I. ANTECEDENTES
O día 3 de marzo de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas para a contratación de persoas traballadoras remudistas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Mediante esta orde, e segundo a exposición de motivos, “deséñase un programa de axudas a contratación de remudistas no marco do artigo 12.7 do Estatuto dos Traballadores para evitar o atranco á retención do talento xuvenil en Galicia, así como ao necesario proceso de retención de coñecemento nas empresas nos procesos de remuda xeracional”.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
Segundo o artigo 1, este programa ten a finalidade de favorecer a substitución nos cadros de persoal das empresas, das persoas traballadoras próximas a xubilación por persoas mozas menores de 30 anos desempregadas ou cun contrato formativo na mesma empresa, ou menores de 35 anos cun contrato temporal na mesma empresa ou persoas desempregadas maiores de 45 anos, garantindo a non destrución de postos de traballo unha vez que as persoas traballadoras que os ocupaban rematen a súa vida activa.
As axudas recollidas financiaranse cun crédito de 1.000.000 de euros (artigo 4).
O artigo 6 esixe ás entidades, para poder ser beneficiarias das axudas, ter a condición de peme e unha taxa de estabilidade mínima dun 70% no mes anterior ao da realización do contrato de remuda.
Serán subvencionables ao abeiro deste programa os contratos de remuda a xornada completa e por tempo indefinido, así como os de duración determinada sempre que neste suposto conste o compromiso de conversión a indefinido no momento da súa finalización, que se realicen desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 30 de setembro de 2020 (artigo 20).
En canto á contía dos incentivos, o artigo 22 establece que as contratacións de remuda incentivaranse cunha axuda de 7.500 euros por cada contrato, contía que se incrementará nun 5% se a persoa contratada é muller, unha persoa con discapacidade ou se a actividade da entidade solicitante pertence ao ámbito de sectores estratéxicos (casos acumulables entre si). Ademais, o incremento será dun 10% no caso de postos de traballo en que o remudista vaia desenvolver funcións relacionadas coa adaptación tecnolóxica da empresa.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas para a contratación de persoas traballadoras remudistas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, vinte e oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 11 de marzo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións unánimes e recolle as seguintes consideracións non unánimes: 1 xeral manifestada pola CIG (Anexo I), 3 específicas manifestadas por UGT-GALICIA e a CEG (Anexo II) e 3 específicas manifestadas pola CEG (Anexo III).
DITAME 3/2020
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas para a contratación de persoas traballadoras remudistas, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de marzo de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG.
A CIG considera que este proxecto ven encamiñado a dar cobertura a unha serie de medidas no marco do chamado diálogo social, como claramente se manifesta nas memorias explicativa e económica.
Na mesma liña de dar contido aos acordos, subscribiuse tamén un convenio de colaboración que concede unha subvención directa ás entidades asinantes para financiar gabinetes técnicos como se describe na cláusula segunda.
O devandito convenio adxudicouse por concesión directa, sen a preceptiva definición do obxecto das subvencións nin acreditación do seu interese público, social, económico, humanitario ou que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública.
Baixo o criterio da CIG, predetermínase a identidade dos beneficiarios, con claro prexuízo doutros posíbeis interesados que se terían presentado no caso de que a convocatoria fose pública, como é o caso da propia CIG.
Polo exposto, a CIG decide non facer ningún tipo de achega ou aportación a este proxecto normativo ao entender que o convenio subscrito entre as organizacións asinantes exclúe deliberadamente a CIG, o que supón un trato discriminatorio e unha represalia por unha decisión sindical lexítima e soberana.
ANEXO II
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS MANIFESTADAS POR UGT-GALICIA E A CEG.
Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O punto 4 deste artigo exclúe de ser entidades beneficiarias aos centros especiais de emprego, as empresas de inserción, as entidades de formación e as entidades sen ánimo de lucro.
Tendo en conta que esta orde ten como obxectivo favorecer a substitución nos cadros de persoal das empresas por desempregados de menor idade, non deberían darse tantas restricións en función do tipo de entidade.
Ademais, en ordes similares de outras comunidades autónomas pódese acceder a este tipo de axudas sen restrición algunha.
Polo tanto, proponse que as entidades citadas no primeiro parágrafo desta consideración poidan obter a condición de entidades beneficiarias e soamente se exclúan de tal posibilidade as sociedades públicas e as entidades vinculadas ou dependentes.
Segunda.- Artigo 7. Solicitudes e prazos.
O apartado 5 establece que o prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2020.
Considérase que o prazo debería ser más amplo e, polo menos, ata o 30 de outubro de 2020 para homoxeneizalo así coas outras axudas.
Terceira.- Artigo 13. Resolución e recursos.
Segundo o apartado 2 deste artigo, o prazo para resolver as solicitudes será de 3 meses.
Este prazo considérase excesivo e debería circunscribirse a un período inferior tendo en conta o período de vixencia deste proxecto e o feito de que se trata dun procedemento sen concorrencia competetiva.
ANEXO III
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG.
Primeira.- Artigo 6. Entidades beneficiarias.
O apartado 6 establece unha serie de limitacións para obter a condición de entidade beneficiaria.
A CEG considera que o dito apartado debería eliminarse, e limitarse ao recollido tanto na Lei de Subvencións como na LISOS que xa entra no marco normativo do artigo 2 deste proxecto e é redundante recollelo tamén neste precepto.
Segunda.- Artigo 27. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este artigo obriga á entidade beneficiaria a manter no cadro de persoal á persoa contratada durante un período de dous anos.
A CEG propón que esa obriga se rebaixe a 20 meses atendendo ao regulado na mesma norma en outras comunidades autónomas e por entender que sería un prazo suficiente como compromiso de estabilidade.
Terceira.- Artigo 28. Reintegros.
Este artigo contempla como período de incumprimento o mes no que se leva a cabo a substitución da persoa contratada.
A CEG propón que soamente se compute como tempo de incumprimento o período durante o cal esa substitución non é efectiva e que isto se especifique de maneira expresa neste artigo.