de asociación sindical, con representatividade no ámbito da CCAA de Galicia así como polas fundacións sectoriais paritarias nacidas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.
Segunda.- Artigo 34. Forma de pagamento e xustificación.
No apartado 2 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.
A CEG propón que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.