Pasar al contenido principal

Ditame 7/20

Enviado el Mar, 12/12/2023 - 02:51
Ditame sobre o proxecto de orde pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de maio de 2020 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que achega o proxecto de Orde pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Solicítase o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

O contido deste proxecto é o seguinte:

O artigo 1 amplía en 257.568,12 € o crédito consignado no artigo 61 da convocatoria de axudas ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras para o ano 2020: 240.000 € para o Programa I e 17.568,12 € para o Programa II.

O artigo 20.2 da Orde do 30 de decembro de 2019 establecía, no seu apartado e), que a extinción antes dos seis meses do contrato dunha persoa en risco ou situación de exclusión social, subvencionada ao abeiro do artigo 24 desta orde, implicaba o reintegro do 100% da subvención concedida. O artigo 2 deste proxecto engade que, para estes efectos, non se terá en conta a extinción do contrato por inserción da persoa traballadora nunha empresa ordinaria mediante un contrato de traballo ou por incorporación a unha cooperativa de traballo asociado en calidade de persoa socia traballadora.

O mesmo precepto modifica ao artigo 37.3 da Orde do 30 de decembro de 2019, que engade como subvencionables os investimentos de inmobilizado inmaterial correspondente a propiedade industrial e aplicacións informáticas.

Finalmente, o artigo 3 deste proxecto abre un novo prazo de presentación de solicitudes para as axudas do programa I, que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Respecto do programa II, mantense o prazo previsto na orde do 30 de decembro de 2019.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición final.

O día 22 de maio de 2020 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións unánimes e recolle, como Anexo, catro consideracións específicas non unánimes manifestadas pola CIG.

DITAME 7/2020

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de maio de 2020, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de maio de 2020, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG.

Primeira.- Artigo 1. Ampliación do crédito orzamentario consignado na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
Este artigo amplía en 257.568,12€ o crédito consignado no artigo 61 da convocatoria de axudas ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras para o ano 2020.

A CIG considera que cómpre aclarar de que partida orzamentaria se detrae a devandita contía.

Segunda.- Artigo 2. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
O artigo 20.2 da Orde do 30 de decembro de 2019 prevé o reintegro do 100% da subvención concedida en caso de extinción, antes dos seis meses, do contrato dunha persoa en risco ou situación de exclusión social, subvencionada por esa mesma orde. Sen embargo, este proxecto de orde engade o seguinte no dito apartado: Para estes efectos non se terá en conta a extinción do contrato por inserción da persoa traballadora nunha empresa ordinaria mediante un contrato de traballo ou por incorporación a unha cooperativa de traballo asociado en calidade de persoa socia traballadora.

A CIG propón retirar a parte resaltada en cursiva, xa que entende que as entidades de inserción laboral deben cumprir co obxecto da subvención concedida e manter os contratos, en todo caso, durante un mínimo de 6 meses.

Terceira.- Artigo 2. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
Este artigo engade a posibilidade de conceder esta axuda durante un máximo de dúas convocatorias sucesivas.

Cando se inicia a actividade ou se apertura un centro de traballo xa se podía solicitar subvención por esas razóns. Polo tanto a CIG propón suprimir esta modificación da orde, xa que entende que se pretende subvencionar en dúas convocatorias polo mesmo obxecto.

Cuarta.- Artigo 3. Prazo de solicitudes.
A CIG propón que se suprima este artigo. Considera que si a apertura dun novo prazo para o Programa I das axudas é debido ao estado de alarma, este feito debería especificarse no propio texto deste proxecto normativo.

Número ditame
7