Pasar al contenido principal

Ditame 6/20

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:51
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021 e a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de maio de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021 e a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Á vista da situación excepcional creada pola epidemia COVID-19, xa se introduciron diversas flexibilizacións na execución das accións formativas financiadas no marco do procedemento TR301K, en canto a límites horarios, reprogramación e posibilidades de impartición mediante medios telemáticos.

Segundo a exposición de motivos, cómpre modificar tamén determinados artigos das bases reguladoras e da convocatoria do antedito procedemento TR301K, para adecuar á situación de forza maior diversos aspectos relacionados coa asistencia de alumnado e o seu control, aforo das instalacións, posibilidade de quendas e adecuación dos requisitos de xustificación e liquidación aos cambios, por razóns de distanciamento social e de saúde pública, o que pode provocar a cancelación de diversos cursos ou a diminución do número de alumnado participante naqueles que se executen.

Os artigos 1, 2 e 3 modifican a orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K; en concreto, modifícanse os seguintes artigos da dita orde:
O artigo 18 engade un novo apartado que especifica o réxime que se aplica ás accións formativas segundo terminaran de executarse antes do 13 de marzo de 2020, foran interrompidas nesa data ou continúen ou comecen a súa execución con posterioridade (artigo 1 do proxecto).

No mesmo sentido, tamén se engade un novo apartado no artigo 19, no referente a mínimos e máximos de alumnado participante nas accións formativas (artigo 2 do proxecto).
Finalmente, engádese un artigo 35.bis que vén a recoller unhas especificacións de control de asistencia e posibilidade de quendas por razóns de saúde (artigo 3 do proxecto).
Pola súa banda, os artigos 4 e 5 deste proxecto, modifican a orde do 17 de abril de 2019 pola que se convoca o procedemento TR301K; en concreto, modifícanse os seguintes artigos da dita orde:
O artigo 2.5 especifica como proceder ao cálculo do custo unitario no suposto de que a formación se impartira mediante teleformación e/ou aula virtual. Tamén incrementa o custo unitario de 3 a 6 euros por persoa alumna e hora de prácticas no caso de que o módulo de prácticas teña lugar, parcial ou totalmente, con posterioridade ao 13 de marzo de 2020 (artigo 4 do proxecto).
Finalmente, o artigo 5 deste proxecto engade unha disposición adicional oitava que amplía por tres meses os prazos de execución, xustificación, comprobación da execución e liquidación no caso das accións formativas que continúen ou comecen despois do 13 de marzo de 2020.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021 e a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19” consta de: Exposición de motivos, cinco artigos e unha disposición final.

O día 22 de maio de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e nove consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

DITAME 6/2020

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se modifican parcialmente a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento TR301K polo que se establecen as accións formativas do plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2019-2021 e a Orde do 17 de abril de 2019 pola que se procede á primeira convocatoria do procedemento TR301K pola que se subvencionan as accións formativas do Plan formativo para o emprego (persoas traballadoras desempregadas) da Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2019 e 2020, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia do COVID-19, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de maio de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de maio de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que se deben introducir criterios de flexibilidade para a imputación de gastos e a súa xustificación, para dar cabida ao sobrecusto que pode implicar a execución destas accións nas circunstancias excepcionais reguladas nestas propostas de modificación. Así, deberían eliminarse na orde todas as referencias seguintes: “sen que isto poida supoñer un incremento da subvención” ou “do custo máximo financiable”.

Segunda.
Para este Comité, a necesidade de establecer un protocolo hixiénico-sanitario é imprescindible para o correcto desempeño das accións coas condicións de seguridade necesarias. Isto debe incluír a posible existencia de casos positivos de COVID19 entre o alumnado, docentes ou persoal do centro dado que a posible suspensión da acción formativa non depende do dito centro, polo que se requirirá celeridade nas actuacións e debe quedar recollido no dito protocolo, entre outras medidas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1. Modificación do artigo 18 das bases reguladoras.
Este Comité considera que debe recollerse neste artigo, de xeito expreso, que se abonará a totalidade dos gastos realizados e executados, independentemente do número de alumnos finalizados, dado que a interrupción das accións de foma brusca e sorpresiva non é achacable aos centros de formación, polo que non existe incumprimento ningún.

Proponse que se estableza un sistema de compensación polos gastos extraordinarios que supón para os centros a posta en marcha das actuacións do programa de AFD, derivados da crise da COVID19.

Segunda.- Artigo 1. Modificación do artigo 18 das bases reguladoras.
Segundo este artigo:”aquelas accións formativas que fosen interrompidas na súa execución na dita data, por mor das medidas adoptadas como consecuencia do COVID-19, poderán ser obxecto de liquidación, no que atinxe á parte executada antes do 13 de marzo de 2020, polas horas realmente realizadas, o que dará lugar a unha liquidación parcial, á que se lle aplicarán os requisitos ordinarios contidos nestas bases, á marxe de que rematasen ou non por completo o número de horas previstas”.

Este Comité propón que se aclaren os termos e o alcance do establecido nese parágrafo, xa que xera dúbidas respecto aos supostos nos que se daría a liquidación parcial.

Terceira.- Artigo 1. Modificación do artigo 18 das bases reguladoras.
Segundo este precepto, artigo 18.7.d) da orde queda modificado no seguinte sentido: “no momento da liquidación garantirase a percepción dun mínimo do 50% do importe inicialmente concedido por cada acción formativa executada, se esta remata na súa totalidade de horas cun número de persoas alumnas equivalente, cando menos, ao 25% do número de prazas contempladas para o cálculo da resolución de concesión da subvención”.

Este Comité considera que esa porcentaxe mínima do 50% é insuficiente e debería incrementarse.

Cuarta.- Artigo 2. Modificación do artigo 29 das bases reguladoras.
Este artigo establece que o número máximo de persoas alumnas participantes en cada curso en modalidades presencial e mixta será de 1 persoa por cada dous metros de distancia de seguridade (frontal, lateral e traseira) por aula ou taller.

Este Comité propón que, no caso de non ser posible esa separación de dous metros, a entidade beneficiaria fará proposta fundamentada de diferentes medios e espazos alternativos á autoridade correspondente, que deberá resolver á maior celeridade co obxecto de non causar un maior prexuízo ao alumnado e aos centros de formación.

Quinta.- Artigo 2. Modificación do artigo 29 das bases reguladoras.
Segundo este precepto, para os supostos de uso de aula virtual, o máximo de alumnado virá determinado polo que aplique á modalidade de impartición que corresponda.

Este Comité considera que deberían articularse os criterios de execución para a aula virtual xa que non son, necesariamente, os mesmos que para a teleformación.

Sexta.- Artigo 3. Redacción do artigo 35 bis das bases reguladoras.
Este artigo fai referencia ao suposto de que a entidade acredite suficientemente que non pode implementar algún dos sistemas de control de asistencia con anterioridade ao comezo ou continuación da acción formativa.

Este Comité considera que se debería concretar o xeito de acreditar a dita realidade, xa que esa redacción pode producir inseguridade xurídica.

Sétima.- Artigo 3. Redacción do artigo 35 bis das bases reguladoras.
Este artigo establece que, na modalidade presencial, as limitacións de horario por aula e taller serán compatibles coa posibilidade de que as entidades de formación programen quendas de alumnado para asistir a unha acción formativa concreta, coa finalidade de cumprir cos límites de aforo e a relación de persoas por metro cadrado aplicables, sen que isto supoña incrementar o importe da subvención concedida.

Este Comité considera que isto é de difícil realización, senón se contempla a posibilidade de financiar o dobre custo que supón a execución nos termos aquí recollidos.

Oitava.- Artigo 3. Redacción do artigo 35 bis das bases reguladoras.
Respecto ao módulo de prácticas, este Comité considera que é complicado que as empresas, dadas as circunstancias actuais, poidan acoller ao alumnado para a realización de prácticas nos termos previstos na orde do 17 de abril de 2019.

En consecuencia, proponse que se contemplen medidas de suspensión das ditas prácticas ou medidas de flexibilización das mesmas por parte da Administración, substituíndoas por un proxecto ou algunha outra alternativa que determine o equipo docente.

Novena.- Artigo 4. Modificación do artigo 5 .
Este Comité considera necesario que a Administración Autonómica realice, de xeito áxil e cun carácter temporal, a homologación de plataformas para a formación online para aquelas entidades que querer recorrer a esta vía para a finalización das accións formativas desta orde.

Número ditame
6