I. ANTECEDENTES
O día 3 de marzo de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder de empresas en crise. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.
Segundo a exposición de motivos, este programa buscaría “paliar as consecuencias que teñen os expedientes de regulación de emprego derivados de empresa en crise sobre o mercado laboral e as persoas traballadoras”.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame e do seu contido destácanse os seguintes aspectos:
O artigo 1 establece que esta orde ten por obxecto regular a convocatoria de axudas para paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder dunha empresa en crise, a través de dous programas:
Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas a ingresar polo Convenio Especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.
Programa II. Axudas de pagamento único dirixidas a compensar ás persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa.
Polo que respecta ao Programa I, a contía mensual desas acudas será o importe da cota que cómpre aboar por convenio especial á TXSS co límite de 500 euros/mes e límite total da axuda en 6.000 euros (artigo 5). A duración da axuda será dun máximo de 12 mensualidades consecutivas.
En canto ao programa II, a axuda consistirá nunha cantidade a tanto alzado (artigo 10) que non poderá superar a cantidade deixada de percibir en concepto de indemnización e que pode acadar hasta os 1.950 euros segundo a base de cotización media por continxencias comúns.
O crédito orzamentario asignado a estas axudas é de 800.000 euros, a metade para cada un dos dous programas (artigo 30)
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder de empresas en crise” consta de: Exposición de motivos, trinta e dous artigos, tres disposicións adicionais e unha disposición final.
O día 11 de marzo de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións unánimes e recolle as seguintes consideracións non unánimes: 1 xeral manifestada pola CIG (Anexo I) e unha específica manifestada por UGT-GALICIA (Anexo II).
DITAME 5/2020
En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por proceder de empresas en crise, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de marzo de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:
ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG.
A CIG considera que este proxecto ven encamiñado a dar cobertura a unha serie de medidas no marco do chamado diálogo social, como claramente se manifesta nas memorias explicativa e económica.
Na mesma liña de dar contido aos acordos, subscribiuse tamén un convenio de colaboración que concede unha subvención directa ás entidades asinantes para financiar gabinetes técnicos como se describe na cláusula segunda.
O devandito convenio adxudicouse por concesión directa, sen a preceptiva definición do obxecto das subvencións nin acreditación do seu interese público, social, económico, humanitario ou que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública.
Baixo o criterio da CIG, predetermínase a identidade dos beneficiarios, con claro prexuízo doutros posíbeis interesados que se terían presentado no caso de que a convocatoria fose pública, como é o caso da propia CIG.
Polo exposto, a CIG decide non facer ningún tipo de achega ou aportación a este proxecto normativo ao entender que o convenio subscrito entre as organizacións asinantes exclúe deliberadamente a CIG, o que supón un trato discriminatorio e unha represalia por unha decisión sindical lexítima e soberana.
ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA.
Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo recolle os supostos no que debe atoparse unha persoa traballadora para dar lugar a axuda regulada nesta orde.
Esta organización sindical considera que pode haber entidades que estean en situación de crise pero nas que non concorran as circunstancias descritas neste apartado e que deberían poder ser beneficiarias das axudas ao acreditar graves dificultades económicas, aínda sen atoparse nos supostos previstos no artigo que nos ocupa e que son moi restritivos (concurso de debedores, morte ou xubilación do empresario, entre outros).